Feijóo pide con Baltar un "correctivo duro" á esquerda que quere "colapsar o país"

Feijóo, con Baltar no mitin da Rúa © PPdeG

A dirección do PPdeG deixou claro no inicio da campaña que os avances na investigación xudicial do caso Baltar, coa investigación ao patriarca da saga na causa polo presunto ofrecemento de traballo a cambio de sexo que se lle imputa ao seu fillo, non ían influír no rango do barón ourensán dentro do partido. Só haberá medidas, suxeriron, se José Manuel Baltar é condenado. Así, no primeiro día da campaña do 26-X os máximos responsables do PP galego fixeron campaña en Ourense, o celeiro de votos no que en decembro aínda roldaron o 45% nas urnas. Alí, xunto a Baltar, Alberto Núñez Feijóo, presentou o voto ao PP como única alternativa ao "colapso" dunha esquerda para a que pide un "correctivo duro".

Tras dedicar a primeira parte da xornada a un dos albos fundamentais da formación conservadora nesta campaña, a recuperación do voto rural, Feijóo foi de Lugo a Ourense para tentar sementar a leira electoral ourensá en vilas nas que a forza do PP é agora un chisco menor que noutrora. Así, o presidente da Xunta paseou con Baltar polo Barco de Valdeorras, repartindo propaganda e falando con varios veciños, e rematou xornada con mitin na Rúa, compartindo escenario co titular da Deputación e mais co cabeza de lista do partido na provincia, Miguel Viso.

Cando o goberno depende da esquerda "hai desgoberno, hai parálise"

Cun PP de Ourense á procura do terceiro escano perdido en decembro -segundo o CIS, volverán ter dous-, Feijóo advertiu á concorrencia de que agora "é imprescindible votar" e facelo polo PP ante o "risco de inestabilidade e ruptura". Como fixera horas antes en Lugo, no seu mitin ourensán contrapuxo as fracasadas negociacións para formar Goberno en España non coa xestión dos catro anos anteriores do Executivo de Mariano Rajoy, senón co labor da Xunta. Ese é o mellor xeito de ver a "diferenza entre un país que ten goberno e un país que se para". Cando o goberno "depende" da esquerda "hai desgoberno, hai parálise e hai que repetir eleccións", sintetiza.

Feijóo: "Necesitamos que o pobo español estea á altura para mandar un correctivo duro"

O electorado, bosquexa Feijóo, está ante un panorama sen maioría absoluta, que "non é novo", porque o único "novo" e "o nivel de irresponsabilidade das mareas de Podemos, os socialistas e e os nacionalistas" e tamén de Ciudadanos, partido ao que o PP culpa da perda duns 15.000 votos en Ourense. "Agora máis que nunca necesitamos que o pobo español estea á altura para mandar un correctivo duro, non podemos darlles a oportunidade de que volvan a confundir a política cun plató de televisión, arengou", antes de pedir "os votos" contra "os vetos".

"O Goberno -continuou Feijóo- consiste en gobernar, non en estar de tertulia" e nestas eleccións "Rajoy é o único que presenta o que fixo e un programa de goberno", así como o único que está "preparado" e ademais, non "minte". Unicamente unha vitoria do PP asegura que "siga crecendo a economía, sigan a crearse oportunidades de traballo, as familias paguen menos impostos", sinalou Feijóo. O discurso do líder do PPdeG foi aplaudido por Baltar: "Queda un día menos para que España conte cun goberno estable, o que recuperou economicamente o país", auguro. 

Feijóo e Baltar, con outros cargos no paseo polo Barco CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.