Feijóo saca peito co sexto menor crecemento económico de Europa: "É igual que Alemaña"

Feijóo e Rueda, durante o pleno © Conchi Paz

A economía galega está estancada. Foi así en 2014 e continúa séndoo en 2015 tanto segundo os indicadores habituais como atendendo aos de nova creación. O escaso dinamismo económico e laboral veñen favorecendo que o país se afaste cada vez máis da converxencia coa Unión Europea na que avanzara durante a década pasada. Este é o escenario polo que o presidente da Xunta foi cuestionado este mércores no Parlamento, onde Alberto Núñez Feijóo deu en aferrarse á foto fixa dos últimos datos de crecemento do PIB para sacar peito. Galicia, proclama, medra "igual que Alemaña".

A pregunta fora formulada polo voceiro do BNG, Francisco Jorquera, quen lamentou o "retroceso" de "dez anos" no que atinxe á converxencia coa UE, toda vez que agora "a riqueza per cápita en Galiza é inferior en 17 puntos á media europea" mentres que hai apenas media década a diferenza era de 8 puntos. "A realidade é que a renda media dun galego é inferior en 3.000 euros" á media española, o que para o parlamentario do Bloque é a mellor "demostración" de que "a crise non castiga a todos por igual, nin no social nin no territorial". "Mentres vostede especula para dar o salto a Madrid deixa un deserto económico e social no noso país", censura.

Jorquera: "Mentres vostede especula para dar o salto a Madrid deixa un deserto económico e social no país"

Neste contexto o presidente da Xunta gábase de que a "discusión" sexa se Galicia "medra moito ou pouco", xa que "o certo é que medra". Nomeadamente, eloxia, "Galicia está medrando igual que Alemaña" e "máis que Italia e Austria". Nestas circunstancias, recomenda, Jorquera debera "contrastar cos datos oficiais" as novas da prensa para "trasladar" ao Parlamento "coherencias e non simplemente noticias". Ademais, subliña, "a converxencia de España con Europa se perdeu máis que a de Galicia con Europa", "non vaiamos enganar os galegos", xa que "os galegos sabemos ler e escribir, e sabemos interpretar".

Feijóo: "Os galegos sabemos ler e escribir, e sabemos interpretar"

Os datos aos que se refire o xefe do Executivo son os da evolución interanual do PIB. Recollendo a información do Instituto Galego de Estatística, por unha banda, e de Eurostat, pola outra, é posible comprobar que, efectivamente, no inicio do ano 2015 o crecemento da economía galega, do 0,9%, foi moi semellante ao da alemá, do 1,1%. Se ben isto é certo non o é menos que o crecemento galego foi o sexto máis baixo de toda a Unión Europea, moi afastado tanto do de España (2,9%) como dos países que máis medran: Romanía, República Checa e Malta, os tres por riba do 4%.

A diferenza entre a renda galega e a europea pasou de 8 a 17 puntos nos últimos anos

Non obstante, o optimismo dos datos expostos polo presidente rebáixase ao profundar un chisco máis neles. Así, por exemplo, o propio Eurostat acredita que, mentres que Galicia se afasta da converxencia europea, toda Alemañá agás oito territorios da antiga RDA manteñen unha renda per cápita superior á media europea. A esta diferenza contribúen, entre outros factores, a evolución dos salarios, que no conxunto da Unión Europea só minguaron entre 2008 e 2010 mentres que, segundo os datos máis recentes, en Galicia caen dende o ano 2009.

PIP per cápita rexional en relación coa media da UE © Eurostat

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.