Galicia arríscase a perder 300.000 euros de fondos europeos pola trama Zeta

Thyssen, comisaria europea de Emprego © Comisión Europea

Unha das ideas forza da difusa axenda galega en materia de política exterior veu sendo, nos últimos anos, presentar a xestión da Xunta en materia de fondos europeos como un "modelo" na Unión Europea. Alén de que, tras tres décadas de axudas comunitarias, o país mantivo algúns dos seus grandes problemas sen resolver -caso por exemplo do saneamento das rías- mentres destinaba os fondos a proxectos de dubidosa utilidade e rendibilidade social, varias investigacións por suposta fraude empañan a imaxe de excelencia que a Xunta procura proxectar. A casos como o que tivo a Deputación de Ourense como protagonista únense outros como o xermolo de investigación á Deputación pontevedresa e agora, a trama Zeta, que pode traer consigo a perda de case 300.000 euros.

Como informou este diario, o pasado decembro a comisaria europea de Emprego, Marianne Thyssen, confirmáballe ao eurodeputado socialista José Blanco que o seu departamento estaba a agardar por información da Xunta a respecto das subvencións recibidas polas entidades de Gerardo Crespo para certificar se a presunta fraude afectaba a cursos financiados con cartos da UE. Nese caso a Comisión podería iniciar unha investigación de seu, advertía Thyssen, ao tempo que indicaba que xa informara ao respecto á Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF).

A Comisión Europea dirixiuse á Xunta xusto despois de que as primeiras novas sobre a trama Zeta saísen na prensa

Este caso chegou este venres ao Parlamento a través da deputada do PSdeG Marisol Soneira, que cuestionou ao respeto á directora xeral de Proxectos e Fondos, Ana María Cores. Segundo admite a alto cargo de Facenda as "publicacións na prensa" das primeiras informacións a respeto da trama motivaron, a finais de outubro de 2014, que a Comisión Europea pedise datos sobre o caso, unha "petición de información" que chegou formalmente á Xunta "con data de 12 de novembro" dende a unidade encargada de administrar os cartos do Fondo Social Europeo (FSE), que "solicitaba información sobre calquera incidencia relevante". Paralelamente, as autoridades comunitarias tamén recabaron información directamente do Servizo Público de Emprego Estatal.

O Goberno galego admite que "descertificou" axudas por importe de máis de 290.000 euros

"Unha vez identificadas en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar as entidades que poderían estar implicadas no caso e contrastada a información cos gastos certificados á Comisión Europea", sinala Cores, "resultaba un gasto europeo declarado por importe de 290.082 euros", financiados polo devandito FSE. Tras este trámite, a Xunta "comunicoulle" á Unión que decidira "a descertificación preventiva destes gastos" por un "criterio garantista e de prudencia". Isto implica, a efectos prácticos, que eses cartos quedan bloqueados, toda vez que se impide que cheguen ao seu destino pola presunta fraude. "Non temos constancia de que se teña recibido resposta da Comisión" e "descoñecemos se existe algunha outra actuación da OLAF", engade Cores.

O PSdeG reprocha a imaxe que o caso proxecta de Galicia na UE e o BNG anuncia unha pregunta na Eurocámara para obter máis datos

"Dinnos que teñen bloqueados, descertificados, 290.000 euros". "Isto -deduce Soneira- significa que posiblemente teñamos que devolver fondos da formación por unha mala praxe" mentres "o principal implicado" no caso, Crespo, "ameaza continuamente" con "dicir moitísimas cousas" sen que "ninguén saia a desmentilo". "Cre que é unha boa publicidade diante da posibilidade de ter que devolver eses fondos?", cuestionou á directora xeral. A UE, advirte a deputada do PSdeG, "segue estes temas con lupa". Na súa resposta Ana María Cores quitoulle ferro ao asunto, porque estes 300.000 euros "supoñen un 0,11% do gasto certificado pola dirección xeral no marco do programa operativo FSE, que ascende a 273 millóns".

No mesmo sentido, esta medida "nin prexulga a existencia de irregularidades" nin "implica a súa perda", asegura a alto cargo. Non obstante, fontes comunitarias consultadas por este diario confirman que se a Comisión ou a OLAF confirman que houbo un mal uso destes fondos o Estado español e, polo tanto, a Xunta, si terían que devolver estes fondos. A respecto desta eventual perda, precisamente, a representante do BNG na Eurocámara, Ana Miranda, anunciou xa a intención de presentar unha pregunta parlamentaria ao respecto a través do eurodeputado de EH-Bildu, Josu Juaristi, co obxectivo de obter máis información sobre esta  nova investigación a Galicia.

Thyssen, comisaria europea de Emprego © Comisión Europea
Cores e Soneira, durante o debate CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.