Fomento adxudicou contratos en Galicia por 30 millóns cunha fórmula ilegal que favorecía o 'dedazo' ás construtoras

Catalá, De la Serna e Pastor na toma de posesión do segundo como ministro de Fomento Dominio Público Ministerio de Fomento

O Ministerio de Fomento adxudicou na etapa á súa fronte da actual presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, máis de 300 millóns de euros en contratos de mantemento de estradas en toda España cunha fórmula ilegal que favorecía o 'dedazo' ás empresas construtoras. Esa cláusula ilegal estaba presente en polo menos tres contratos de conservación das estradas estatais das provincias de Pontevedra, A Coruña e Lugo que suman preto de 30 millóns de euros e que foron parar a Copasa, Taboada y Ramos en sociedade con Geseco e Acciona, respectivamente.

Copasa, Taboada y Ramos, Geseco e Acciona obtiveron o mantemento das estradas estatais na Coruña, Lugo e Pontevedra cunha cláusula anulada polo Tribunal de Recursos Contractuais “por non ser conforme a Dereito”

En toda España son polo menos corenta os contratos adxudicados entre abril de 2014 e outubro de 2015, que na súa inmensa maioría están aínda vixentes e que expiran este mesmo ano, aínda que en teoría Fomento podería prorrogalos, segundo os pregos de condicións, que levaban a sinatura do daquela secretario de Estado de Infraestruturas e hoxe ministro de Xustiza, Rafael Catalá.

En xaneiro de 2016, o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais, dependente do Ministerio de Facenda, determinou que Fomento incluíra unha cláusula ilegal en catro licitacións de estradas nas provincias de Cáceres, Cádiz, Guadalaxara e Valencia e deu a razón a un recurso presentado en novembro de 2015 pola Asociación Círculo de Empresas Andaluzas de la Construcción, Consultoría y Obra Pública (Ceacop).

Como contou daquela Vozpópuli, o tribunal determinou que a cláusula, unha complexa fórmula matemática para puntuar as ofertas, debía anularse "por non ser conforme a Dereito", porque concedía excesivo peso na valoración das propostas a criterios arbitrarios, en detrimento de aqueles máis obxectivos, basicamente o prezo. En virtude desa cláusula, incluída baixo o epígrafe "Enumeración e puntuación dos criterios avaliables mediante fórmulas", o valor da puntuación económica da ofertas dos licitadores diluíase en favor da técnica (sen fórmulas automáticas de avaliación) e, en definitiva, deixábase "ao arbitrio do órgano de contratación a adxudicación da licitación", segundo a sentenza.

Cando a cláusula foi anulada por ilegal o Ministerio xa levaba ano e medio aplicándoa en decenas de contratos de mantemento de estradas

No momento de anularse esa cláusula, pasaran só 22 días desde as eleccións de decembro de 2015. Sen Goberno á vista, Fomento, que nese momento estaba en funcións como o resto do Executivo, non recorreu esa resolución de Facenda, que obrigou ao Ministerio a rectificar licitacións que tiña en curso por importe de máis de 400 millóns. O problema é que, tal e como puido comprobar eldiario.es, o Ministerio xa levaba ano e medio aplicando esa cláusula ilegal en decenas de contratos de mantemento de estradas. Malia que Fomento non responde á pregunta de a cantos contratos xa adxudicados afectou, este diario confirmou a existencia dun total de 40 adxudicacións cuxos pregos incluían esa fórmula contraria a Dereito. Eses contratos tiñan un orzamento inicial de 407 millóns de euros e foron adxudicados por un importe global de 306,9 millóns. Fontes coñecedoras da operativa aseguran que hai máis: cifran os contratos ilegais en máis de cincuenta, cun orzamento de máis de 450 millóns.

Os pregos contan coa sinatura de Rafael Catalá, daquela secretario de Estado de Infraestruturas e hoxe ministro de Xustiza

Deses contratos, polo menos tres facían referencia ao mantemento de estradas estatais en Galicia. En xullo de 2014 Acciona adxudicouse por 7,5 millóns de euros o mantemento por catro anos de diversas estradas na provincia de Lugo nun contrato que fora licitado por 10,1 millóns. En novembro de 2014 un contrato similar para o mantemento tamén durante catro anos de estradas na provincia de Pontevedra foi adxudicado á construtora ourensá Copasa por 11,6 millóns de euros tras ser licitado por 15,6 millóns. E en xuño de 2015 outro contrato para estradas na provincia da Coruña licitado por 12,9 millóns foi adxudicado por 9,9 millóns á Unión Temporal de Empresas (UTE) formada pola tamén galega Taboada y Ramos e Geseco. A provincia de Ourense non aparece no listado, pero nela xa transcenderan en 2013 diversas irregularidades en contratos similares.

Todas as licitacións foron postas en marcha pola Dirección Xeral de Estradas, cuxo responsable é desde 2012 Jorge Urrecho, antigo colaborador do ex-ministro Francisco Álvarez-Cascos. Os pregos tiñan o visto e prace de Catalá, responsable de asinar as resolucións que os autorizaron entre decembro de 2013 e xuño de 2014, e a bendición previa da Avogacía do Estado.

Aínda que as valoracións das ofertas non son públicas, fontes coñecedoras desta operativa aseguran que Estradas utilizaba esa cláusula ilegal "de forma absolutamente arbitraria para adxudicar os contratos ás empresas previamente elixidas, simplemente puntuando tecnicamente 3 puntos máis que ao seguinte licitador, como o demostra que durante ese período de tempo máis do 90% das adxudicacións recaían nas empresas mellor valoradas tecnicamente, sen importar a oferta económica que se fixese".

Baixas temerarias

A cláusula estaba pensada para evitar as baixas temerarias pero o tribunal entendeu que propiciaba que sexan os criterios de valoración non automática os determinantes da adxudicación"

A cláusula que logo anulou o Tribunal de Recursos Contractuais en teoría estaba pensada para evitar as baixas temerarias nas ofertas económicas. Pero o órgano dependente de Facenda tombouna por entender que propiciaba "que sexan os criterios de valoración non automática os determinantes da adxudicación". Aínda que as baixas eran "nominal e formalmente posibles máis aló do límite de referencia fixado", a fórmula anulada privábaas "de relevancia práctica", segundo o órgano dependente de Facenda.

Noutras palabras, e sempre segundo a resolución, "está a penalizarse ás ofertas máis baratas de tal modo que, por baixo dese determinado límite ou limiar, aínda que baixen o prezo ofertado á Administración, non obteñen unha puntuación relevante, de modo que se disuade unha posible maior baixa ou economía no contrato, á vez que non se permite a formulación de alegación algunha por parte dos contratistas en xustificación da súa oferta de modo que a baixa obteña unha puntuación relevante".

A patronal considera "sa" o cambio periódico das fórmulas de valoración

A patronal do sector das adxudicatarias destes contratos é a Asociación de Empresas de Conservación y Explotación de Infraestructuras (Acex), que recoñece que a resolución do tribunal que supuxo a derrogación da fórmula de valoración económica dos concursos foi unha decisión "sen precedentes". Acex subliña que, independentemente da ilegalidade desa cláusula, o cambio periódico das fórmulas de valoración é unha medida "sa" porque "cando se manteñen determinadas liñas, prodúcese certa retroalimentación e xérase quecemento nas ofertas".

Pola súa banda, o Ministerio de Fomento non contestou ás preguntas de eldiario.es sobre este asunto limitándose a sinalar nun correo electrónico que "se anularon as licitacións que levaban esta cláusula e posteriormente volvéronse a licitar cos pregos corrixidos". Pero obvian eses contratos valorados en máis de 300 millóns adxudicados con anterioridade á decisión de Facenda.

Unidos Podemos pediu a comparecencia do ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, e de Catalá e o PSOE advirte do risco de que Fomento decida prorrogar eses contratos

Este mércores, o grupo parlamentario de Unidos Podemos pediu a comparecencia do ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, e de Catalá para que dean explicacións sobre este asunto na Comisión de Fomento. Pola súa banda, o deputado do PSOE César Ramos, que en outubro pasado preguntou por escrito ao Goberno por estas adxudicacións, advirte do risco de que Fomento decida prorrogar estes contratos, a inmensa maioría dos cales, incluídos os tres galegos, están vixentes e expiran este ano. Na súa resposta ao socialista, o Goberno central lembrou que o prego de condicións empregado para eses contratos fora informado pola Avogacía do Estado e polo tanto conformes a dereito mentres os tribunais de xustiza non declaren que non se axustan á lei.

Un dos contratos adxudicado en Galicia coa cláusula declarada ilegal CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.