Ferrol busca nas urnas solucións á súa crise

Casa do Concello de Ferrol CC-BY-SA Basilio de gl

Dende que o socialista Xaime Quintanilla, alcalde entre 1979 e 1987, repetiu vitoria electoral en 1983, ningún outro alcalde ferrolán mantivo o bastón de mando tras unha lexislatura no goberno

Dende que o socialista Xaime Quintanilla, alcalde entre 1979 e 1987, repetiu vitoria electoral en 1983, ningún outro alcalde ferrolán mantivo o bastón de mando tras unha lexislatura no goberno. AP (1987), PSdeG-PSOE (1991), PP (1995), BNG (1999), PP (2003) e PSdeG-PSOE (2007) alternáronse no poder, sempre con maioría simple e ás máis das veces grazas a distintas coalicións. Ferrol arrastra unha profunda crise económica e social dende hai 35 anos, intensificada dende a primeira reconversión industrial (1983), sen que se aplicara nunca unha solución que revertese a moi negativa tendencia laboral e demográfica. E sen que ningún goberno municipal acertase -cando menos á vista dos resultados electorais- coa fórmula para ilusionar a cidadanía coa súa xestión.

En 2011, José Manuel Rey Varela converteuse no primeiro alcalde da cidade con maioría absoluta, con 13 dos 25 edís da corporación e un 43,72% dos votos, e o PP mantivo nas xerais dese mesmo ano o seu dominio, co 47,95% dos sufraxios. Porén, nas dúas citas electorais que seguiron, as eleccións ao Parlamento galego de 2012 e as Europeas de 2014, o comportamento electoral foi distinto: en 2012 os populares obtiveron o 41,49% dos apoios, fronte a un 20,18% do PSdeG-PSOE e a mesma porcentaxe (un voto menos) de AGE, e un 8,03% do BNG. Nas europeas do pasado o PP caeu ata o 29,65% dos votos, fronte ao 21,45% do PSdeG-PSOE, o 13,68% de AGE, o 11,41% de Podemos e o 5,96% do BNG; tamén UPyD (3,84%) e Ciudadanos (2,18%) obtiveron un apoio significativo.

A esquerda preséntase fragmentada e coa necesidade de mobilizar e ilusionar unha importante cantidade de electorado indeciso e mesmo declaradamente abstencionista

Nos comicios deste 24 de maio a única enquisa publicada (a de Sondaxe) indica que Rey Varela estaría en disposición de renovar a súa maioría absoluta, e que mesmo no caso de non facelo, podería contar coa achega de Ciudadanos, que podería superar o 5% e obter representación. A esquerda, ao igual que en moitas outras cidades e vilas de Galicia e de toda España, preséntase fragmentada e coa necesidade de mobilizar e ilusionar unha importante cantidade de electorado indeciso e mesmo declaradamente abstencionista. 

 

A crise irremontable

Ademais do paro, para comprender a crise que sofre Ferrol cómpre ter en conta outras variables, coma as taxas de actividade e ocupación, ou a innegable realidade da marcha de milleiros de mozos e mozas ferrolás a outros lugares

As forzas políticas opostas ao PP apelan a unha situación "insostible" na cidade, que presenta a taxa de paro máis elevada entre todas as cidades galegas (25,9%). Porén, para comprender a crise que sofre Ferrol cómpre ter en conta outras variables, coma as taxas de actividade e ocupación, ou a innegable realidade da marcha de milleiros de mozos e mozas ferrolás a outros lugares, ante a ausencia de oportunidades na súa cidade. Ferrol non só perdeu 13 mil habitantes dende 1991 (pasou de 83 mil ata os actuais 70 mil), senón que se converteu nunha cidade envellecida, cada vez cunha proporción menor de homes e mulleres de menos de 35 anos. Se en 1991 este grupo sumaba 38.685 persoas, dez anos máis tarde xa eran só 30.528 e en 2011 a cifra caera xa ata os 23.037. A depresión en Ferrol é máis visible que en calquera outro punto de Galicia simplemente con saír á rúa. Dende o inicio da crise ao redor de 600 establecementos comerciais pecharon as súas portas, e a imaxe de numerosas rúas do centro é desoladora.

Isto, xunto con outros factores (coma as prexubilacións), é o que explica que Ferrol sexa, con moita diferenza, a cidade galega cunhas menores taxas de ocupación e actividade. A taxa de ocupación (a proporción de ocupados sobre o total de poboación maior de 16 anos) en Ferrol é do 35,3%, moi lonxe das de Pontevedra (44%), Vigo e A Coruña (45%), Ourense (47%), Lugo (51%) ou Santiago (55%). De igual xeito, a taxa de actividade (proporción de activos -ocupados ou non- sobre o total de poboación maior de 16 anos) de Ferrol fica no 47,6%. Tan só A Coruña (55%) se achega a estas cifras; en Pontevedra, Vigo e Ourense (59%), Lugo (62%) e Santiago (67%) a realidade é moi distinta.

 

 

Críticas ao Goberno municipal

As promesas incumpridas, tanto co dique flotante coma cos (finalmente moi cativos) contratos de Pemex, fan que a situación do estaleiros da comarca se manteña como un dos principais asuntos de campaña

Os grupos da oposición critican de forma absoluta e sen matices a xestión realizada por Rey Varela, ao que acusan de "inactividade" e "inoperancia" á hora de impulsar accións que poidan reverter a situación actual, tanto no que afecta á promoción económica, á xeración de emprego na cidade ou á situación do pequeno comercio. Rey Varela recibe tamén as críticas motivadas pola xestión do PP tanto en Santiago coma en Madrid, no que respecta por exemplo á situación do sector naval. As promesas incumpridas, tanto co dique flotante coma cos (finalmente moi cativos) contratos de Pemex, ao igual que as habituais novas promesas sobre novos contratos e futuras cargas de traballo que, un ano máis, chegaron puntuais en campaña electoral, fan que a situación do estaleiros da comarca se manteña como un dos principais asuntos de campaña e un dos primeiros motivos de crítica contra os populares.

Tamén o malestar xerado pola taxa de saneamento imposta polo Concello e polo conxunto da política seguida polo Goberno municipal en relación coa xestión da auga e a depuración da ría. Ou a situación de degradación do barrio de Ferrol Vello, cuxo estado de abandono, con varios derrubes de inmobles incluídos, saltou aos temarios de medios de comunicación de todo o Estado. 

Outras das críticas que se lle realizan ao Goberno municipal é o seu baixo nivel de investimento público, cunha execución orzamentaria neste apartado que, varias ocasións, non pasou do 50%

De igual xeito, a política social desenvolvida polo executivo popular recibe críticas, o mesmo que algunhas accións (e declaracións) relacionadas coas políticas de igualdade. E, así mesmo, todo o relacionado coa xestión cultural, un apartado no que as forzas da oposición lle afean ao Goberno de Rey Varela unha preferencia polos grandes eventos (por exemplo, o moi comentado custe xerado polo único concerto de David Bisbal en Galicia en 2014), gastos innecesarios (a tamén moi discutida estatua dun neno confrade da Semana Santa) e un "desprezo" pola cultura de base e por entidades que non lle son "afíns", algunha de tanta importancia para a cidade coma o Ateneo Ferrolán.

Outras das críticas que se lle realizan ao Goberno municipal é o seu baixo nivel de investimento público, cunha execución orzamentaria neste apartado que, varias ocasións, non pasou do 50%. Engádese a isto a denuncia dunha política "efectista", que concentrou unha boa parte das súas accións máis salientables nos últimos meses da lexislatura, case en precampaña electoral, dende a sinatura en marzo dun importante convenio de compra e permuta de terreos e propiedades co Ministerio de Defensa ou o tamén moi recente investimento de máis dun millón de euros en obras de reparación de fochas e embelecemento de rúas.

Semella que o resultado das eleccións vai depender, en primeiro lugar, da lectura que os e as votantes fagan da responsabilidade do Goberno municipal de Rey Varela no mantemento desta situación

A situación económica e laboral de Ferrol segue sendo obxectivamente mala. Á vista desta análise, semella que o resultado das eleccións vai depender, en primeiro lugar, da lectura que os e as votantes fagan da responsabilidade do Goberno municipal de Rey Varela no mantemento desta situación, ou de se, polo contrario, interpretan que as causas principais destes problemas teñen orixe e solucións fóra da cidade. En segundo lugar, semella (á vista tamén da enquisa publicada por La Voz de Galicia) que unha parte importante do electorado lle recoñece ao actual rexedor o valor de ter dirixido un goberno estable, preferindo estes votantes os executivos de maioría absoluta ou maioría ampla ás coalicións. E, terceiro, o resultado dependerá da capacidade das forzas de esquerda de ilusionar o electorado, convertendo en votos o malestar coa situación xeral e con algunhas políticas do concello e convencendo de que un cambio na realidade ferrolá pasa por un cambio de goberno.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.