Fernando Ónega, Calvo-Sotelo: Feijóo refúxiase na Transición e acusa a Sánchez de derrogala

Feijóo en Ribadeo este martes no centenario do nacemento de Leopoldo Calvo-Sotelo © PP

As vacacións do líder do PP estatal en Galicia deixan actos puntuais e controlados nos que lanzar o seu discurso evitando pronunciarse sobre polémicas como a instalación de SAIC en Ferrol pero amosándose "fiel ao espírito do sistema de 1978"

O luns 10 de agosto El País e El Mundo converteron en cuestión de ámbito estatal a decisión de SAIC de instalarse en Ferrol por un suposto risco de espionaxe chinesa sobre a Armada española. Ese mesmo día o líder do PP estatal, Alberto Núñez Feijóo, que adoita pronunciarse sobre todo tipo de polémicas sempre para confrontar co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, deu un paseo co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, polo litoral de Cabanas. Pero o PP non convocou á prensa ao acto senón que informou del posteriormente, e nada se puido saber da opinión sobre SAIC dun Feijóo que ten no seu equipo voces contrarias a un proxecto que está a concitar unha significativa unanimidade en Galicia. 

Feijóo o venres 7 de agosto en Lugo na homenaxe a Fernando Ónega CC-BY-SA @NunezFeijoo

Non foi ese un acto puntual de Feijóo en Galicia. Aquí está de vacacións desde hai días, con outros actos controlados nos que tamén vén evitando pronunciarse sobre SAIC ou outros asuntos de interese para Galicia. Actos que si teñen un denominador común: o eloxio da Transición e a súa suposta concordia fronte a un Sánchez ao que Feijóo acusa de querer derrogala. 

Tres días antes do paseo por Cabanas, o venres 7, o ex-presidente da Xunta desprazouse ata Lugo para participar nun acto de declaración como fillo predilecto desa cidade do xornalista Fernando Ónega, falecido o pasado marzo. Alí, rodeado da súa familia, Feijóo eloxiou como "construtor da democracia" a quen foi un dos homes de confianza de Adolfo Suárez. Segundo dixo, "a democracia española non sería a mesma se Fernando non puxese as palabras", e contrapúxoo cos "tafures" e "aprendices de bruxo" da "España de hoxe". 

Feijóo nun paseo con Rueda por Cabanas o 10 de agosto no que non se convocou á prensa © PP

Este martes 18, desta volta en Ribadeo, Feijóo tirou novamente de similar discurso para eloxiar novamente a Transición e presentarse a si mesmo como a persoa que recuperará o seu espírito. Nunha homenaxe polo centenario do nacemento do sucesor de Suárez, Leopoldo Calvo-Sotelo, falecido en 2008 e visitante habitual de Ribadeo, onde está soterrado, Feijóo acusou a Sánchez de impulsar un "auténtico programa destituínte que ninguén votou".

Segundo Feijóo o Goberno de Sánchez "actúa contra a nación e contra o Estado" e quere substituílo por un "plurinacional de carácter confederal"

Así, segundo a súa tese, fronte á Transición e a Constitución, o actual presidente do Goberno de España querería tombar institucións establecidas como a monarquía, o poder xudicial ou as forzas de seguridade. "Padecemos un Goberno que actúa contra a nación e contra o Estado", dixo, para asegurar que Sánchez quere substituír o Estado das autonomías actual por outro "plurinacional de carácter confederal" cunha "mutación constitucional pola porta de atrás". 

Fronte a este diagnóstico, Feijóo di querer recuperar a política da Transición cun programa "fiel ao espírito e principios reitores do sistema de 1978" que atenda dos problemas actuais.

Feijóo en Ribadeo este martes no centenario do nacemento de Leopoldo Calvo-Sotelo © PP

En Ribadeo, como antes en Lugo, Feijóo dixo tomar a palabra non como líder do PP senón como "amigo" das respectivas familias dos homenaxeados, en dous actos de marcado carácter local, con intervencións dos respectivos alcalde e alcaldesa do PP, pero as súas proclamas políticas tiveron un contido claramente estatal, máis alá das figuras das persoas homenaxeadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.