O 17 de xullo de 2014, apenas dez días despois de tomar posesión como terceiro alcalde do mandato, Agustín Hernández reuníase co secretario de Estado de Infraestruturas, o actual ministro de Xustiza, Rafael Catalá, e xuntos anunciaban quen no mes de outubro comezarían as obras do túnel de Conxo, a agardada infraestrutura que suporá o remate do periférico da cidade e que está chamada a rematar cun punto que concentra enormes retencións de tráfico a diario. Catro meses despois, a comezos de novembro, o propio Hernández protagonizaba xunto á ministra de Fomento o acto de descubrimento de primeira pedra dos traballos nun día que considerou "histórico". Cando xa transcorreron cinco meses máis o único visible na zona son os engarrafamentos de tráfico.
O candidato do BNG á alcaldía da cidade, Rubén Cela, visitou este xoves a zona xunto a membros da súa candidatura para denunciar o que considera unha ituación "impresentábel". Dende que, o pasado 19 de xaneiro, se restrinxise boa parte do tráfico na que será a contorna do futuro túnel, unha das principais entradas da capital de Galicia, pouco máis se fixo que iniciar o desmonte da rotonda, instalar valados de obra e cortar parte do tráfico. Mentres, veciñanza e comerciantes do barrio elevan o ton das súas queixas. Sobren dificultades de acceso e mingua de clientela sen que se estea a facer "nada", ilustran.
Hernández e Pastor prometeron a conclusión nun ano, pero catro meses despois apenas se realizaron traballos
Neste contexto, di Cela, a Hernández correspóndelle "empezar a exercer dunha vez como alcalde e esixirlle ao Ministerio de Fomento os recursos materiais e humanos suficientes para acometer esta actuación nos prazos" previstos e "axilizar o ritmo de traballo". "Unha de dúas", ilustra o alcaldable do Bloque: ou as obras se poñen en marcha ou o consistorio debe "reabrir de inmadiato o carril que está cortado ao tráfico", toda vez que os gobernos local e central anunciaron a obra "cun prazo de execución de 12 meses" e xa se "leva consumido un terzo dese tempo". "É unha falta de respecto total e absoluta para a veciñanza de Conxo, comerciantes, persoas usuarias e traballadoras do hospital provincial e ao conxunto da cidadanía", acusa. Por todo isto, o Bloque deixou na zona unha faixa coa lenda "menos fotos, máis traballo".
"É unha falta de respecto para a veciñanza, comerciantes e persoas usuarias"
Mentres dende o gabinete de Hernández se apela á "normalidade" Cela lembra que naquel acto de inauguración a propia ministra de Fomento, Ana Pastor, cifrara en 38.000 os vehículos que "transitan a diario por este lugar". Este novo episodio, afirma, lémbralle a outra das decisións acometidas no barrio polo primeiro alcalde do PP neste mandato, Gerardo Conde Roa, que hai tres anos ditaminou xunto ao daquela edil de tráfico, Albino Vázquez, "cortar un dos xiros da rotonda coa escusa de que era temporal". Ese corte, resalta, "durou tres anos".
"Cando dixemos que as obras eran un paripé dixo que mentíamos"
Tamén o candidato socialista á cidade, Francisco Reyes, se dirixe a Hernández para instalo a "utilizar o seu cargo e esixirlle á ministra de Fomento o inmediato inicio das obras do túnel". "Non chega con dicir que esta inquieto", afirma o alcaldable do PSdeG. "Cando lle dixemos que as obras eran un absoluto paripé porque tan só se desviara o tráfico e se xeraron perdas aos comerciantes para dar a impresión de que se facía algo" o alcalde "dixo que mentíamos". "Os cidadáns non poden pagar a incompetencia do Goberno", censura.