Fervenza de anuncios de investimentos da Xunta en Ourense a un mes das eleccións

Mosquera, ante a presentación da obra no hospital ourensán © Conchi Paz

Ao longo da mañá deste mércores Ourense foi trending topic en Twitter. Primeiro Ourense e despois Orense eran as palabras máis repetidas nesta rede social en todo o Estado a conta da denominada operación Pokemon, de suposto tráfico de influencias. Mentres a actualidade fervía pola detención do alcalde ourensán na reunión semanal do Consello da Xunta Ourense tamén era o particular trending topic do Goberno galego. A un mes das eleccións autonómicas o gabinete que preside Alberto Núñez Feijóo presentou ante a prensa toda unha fervenza de anuncios de investimento en municipios ourensáns. Á cabeza estivo un informe sobre a licitación das obras do bloque de hospitalización do hospital da capital, isto é, un documento sen valor legal ningún que lle permite ao Executivo colocar na axenda informativa do día un proxecto determinado.

A abundancia de anuncios de proxectos para Ourense chega despois de varios meses nos que, máis ou menos abertamente, o entorno da dirección do PP desa provincia, encabezado por Manuel Baltar, vén alzando a voz pola, ao seu xuízo, discriminación á que a somete o Goberno de Feijóo. Parte desas reclamacións foron subindo de nivel a medida que se achegaba a conformación das listas electorais dos conservadores, proceso que non agradou especialmente ao clan dos Baltar -a candidatura ourensá encabézaa o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e non ningún baltarista-. Do mesmo xeito, a prensa local de Ourense vén destacando, por exemplo, que a provincia é a que rexistra un menor investimento per cápita de Galicia.

Dende o entorno de Baltar veuse alzando a voz pola, ao seu xuízo, discriminación que á que o Goberno galego somete a Ourense

Este é o contexto no que se celebrou o Consello deste xoves, tras o que Feijóo compareceu acompañado da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, a única compoñente do Goberno que non concorre nas listas do PP para o 21-O. Acompañados dun PowerPoint con recreacións virtuais do aspecto final do novo hospital ourensán Mosquera e o propio Feijóo explicaron con profusión o que, di o presidente, é o seu "compromiso coa sanidade pública de Ourense", un "compromiso de lexislatura que imos cumprir", enfatiza. Porque Ourense, salienta, "merecía" esta obra de 58 milĺons de euros que lle permitirá deixar de ser un "punto negro dende o punto de vista da hospitalización", pasando a ter "confort cos mesmos estándares de calidade que Lugo, Vigo ou Santiago".

Tampouco Mosquera aforrou eloxios para a obra, enmarcada no proxecto Hospital 2050. "Corredores moi amplos", "ventilación", "cuartos de baño totalmente accesibles, modernos, perfectamente adaptados" son algúns dos trazos básicos do que a conselleira sitúa como un bloque de hospitalización coas "características máis innovadoras que hoxe existen en Europa". Todo isto, segundo o cronograma previsto pola Xunta, sucederá tras un período de construción de 24 meses unha vez que a obra estea adxudicada "antes de rematar o ano". Antes tense que producir a licitación que, malia ao exposto este xoves, non precisa pasar por un Consello da Xunta.

Investimentos en Castrelo de Miño, Cortegada e A Limia

Pero non é o hospital o único anuncio lanzado dende San Caetano con destino á este xoves convulsa provincia de Ourense. O Consello tamén incluíu na súa orde do día tres proxectos máis, que neste caso si precisan o visto e prace da xuntanza do Goberno galego para saír adiante. Así, na súa exposición Feijóo salientou a aprobación definitiva dun proxecto sectorial para a instalación dunha planta de tratametno de residuos de construción na comarca da Limia, nomeadamente entre os núcleos de Morgade e A Pena, en Xinzo.

Ademais, o Executivo deulle luz verde á colaboración entre a Xunta e o Concello de Cortegada para construír colectores por importe de case 600.000 euros. Ao tempo, aprobou a declaración de incidencia supramunicipal o proxecto de estración da mina de Santa Lucía, en Castrelo de Miño, a cal segundo o Goberno creará "trinta postos de traballo" e que, asegura Feijóo, mostra o "compromiso" do seu equipo co sector e coa propia provincia. A todo isto cómpre sumar a aprobación, a semana pasada, da construción de senllos centros de saúde en Ourense e Barbadás.

Mosquera, ante a presentación da obra no hospital ourensán © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.