O impacto foi brutal e a resposta de todo o país, inmediata. De contado institucións e forzas politicas anunciaron a suspensión de todos os actos e celebracións previstos para o 25 de xullo. O propio Concello suspendeu as festas de Santiago comezando polo espectáculo de luces da Catedral. E tanto o Concello coma a Xunta decretaron sete dias de loito oficial en Galicia e Compostela. Ademais, a Fegamp convocou cinco minutos de silencio para mañá ás 12 do mediodía en todos os concellos de Galicia.
Máis da metade dos 80 falecidos xa foron identificados e aínda hai 35 feridos en estado crítico
As familias critican a lentitude no proceso de identificación das vitimas. A Xunta informa de que 53 - o TSXG eleva a cifra a 58- dos 80 falecidos xa foron identificados ao igual que todos os feridos. Hai 94 ingresados, 35 en estado crítico, catro deles nenos. "Non se descarta que poidan aparecer novas vítimas", asegura Alfonso Rueda.
Ademais, o xuíz ordenou á policía tomar declaración ao maquinista, en condición de imputado, no hospital onde permanece custodiado, pero o TSXG aclara nunha nota de prensa que "non se produciu o paso a disposición xudicial ningunha" e non lle tomará declaración nin este xoves nin o venres por respecto aos familiares das vítimas e ata que os corpos sexan entregados. Por outra banda, o maxistrado encargado do caso pediu "a custodia das caixas negras, así como a recupearción de documentos e inforems que permitan dar continuación á instrución iniciada".
A policía tomará declaración ao maquinista, imputado e custodiado no hospital, pero non posto a disposición xudicial
A Xunta celebrou unha reunión extraordinaria do seu Consello nas primeiras horas deste xoves. Ao seu remate Alberto Núñez Feijoo leu unha declaración institucional na que subliñou a "consternación" dos galegos e declarose "orgulloso" do traballo do persoal público que está traballando e da solidariedade dos cidadáns: "é o día en que cidadáns anónimos se arroxaron, nos primeiros instantes, ás vías do tren para socorrer os feridos sen reparar en máis perigos que os que sufrían os seus próximos. O día en que voluntarios, chegados de diferentes lugares, se desprazaron ata Compostela para acompañar, atender e consolar ás familias. O día en que Galicia se puxo a disposición de Galicia". Na declaración institucional destacou que é "o Consello de Goberno máis duro que ten reunido nunca a Xunta de Galicia. Porque é ao día seguinte dunha traxedia como a sucedida onte e porque, ao mesmo tempo que comparezo ante vostedes, estase a levar a cabo o proceso de identificación das persoas que perderon a vida".
Ademais están sendo suspendidos ou aprazados practicamente todos os eventos festivos deportivos ou culturais previstos para este venres ou a fin de semana en Galicia, por exemplo o Festival Sinsal San Simón, o Festival Intercéltico do Morrazo ou o Sereas e Piratas de Carballo. Ou tamén os partidos amigables entre o Lugo e a Ponferradina e entre o Dépor e o Ourense.
Concentracións silenciosas
Centos de galegos levaron a cabo concentracións silenciosas ás 20.42 horas de hoxe nas diferentes estacións de ferrocarril de Galicia como homenaxe ás vítimas, así como mostra de solidariedade cos seus familiares e achegados. As estacións das principais cidades enchéronse de cidadáns, ao igual que a praza de Obradoiro, onde se gardaron cinco minutos de silencio ás oito da tarde na que moitos turistas acompañaron os galegos que ata alí se achegaron.