Feijóo xustifica na abstención a caída dos populares que celebra a esquerda

Mitin de peche de campaña do PP © PPdeG

O líder do PPdeG e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recoñeceu que "nota" que os grandes partidos están a sufrir "unha diminución de apoio" pero presumiu de que o PPdeG mantén "un liderado claro e contundente" dobre o PSdeG en Galicia. "A diferenza de apoios está practicamente intacta malia que levamos cinco anos de goberno e de que o PSdeG renovou tres veces o seu liderado", dixo.

"Hai votantes do PP que non acudiron ás urnas", xustificouse Feijóo 

Ademais, Feijóo tamén apuntou a abstención e a irrupción de Podemos como causantes da importante perda de apoio do seu partido. "Hai votantes do PP que non acudiron ás urnas", chegou a dicir, pero presumiu de que os populares "gañaron as eleccións" en España e en Galicia e comprometouse a "seguir traballando" para "renovar a confianza e recuperar a motivación dos cidadáns na política". 

O candidato popular Millán Mon agradeceu o apoio dos cidadáns logo de que Feijóo destacase que España e Alemaña son os únicos Estados onde o partido de goberno gañou  os comicios. 

Pero todos buscan a súa pequena vitoria. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, valorou neste domingo o "xiro á esquerda en Galicia" que, segundo el, supuxeron estas eleccións, malia a importante perda de votos do seu partido. O líder dos socialistas galegos destacou que o PP tivo "o peor resultado nos últimos 25 anos" no país. 

Besteiro destaca que é "o peor resultados do PP nos últimos 25 anos"

Pola súa banda, AGE ve "reeditada a fazaña" das anteriores autonómicas pero tamén cre que "hai que seguir xuntando voces na esquerda" para "arrasar" nos vindeiros comicios. A súa candidata, Lidia Senra, asegurou estar "abrumada" e dixo ter renovado o seu "compromiso" cos movementos sociais e as organizacións para "dar a batalla" na Eurocámara e ser "a caixa de resonancia" dos problemas do país. "Hai que poñer ao descuberto a axenda oculta europea, que vive  unha carencia de democracia evidente", dixo. 

Pola súa banda, o BNG cualificou de "fantástico" o resultado obtido polos nacionalistas, xa que, en opinión do seu voceiro nacional, Xavier Vence, os votos recibidos xunto a Bildu permiten que a voz "contestaria" estea presente en Europa. O líder do Bloque lembrou que o resultado é "moi próximo" ao de 2009, mentres que a candidata Ana Miranda asegurou que "os excluídos deste país" terán unha voz "amiga" no Parlamento Europeo. Ademais, ningún dos dous quixo responder á pregunta de canto tempo ocupará o escano a que xa forma eurodeputada, unha resposta que darán este luns. 

AGE chama a "seguir xuntando voces na esquerda" para "arrasar" nos vindeiros comicios

Por outra banda, o secretario xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, afirmou que os resultados da formación “son o punto de partida para o noso verdadeira obxectivo, as eleccións municipais”.segurou que “para estas eleccións tiñamos tres obxectivos: o primeiro que se coñeceran máis as siglas de Compromiso por Galicia, e iso conseguise. O segundo é que se coñeceran referentes políticos novos de Compromiso por Galicia, e iso tamén se conseguiu. O terceiro obxectivo era subir en votos, e aquí os resultados son insatisfactorios, aínda que mantemos prácticamente a porcentaxe de votos”, con respecto ás eleccións galegas.

Mitin de peche de campaña do PP © PPdeG
Ana Miranda e Xavier Vence celebran os resultados CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.