Feijóo usa o derradeiro Consello antes da campaña para 'vender' a súa xestión

Feijóo, entre Rueda e Muñoz, durante o Consello © Ana Varela

"Seguimos demostrando que os esforzos feitos por Galicia para superar os problemas do déficit nos permiten facer máis apostas no benestar; volvemos proseguir co compromiso de mellorar a sanidade pública". Así comezou Alberto Núñez Feijóo a rolda de prensa celebrada este xoves tras o Consello da Xunta, a derradeira reunión do Goberno galego antes do inicio da campaña electoral. A poucas horas do inicio da carreira cara ás urnas o actual presidente puxo en escena ante a prensa o contido dunha orde do día inzada de informes -ata oito-, isto é, documentos sen valor legal ningún que lle permiten ao Executivo colocar ante a opinión pública cuestións do seu interese.

Feijóo afirma que seguirá "dando pasos por unha Galicia libre, unha Galicia bilingüe"

Entre os anuncios lanzados dende o atril de San Caetano figura, por exemplo que "o Servizo Galego de Saúde vai licitar a construción do centro de saúde do barrio de Galeras, en Santiago de Compostela", unha infraestrutura sanitaria que vén sendo demandada dende hai lustros na capital galega. Se ben este trámite -que a Xunta non especifica cando se producirá- pode realizarse sen pasar polo Consello, Feijóo empregouno para asegurar que esta foi "a lexislatura do compromiso coa sanidade pública, tanto en hospitais como en centros de saúde". "Temos rematado e funcionando o hospital de Lugo, está en obras o de Vigo, seguimos tramitando os viais e as expropiacións para o de Pontevedra, estamos ampliando o da Coruña", debullou.

E da sanidade, á educación. Tamén pola vía do informe -carente tamén, polo tanto, de valor executivo- Feijóo explicou que "podemos dicir que Galicia é a comunidade que máis avanzou na implantación" do ensino de idiomas na educación pública. "Galicia segue e seguirá comprometida co plurilingüismo nos próximos anos", promete, xa que "así o acreditan os datos" de "preto de 56.000 escolares que xa se benefician dos programas plurilingües financiados pola Xunta". Este plan "superou amplamente as expectativas" pero non vai parar. "Imos seguir dando pasos por unha Galicia libre, por unha Galicia bilingüe", proclamou.

O líder popular asegura que non "mestura" a súa condición de candidato coa de presidente

Xunto ás cuestións sanitarias, educativas e sociais -ámbitos nos que as forzas políticas diferentes do PP centran boa parte do seu argumentario de campaña, por mor dos recortes- a Xunta incluíu tamén na súa reunión semanal outro informe, elaborado pola Consellería de Facenda "sobre a execución orzamentaria doutras comunidades autónomas no segundo trimestre". Este documento do departamento que dirixe Elena Muñoz deulle pé a Feijóo para garantir que os seus investimentos en materia social "se poden facer executando o orzamento con normalidade, pagando mellor que os demais". "Ser unha comunidade solvente estanos permitindo executar a mellor ritmo e pagar a mellor ritmo"; mentres outras autonomías "non pagan", enfatiza. "A comunidade galega foi a segunda autonomía que mellor executou os seus investimentos durante os primeiros seis meses do ano", acrecenta o comunicado oficial.

É neste contexto no que o presidente e tamén candidato se lanzará á campaña electoral, período no que, afirma, non obstante, que non "mesturará" ambas condicións. "Teño que compartir e comprometer a Presidencia da Xunta" e "ata o último minuto haberá presidente e cumprirei, como non pode ser doutro xeito, os meus compromiso". Pero nunca haberá confusións, asegura. A carreira electoral está en marcha.

Feijóo, entre Rueda e Muñoz, durante o Consello © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.