Ferreiro presume do "novo rumbo" da Coruña e lembra que a "inercia" pasada "non se muda axiña"

Xulio Ferreiro, no Forum Europa © Concello da Coruña

Xulio Ferreiro fixo balance. O alcalde da Coruña repasou os seus primeiros cen días á fronte do goberno local e analizou os retos e obxectivos pendentes de cara ao futuro. Ante representantes do tecido económico, social e político da cidade, o rexedor comparou a urbe cun gran petroleiro ao que "o rumbo non se lle cambia nun día". "Hai unha inercia que non se muda axiña, pero, como co Prestige, as decisións que se teman desde o primeiro minuto marcan o resultado final", asegurou tras aclarar que non se trata de "dar volantazos" porque iso suporía un "desastre" pero si de "poñer novos rumbos", empregando así  unha metáfora mariñeira para exemplificar o cambio tranquilo pero decidido que quere levar a cabo a Marea Atlántica. "Conseguimos manter a ilusión, a confianza da maioría social que está atrás empurrando", aclarou, para advertir tamén que "a xente é consciente de que os problemas non se arranxan nun día". 

Ferreiro defende o cambio tranquilo pero decidido na Coruña: "Non hai que dar volantazos pero si poñer novos rumbos"

No Fórum Europa Tribuna Galicia, e ante importantes caras visibles das forzas vivas da cidade, Ferreiro lembrou que el e os seus concelleiros chegaron a María Pita "coa mochila baleira, sen peaxes nin compromisos adquiridos máis aló que coa cidadanía". "Non fomos impulsados por ninguén, nin temos garda pretoriana nin axenda oculta", dixo quen advertiu das "liñas de tensión alleas" que "atravesan" a xestión municipal e que lembrou que a administración local "estaba lastrada por déficits de xestión que se xestaron hai dez ou quince anos". 

O alcalde coruñés lembrou ante as críticas que varias cidades de Galicia, e non só as gobernadas por plataformas cidadás, teñen gobernos en minoría

No seu repaso destes primeiro tres meses de goberno, e ante as preguntas dunha posible parálise pola dificultade para chegar a acordos en minoría, Ferreiro lembrou que "en Lugo e en Ourense tamén hai gobernos en minoría". "De feito, tan só nunha cidade galega hai un executivo con maioría absoluta, pero parece que só hai tres", dixo en referencia ás críticas aos concellos gobernados por plataformas cidadás como Ferrol e Compostela. Respecto dos problemas para sacar adiante algunha medida, como o caso do modificativo de crédito que foi botado abaixo polo PSOE a última hora, o rexedor coruñés apelou á "responsabilidade compartida", porque están destinados a pactar, e ao intento por "atopar interlocutores que pensen na cidade", aclarou antes de amosar a súa confianza por que as cousas "cambien" a partir de decembro. "Confío moito nos grupos municipais e hai programas que son moi compatibles co noso", insistiu. 

Precisamente, Ferreiro insistiu moito na "cooperación" tanto coa oposición no Concello como con outras cidades e administracións. "Xa está ben de empregar as intitucións para enfrontar unhas cidades con outras; non se pode competir, senón colaborar", dixo o alcalde da Coruña, que lembrou a colaboración que mantén e pretende manter con todas as urbes galegas, "tamén con Vigo, claro que si". "Se o alcalde de Vigo quere, podemos comezar a falar do sistema aeroportuario galego", anunciou antes de insistir nesas achegas compartidas, tamén co Goberno galego. "Pídolle a Feijóo que non utilice a Xunta como unha arma de partido", advertiu logo das duras críticas que o presidente galego verteu o pasado luns contra os gobernos das plataformas cidadás acompañado de Francisco Vázquez no mesmo foro. 

Ferreiro pídelle a Feijóo "que non utilice a Xunta como unha arma de partido" e propón a Caballero "falar do sistema aeroportuario galego"

Ao tempo, Ferreiro presumiu da cooperación coas denominadas cidades rebeldes -presentaranse a proxectos europeos xuntas- e da nova política que chegou á cidade. "A Coruña é agora unha cidade referencia do Estado, como motor de cambio... Está no primeiro plano por algo positivo", dixo, logo de destacar que en María ita "mudáronse certos xestos e formas máis aló das camisas do alcalde". "Levo máis de 500 citas e entrevistas nestes tres primeiros meses porque hai que escoitar a todo o mundo", advertiu quen di que os traballadores municipais aseguran que "agora se respira mellor" nas diferentes oficinas do Concello. "Non cambiamos os interlocutores, senón que ampliamos o círculo de interlocutores" porque foron moitos os representantes do tecido social da cidade "que nunca entraran no palacio". "Toda esta xente ten as portas de aberta, como as teñen os grupos de interese", asegurou. 

 

Plan de emprego, renda social e rueiro franquista

O alcalde pola Marea Atlántica tamén asegurou que máis da metade desas 25 medidas urxentes para poñer en marcha nos primeiros cen días de goberno "xa están cumpridas" e outras "en marcha" e lembrou a instauración do escano cidadán, a declaración de bens dos membros de goberno e a baixada dos seus salarios, a presenza da oposición nas xuntas, a auditoría das concesións, a supresión da feira taurina, a revisión da licenza da Mariña, a parálise dos desafiuzamentos, plans de mobilidade ou o plan de participación por distritos, entre outras. "A Coruña debe converterse na capital da participación", desexou tamén. 

O alcalde asegura que máis da metade das medidas a aplicar nos primeiros cen días están cumpridas e o resto encamiñadas

Pero ademais, anunciou tamén que xa o vindeiro luns presentarase o plan de emprego para os vindeiros catro anos e que tamén nesa mesma semana ou na seguinte se presentará o proxecto para a renda social municipal para os máis desfavorecidos para poder debaterse co resto dos grupos municipais ou o documento que prepara xa a erradicación dos múltiples asentamentos precarios que hai na cidade. 

O goberno local presentará en poucas semanas o proxecto de renda social municipal e en menos dun mes comezará a retirada de simboloxía franquista

Por outra banda, e en canto á retirada da simboloxía franquista do rueiro, Ferreiro anunciou que se irá "pouco a pouco" pero adiantou que "antes dun mes" levarase a cabo o cambio de nome dunha rúa, que será o inicio dun plan que pretende aunar esta modificación das denominacións das placas con roteiros culturais e históricos. 

Xulio Ferreiro, no Forum Europa Dominio Público @NewEconomyForum

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.