Galicia en Común reivindica a xestión nas cidades e o "escudo social" como a base dun Goberno progresista

Antón Gómez Reino e Pablo Iglesias, este mércores na Coruña © Galicia en Común

O Palexco da Coruña converteuse nos últimos anos no escenario dalgúns dos actos máis importantes e simbólicos da esquerda rupturista en Galicia. No ano 2015 centos de persoas ficaron fóra do mitin que catapultou á candidatura da Marea Atlántica, nun recinto que ficara pequeno para a expectación xerada. O pasado ano o auditorio volveu encherse na campaña das eleccións xerais de novembro e, máis recentemente, a finais de febreiro o recinto acolleu un dos primeiros grandes actos de Antón Gómez Reino como candidato de Galicia en Común, acompañado de novo por Pablo Iglesias e Yolanda Díaz. 

Apenas catro meses pasaron dende aquel mitin, pero moitas cousas cambiaron, todo mudou nesta nova normalidade e sobre todo os actos da campaña electoral. Distancia de seguridade entre todas as persoas asistentes, máscara de protección e saúdos co cóbado nunha tarde de calor no Palexco que animaba máis a achegarse a Orzán ou Riazor que a asistir a un mitin ás cinco da tarde, como comentaban algúns dos asistentes: "Que lío coa distancia de seguridade e coa mascarilla! Case estabamos mellor na praia", "pero na praia tamén hai aforo!".

O mitin de Galicia en Común no Palexco © Marea Atlántica

"Porque sabemos o que é gobernar estamos en disposición de mudar este país", subliñou Martiño Noriega

Moitas outras cousas cambiaron dende febreiro e aínda máis dende aquel 2015. Moitas das intervencións no acto deste mércores no Palexco comezaron ollando cara atrás. Inés Cebreiro subliñou os 11 anos de gobernos de Núñez Feijoo, subliñando que "son xa demasiados anos do PP en Galicia e a nosa xeración está exhausta. Xa abonda de ter que elixir entre a precariedade e o exilio". Pablo Iglesias remontouse ao ano 2012 no que por uns meses viviu en Monte Alto, destacando que "sen a experiencia de AGE non tería existido Podemos" e que "os cambios que se produciron nos últimos anos en todo o Estado comezaron en Galicia". 

E tanto el como Antón Gómez Reino ou Martiño Noriega reivindicaron os 'gobernos do cambio', a xestión realizada dende o 2015 na Coruña ou Compostela. "As cidades do cambio fixeron ver que se podían cambiar as cousas. E por iso sufriron un ataque feroz", dixo Iglesias. "Porque sabemos o que é gobernar estamos en disposición de mudar este país", subliñou Martiño Noriega.

"A nosa presenza no Consello de Ministros permitiu dar unha resposta distinta á crise, demostrouse que se podía construír un escudo social, a diferenza do que pasara na anterior crise económica", dixo Iglesias

E tamén se subliñaron as medidas impulsadas nos últimos meses polo Goberno coalición entre PSOE e Unidas Podemos. "Con todos os límites existentes, demostrouse que o feito de que estivésemos no Goberno podía servir para algo. A nosa presenza no Consello de Ministros permitiu dar unha resposta distinta á crise, demostrouse que se podía construír un escudo social, a diferenza do que pasara na anterior crise económica", afirmou Iglesias. Esta xestión e a realizada nas cidades nos últimos anos, completou Martiño Noriega, "fan que sexa imprescindible a participación de Galicia en Común no futuro goberno progresista en Galicia".

O vicepresidente do Goberno central fixo tamén autocrítica e pediu desculpas polos erros cometidos: "moita xente fartouse das nosas pelexas, pagamos caro o prezo do adolescencia política, da dificultade de chegar a acordos, da maneira de airear as nosas diferenzas". Pero, ao mesmo tempo, pediu "outra oportunidade" ás persoas que nalgún momento apoiaron a Podemos ou a En Marea. "Deixamos atrás todos eses erros. E agora falan os nosos feitos", dixo Iglesias. 

O mitin de Galicia en Común no Palexco © Galicia en Común

Críticas a "Alberto Bolsonaro Feijóo" e súa xestión sanitaria e nas residencias

Núñez Feijóo foi o destinatario de todos os discursos escoitados esta tarde no Palexco. "Alberto Bolsonaro Feijoo", tal e como denominou Martiño Noriega, que acusou o presidente da Xunta ser o responsable de "precarizar a nosa saúde" e de exercer "políticas que nos fixeron mais vulnerables cando chegou a pandemia". "A calidade da xente e moito máis dun gobernante mídese nos momentos complicados", concluíu Noriega, que cargou especialmente contra a xestión realizada na residencias, nas que morreron -lembrou- 274 das persoas que faleceron en Galicia por mor do coronavirus, e case todas elas en centros de xestión privada.

"Ese ' bo xestor' que nos deixa 20.000 empregos menos no ámbito industrial non se presenta para presidir Galicia, senón para dar o salto a líder o PP en Madrid"

Gómez Reino criticou a suposta fama de "bo xestor" da que fai bandeira Núñez Feijóo. "O seu lema é Galicia, Galicia, Galicia, pero debería ser mentira, mentira, mentira. Mentiu con Pemex, mentiu nas residencias, mentiu na sanidade", dixo o candidato de Galicia en Común, que engadiu que "ese ' bo xestor' que nos deixa 20.000 empregos menos no ámbito industrial e que non aplica as súas competencias non se presenta para presidir Galicia, senón para dar o salto a líder o PP en Madrid". "Por que di Galicia, Galicia, Galicia cando o que está dicindo é Madrid, Madrid, Madrid?", preguntouse.

Neste senso, tamén Pablo Iglesias destacou "a importancia das eleccións en Galicia para a configuración do poder" no conxunto do Estado, mentres que Gómez Reino subliñou a súa relevancia para "consolidar" o Goberno de coalición progresista e as medidas de cambio introducidas nos últimos meses.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.