Feijóo precisa unha ducia para non fracasar o 20-D

Feijóo, con Rey Varela e outros cargos, paseando por Ferrol CC-BY-SA PPdeG

O 22 de maio era, como este 18 de decembro, día de peche de campaña e Alberto Núñez Feijóo percorreu as sete cidades pedindo o voto para os seus respectivos candidatos. Previamente advertira de que o que se elixía eran alcaldes e alcaldesas e, en ningún caso, as eleccións municipais debían ser lidas como un referendo sobre o seu liderado ou a respecto do Goberno da Xunta. Sete meses despois, este venres, péchase a campaña das xerais e Feijóo realiza unha maratón final moi semellante: almorzo informativo en Ferrol, paseos na Coruña e Lugo e mitins en Ourense e Vigo. Un acelerón final á procura dunha ducia, a de deputados, sen a cal o balance do PPdeG podería ser lido como un fracaso na noite do 20-D.

Cando, o pasado día 3, o CIS fixo pública a súa enquisa preelectoral, prognosticando unha caída do PP galego dos seus actuais 15 escanos no Congreso a 10, o xefe do Goberno galego ratificou a súa aposta para a campaña: malia perder algo, o obxectivo é acadar a maioría absoluta de escanos, isto é, cando menos 12 dos 23 que se elixen. A expectativa de Feijóo baséase en que o PP só perda tres escanos, na Coruña, Pontevedra e Ourense. A do CIS contempla que perda dous na Coruña e un nas outras tres provincias, pero houbo inquéritos peores, como o de Sigma Dos para El Mundo, que rebaixaban o horizonte a 9 asentos, cunha perda de dous en Pontevedra.

Así as cousas, se o PP acada 12 escanos Feijóo poderá cantar vitoria na noite electoral con independencia de que, porcentualmente, poida ter diante de si un dos peores -ou mesmo o peor- resultados do partido en Galicia nunhas eleccións xerais. Se oscila nos 10-11, probablemente poderá dicir que o partido acadou en Galicia mellores resultados que no resto do Estado. Se baixa ata 9 o fracaso sería incuestionable e tería, sobre todo, un nome: Pontevedra, a provincia de Rajoy e das súas amigas e candidatas ao Congreso, Ana Pastor e tamén Pilar Rojo, presidenta do Parlamento galego que, no caso de non acadar o PP o terceiro escano pontevedrés, tería que ficar, cando menos de inicio, sen viaxar a Madrid.

Se o PP baixase ata os 9 escanos o fracaso sería incuestionable e tería, sobre todo, un nome: Pontevedra

Os populares galegos esforzáronse en Pontevedra cos seus efectivos locais pero tamén co propio Rajoy, que no antepenúltima día de campaña visitou Vigo e mais a capital da provincia, onde viviu en primeira persoa un episodio de violencia inédito contra un presidente en campaña e cuxa repercusión electoral está por ver, por máis que o propio agredido reclamase non tirar conclusións políticas do acontecido. Anuncios de obras diversas na provincia por parte da Xunta e da propia Pastor, candidata pero tamén ministra de Fomento e mesmo varios actos en Vigo do ministro Luis de Guindos completaron un despregamento que culmina co peche de campaña galega, con Feijóo na propia cidade viguesa. Todo para a provincia de Pontevedra pero sen o presidente provincial, Rafael Louzán, duplamente imputado pero ostentando un ambiguo posto de suplente ao Senado tras Marta Lucio, muller da súa plena confianza.

PSdeG, NÓS e En Marea

Se En Marea lograse a segunda praza no conxunto de Galicia impulsaría o seu perfil como alternativa á Xunta

O resultado do 20-D será un dos elementos que precisa Feijóo para decidir se, en menos dun ano, volve optar á Presidencia da Xunta, e tamén para comprobar a eficacia da estratexia deseñada polo seu director de campaña, o agora mediático conselleiro de Política Social e exalcalde de Ferrol, José Manuel Rey. Esta análise depende, en boa medida, do cumprimento ou non das expectativas xeradas para outra das forzas sobre as que se pousarán moitas olladas na noite electoral, En Marea. Se, como augurou o CIS, a coalición de Anova, Podemos e Esquerda Unida é quen de obter representación nas provincias do interior, monocultivos do bipartidismo dende hai tres décadas, implicaría que o fai grazas a unha notabilísima baixada no apoio porcentual do PP e tamén do PSdeG.

O PSdeG aspira a manter os seus 6 escanos e reivindícase como vía máis segura ao cambio

Un resultado desas características, máis aínda se é quen de conformar grupo propio, impulsaría o perfil da plataforma como posible líder dunha virtual alternativa de goberno pola esquerda nos comicios galegos. Isto sucedería, sobre todo, se o seu apoio cidadán é maior que o obtido por un PSdeG que, no treito final da campaña, advertiu de que só hai un "camiño" para "o cambio", tanto en España como en Galicia, e ese pasa por Pedro Sánchez. "Queremos gañar e a xente ten que votar o domingo para non arrepentirse o luns", di José Ramón Gómez Besteiro, a quen un resultado aceptable -a comezar por manter os 6 deputados que ten o PSdeG, como augura o CIS- lle daría certos folgos para seguir á fronte do partido mentres agarda polo desenlace da súa situación xudicial.

Tras os prognósticos das enquisas, obter representación sería lido como un éxito da traballada campaña de NÓS

A foto do 20-D galego completarase con dous elementos máis: a avaliación de se a representación parlamentaria de Ciudadanos existe ou non alén das enquisas e a observación de se NÓS-Candidatura Galega foi quen de inverter os prognósticos dos propios inquéritos, que maioritariamente viñeron deixando a candidatura na que participa o BNG fóra do Congreso. No caso de obter un escano -a priori, o máis doado sería o da Coruña- a traballada e creativa campaña da formación soberanista sería lida como un éxito na actual conxuntura, de inédita pugna pola terceira praza política no país, e como un triunfo aínda maior se a candidatura lograse manter os 2 postos logrados polo Bloque en 2011.

Mitin do PSdeG en Ribadavia CC-BY-NC-SA PSdeG
Acto de NÓS en Vigo CC-BY-NC-SA NÓS
Mitin de En Marea en Santiago CC-BY-SA En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.