Feijóo pedirá o voto en Sudamérica a semana que vén

Imaxe da campaña do PP en Arxentina © PP Arxentina

Primeiro negada, despois confirmada e agora, con data. A prevista xira sudamericana de Alberto Núñez Feijóo para recabar apoios electorais entre os inscritos no Censo de Residentes Ausentes (CERA) xa ten ubicación no calendario. Será a vindeira semana e, á espera de coñecer cando comezará, xa ten un día marcado como especialmente relevante. Será o vindeiro sábado 15 cando o presidente da Xunta e candidato á reelección suba a unha tribuna na cidade de Bos Aires para facer precampaña.

Segundo consta nunha convocatoria do PP da Arxentina á que tivo acceso Praza Pública o acto botará a andar ás catro e media da tarde desa xornada e, para asistir a el, aos simpatizantes conservadores non lles abondará con achegarse o propio día. Se queren escoitar as palabras de Feijóo terán que retirar previamente unha "tarxeta de acceso" na sede do partido, na rúa San José da cidade. Esta é unha instrución asinada polo director do comité de campaña para Galicia dos populares arxentinos, Avelino García Melle.

Na Arxentina viven máis de 140.000 persoas das case 400.000 que forman o censo de residentes ausentes

A visita de Feijóo ao país sudamericano prodúcese tras coñecérense os datos definitivos do censo electoral para as eleccións do 21 de outubro o cal, como xa detallou este diario, volveu experimentar un notabilísimo incremento no que se refire ao denominado "voto emigrante". Nomeadamente, mentres que o número total de votantes sobe algo menos dun 2% o CERA aumenta case un 20%. Eses mesmos datos revelan tamén a especial importancia da Arxentina, onde viven 141.680 persoas das 397.284 que teñen dereito a elixir os membros do Parlamento galego malia non viviren en Galicia nin en ningún outro punto do Estado.

Feijóo é o primeiro pero se cadra non o último dos candidatos á Xunta que cruza o Atlántico antes do 21-O. Mentres que o BNG xa desbotou que Francisco Jorquera vaia pedir o voto a Sudamérica o comité de campaña do PSdeG aínda valora a posibilidade de que Pachi Vázquez si o faga. Nas estratexias dos partidos na emigración pesa tamén un factor novidoso e que, con toda probabilidade, só existirá nestas eleccións: a reforma da Lei Electoral -que o Goberno de Mariano Rajoy prevé mudar- esíxelles aos e ás emigrantes exercer o voto rogado, isto é, solicitar antes do 22 de setembro a participación nos comicios, factor que, como xa aconteceu nas xerais de 2011, reducirá previsiblemente a participación do exterior.

Convocatoria do mitin en Bos Aires © PP Arxentina

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.