Feijóo promete un novo "rexurdimento" de Galicia baseado no control do déficit

Feijóo, nun intre do discurso CC-BY-SA Praza Pública

Con menos expectación que hai catro anos e tamén con menos emoción. A ausencia de expectativa de cambio político rebaixou notablemente este martes a atención suscitada polo candidato á Presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no inicio do seu segundo debate de investidura. O líder dos conservadores galegos accedeu á tribuna do Pazo do Hórreo cun discurso de 49 páxinas, tres máis que hai tres anos e medio, para poñer en escena unha intervención con máis economía ca política e un ton xerencial que Feijóo encamiña cara a unha promesa de altos voos e difícil translación ao plano práctico: "un novo rexurdir de Galicia que sexa no século XXI a versión social e económica do que foi o Rexurdimento cultural no XIX".

Para a consecución desa gran empresa Fejóo presenta a súa propia xestión como o mellor aval: "un dos piares está posto, a solvencia da nosa comunidade", asegura, nun contexto no que debulla boa parte das súas ideas forza de campaña electoral: "Galicia volverá ser a autonomía con menos axustes", "Galicia está en mellores condicións para ser das primeiras en saír da crise" e "en Galicia será esta, por fin, a lexislatura na que se volverá falar de crecemento". E todo isto, como? "Non será sinxelo", respóndese, pero o país conta coa vantaxe de que "iniciou hai case catro anos un camiño alternativo" de control do déficit público e agora, por exemplo, "ningún dos membros do Goberno que tomen posesión vivirá a desagradable sorpresa de atoparse con imprevistos nos caixóns" nin con "buracos ocultos", afirmou, na que foi a única e velada referencia ao bipartito de PSdeG e BNG.

Máis "fondos" pero menos impostos

El, di, ten como modelo "aos cidadáns esforzados que non gastan por riba das súas posibilidades". E nesa mesma clave, a de administrador, debulla promesas xa coñecidas, como "manternos entre as comunidades que mellor pagan de toda España" ás que lle engade outras novas, entre as que destaca a creación dun "fondo para o crecemento" que, di, "incluirán" os Orzamentos Xerais para 2013. Sen definir con cantos cartos nin de onde sairán, o popular asegura ter prevista unha bolsa económica que "primará" investimentos "que contribúan ás principais reformas estruturais que precisa a economía galega", como no ámbito lácteo ou forestal ou os "investimento tecnolóxicos, viarios, sanitarios ou hidráulicos".

Feijóo promete un "fondo para o crecemento" nos Orzamentos de 2013 sen especificar o xeito en que o financiará

Das verbas de Feijóo cabe deducir que o financiamento dese novo fondo non chegará vía impostos, toda vez que a maior parte da vertente tributaria do seu discurso se centrou en anunciar "baixadas selectivas". Como xa fixera en 2009 o candidato volve prometer unha baixada do IRPF -aquela ficou aparcada-, desta volta dentro dunha Lei do Emprendedor e centrada nos "investimentos en capital de entidades de nova creación" por parte de "mozos emprendedores", cun 20% de rebaixa limitada a 4.000 euros ou o dobre se o investimento é en accións deste tipo de empresas.

Se cadra, o presidente in pectore agarda compensar esta baixada na recadación co "novo modelo de financiamento autonómico" polo que, asegura, loitará ante o Goberno central. Para isto, anuncia, a Xunta elaborará "un estudo no que se especifique o gasto no que incorre a nosa comunidade por cada servizo que presta", no que pesen factores como a dispersión poboacional ou o avellentamento. Dende San Caetano tamén se procurarán fondos no escenario europeo, asegura. Despois de dar por feito nos últimos meses que seguirían a chegar a Galicia axudas da UE malia perder a condición de "obxectivo 1", agora sinala que a súa intención é a de "propoñer a creación dun foro autonómico entre o Goberno central" e as autonomías que están no mesmo caso que Galicia -Andalucía e Castilla La Mancha-" que "nos permita coordinación e unidade de acción".

Menos Parlamento e decreto do galego

As novidades apuntadas por Feijóo no económico para o "novo rexurdimento" apoiado na "maioría maís ampla" do PP semellan que non chegarán a outros ámbitos, como o institucional ou o lingüístico. Así, mantén intacta a súa intención de recortar o número de escanos do Parlamento o máximo "posible" sen tocar o Estatuto -de 75 a 61- e presenta igualmente inmutable a súa política lingüística, tamén tras a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que invalida parte do denominado decreto do plurilingüismo. "O TSXG vén de avalar que nesta comunidade bilingüe o ensino sexa en equilibrio", mantén Feijóo, que dende a apelación á "liberdade" asegura, sen especificar como, que o seu Goberno será "coherente" e "actuará en consecuencia coa marxe de manobra que nos outorga a Xustiza", pero sen renunciar a, por exemplo, a "participación dos pais" -vetada polo Tribunal-.

O candidato mantén que o TSXG avala a súa política lingüística e promete vivendas públicas para persoas desafiuzadas

Salferido por periódicos aplausos dende a bancada do PP e escasos comentarios altisonantes pola banda da oposición o discurso de Feijóo, despoxado tamén de citas literarias, foi chegando á súa fin entre a recuperación de proxectos lexislativos xa avanzados, como a Lei de Garantías Sanitarias, e chiscadelas a preocupacións cidadáns que agora ocupan titulares, como a promesa de "poñer á disposición" de persoas afectadas por desafiuzamentos "o parque de vivendas de promoción oficial que están baleiras ou sen adxudicar". "Din que o mellor está por chegar", concluíu o actual e próximo presidente da Xunta. Á espera de saber se será o mellor, o que chegará o xoves será a parte central do debate, coa intervención de PSdeG, AGE e BNG e a réplica de Feijóo.

A bancada do PP apláudelle a Feijóo tras o discurso © PPdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.