Feijóo xustifica o ciclo sobre a prensa rosa nunha sede da Xunta

O delegado da Xunta, con organizadores e asistentes á charla © Xunta

"O que máis vende é un bo personaxe con noticia e o que máis de todo, unha voda de conto de fadas". "O glamour responde máis ao retoque do Photoshop e a unha fama televisiva conseguida en programas de baile". "Calquera pode falar de luxo a pesar de lucir un sobaco con manchas de suor". "Dende logo, a vida é mellor con prensa rosa". Estas foron algunhas das reflexións o pasado día 13 se puideron escoitar na Casa de Galicia en Madrid ou, o que é o mesmo, na delegación do Goberno galego na capital de España, escenario do ciclo de conferencias La prensa del corazón, organizado polo Club de Periodistas Gallegos en Madrid e "presidido", segundo informou o propio Goberno galego, polo seu delegado, José Ramón Ónega. Tal evento, protagonizado por Carmen Lomana, "habitual nas revistas", suscitou as críticas da oposición socialista e, acto seguido, foi xustificado polo propio presidente da Xunta.

Ao remate da reunión semanal do Consello da Xunta Alberto Núñez Feijóo foi cuestionado pola pertinencia de que unha delegación oficial acolla palestras deste tipo, vinculadas á prensa do corazón e con nula ligazón con Galicia. "Na Casa de Galicia se programan centos de actividades durante o ano e está especialmente indicada para todas as asociacións profesionais de galegos que residen en Madrid ou en calquera outro lugar de España", evidenciou o presidente, antes de enmarcar a controvertida conferencia nos "actos culturais" ou xornalísticos da delegación galega. Estas "xornadas" foron "promovidas" polo devandito club de xornalistas e "se lles autorizou como se autoriza a outras asociacións galegas". "Nin que dicir ten -afirma- que estas xornadas non supuxeron ningún gasto".

Feijóo escúdase en que as xornadas foron organizadas por un club de xornalistas, aínda que foron "presididas" polo delegado da Xunta

Dado que, cando menos oficialmente, non houbo que desembolsar fondos especificamente para falar da prensa rosa, Feijóo rexeita "pronunciarse sobre os convidados do Club de Periodistas Gallegos en Madrid", formado por "persoas honorables e respectuosas" que "terán os seus códigos deontolóxicos". "Eu só coñezo unha Lomana, que creo que é directora dunha canle de televisión e me parece unha excelente xornalista", di, en referencia á xefa de informativos de Antena 3". "Sobre outras Lomanas non teño opinión", abondou, despois de retrucar ás críticas do PSdeG polo feito de investir fondos públicos na Casa de Galicia para que esta sexa escenario de eventos coma este.

O PSdeG lembra que a función da delegación é "proxectar a imaxe de Galicia"

Neste sentido, Feijóo advirte de que "temos datos do que custaba a Casa de Galicai cando gobernaba o PSOE" e "agora custa un 40% menos", o que "non significa, e non oculto, que non é a primeira vez que medito sobre a posibilidade de trasladar os efectivos da casa de Galicia a un lugar máis pequeno e menos custoso". Neste sentido, a parlamentaria socialista Marisol Soneira, quen pedira explicacións ao respecto, lamenta que Feijóo se amose unha vez máis como "especialista en botar balóns fóra" e "pase asubiando" para concluír, "coma sempre, que se gastaba máis co bipartito". "A realidade -advirte- é que non sabemos o que nos custa máis que por aproximacións", xa que a Xunta non detalla o orzamento da súa delegación en Madrid, que actualmente "cumpre unha función que faría unha comisión de festas, dando petiscos e facendo xornadas sobre a prensa rosa" no canto de actuar como o que é, "a delegación da Xunta en Madrid", coa misión de "proxectar a imaxe de Galicia" no exterior.

O delegado da Xunta en Madrid, con Carmen Lomana © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.