Galicia inicia o curso en Infantil con 3.000 alumnos e case cen centros menos que hai dez anos

Feijóo, durante un inicio de curso nun centro de Infantil © Xunta

Neste mércores, preto de 200.000 rapaces de Educación Primaria e Infantil comezaron o curso en Galicia. O alumnado de entre 3 e 12 anos incorporouse ás aulas nun número de 196.283 nenos e nenas, 2.593 menos que os que iniciaron as clases en 2017, segundo os datos facilitados pola Xunta e os que recolle o Instituto Galego de Estatística (IGE) de anos anteriores.

A baixa natalidade e o despoboamento seguen a marcar a realidade dun curso escolar en Galicia que inician en Educación Infantil (de 3 a 6 anos) un total de 59.545 pequenos e pequenas, 2.270 menos dos que o iniciaron hai un ano na mesma franxa de idade. De compararmos os datos con hai unha década, a diferenza é aínda maior: son case 3.000 nenos menos os que se matricularon para este curso en Infantil dos que o fixeron no verán de 2008. 2.941 cativos e cativas máis daquela que agora. 

O número de alumnado de Infantil matriculado en 2018 baixou en case 3.000 con respecto a hai unha década

Ademais, de reparar no número de centros, as cifras son tamén desoladoras. En Galicia, hai unha década, había abertos para o inicio do curso 2008-09 217 centros de Educación Infantil fronte aos 124 da actualidade: 93 menos e logo de que do curso pasado a este xa se perderan outros dous. En canto aos colexios que xuntan o ensino Infantil e o de Primaria, a diferenza con respecto a hai dez anos é de 49 espazos menos: 683 en 2008 fronte aos 634 de agora.

No que ten que ver exclusivamente coa Educación Primaria, o número de alumnos matriculados este ano en Galicia (136.738) supón tamén un descenso con respecto ao ano pasado (-323) pero o número é superior en case 12.000 alumnos con respecto a hai unha década. É entre os máis cativos os que deben iniciar a escola, onde o problema é grave. 

En 2008 había 93 centros de Educación Infantil máis en Galicia que neste curso

O caso é especialmente preocupante na provincia de Ourense, onde máis de 20 concellos non hai xa colexio para estas franxas de idade. É, pola contra, o eixo atlántico onde se concentra a maior parte da poboación escolar de Galicia. 

A esta situación únese o peche para este curso de dúas escolas unitarias máis e de medio cento de aulas.. É o resultado do que a Consellería de Educación subliña como "a obriga de realizar unha xestión eficiente dos recursos educativos sostidos con fondos públicos" e de "adecualas ás necesidades educativas de cada zona" e mais á "realidade social".

No pasado mes de xullo a Xunta publicou no DOG os resultados da súa "revisión de matrícula" anual e os peches tocaron desta vez na unitaria de Apeadeiro, en Cambre, e na de Solbeira, en Paderne de Allariz, que só rexistraron cadansúas tres matrículas. O número de peches para este curso foi, non obstante, inferior ao de cursos anteriores, cando a aplicación do criterio segundo o cal unha unitaria non pode seguir aberta se ten menos de cinco matrículas obrigou a botar o ferrollo a ata unha vintena de escolas nun só ano. Os peches de unitarias foron máis de 200 en apenas unha década.

Ademais, este pasado mércores o sindicato CIG denunciou que o comezo do curso escolar vén marcado "máis unha vez polo inmobilismo da Consellaría de Educación, o despedimento de máis de 400 docentes interinos e a perda de poder adquisitivo do profesorado galego". Tamén advertiu que este colectivo "pasará a facer substitucións ou irá directamente ao paro despois de que a Consellaría convocara oposicións sen ter en conta a súa situación e a previsión de xubilacións".

No acto que deu inicio ao curso, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, escolleu para inauguralo a cidade de Lugo e o CEIP Rosalía de Castro. Alí, ademais do delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro; do secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; ou do director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, tamén estivo presente o candidato do PP á alcaldía de Lugo, Ramón Carballo, xefe territorial da Consellería de Presidencia dende pouco despois de perder o posto de subdelegado do Goberno central en Lugo.

Román Rodríguez, no inicio do curso no CEIP Rosalía de Castro de Lugo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.