Gerardo Crespo pediu en febreiro que a súa consultoría non poida impartir cursos da Xunta

Gerardo Crespo © CAYPE

Xestión contable e administrativa para auditoría, xestión de procedementos tributarios, xestión de recursos humanos, creación de microempresas, financiamento de empresas, tratamento de datos... E así, ata preto dunha ducia. Son as especialidades formativas que Azetanet, a consultoría propiedade de Gerardo Crespo e presunto núcleo da trama Zeta de suposta fraude de subvencións, estivo autorizada a impartir ata hai poucas semanas, cando a propia entidade solicitou a baixa da súa autorización. Mentes a investigación xudicial segue o seu curso foi a propia consultoría, agora quebrada a efectos prácticos, a que pediu a baixa no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego, requisito imprescindible para poder acceder aos fondos públicos que implica a concesión deste tipo de cursos.

Segundo consta no anuncio que a Consellería de Traballo vén de publicar no DOG foi o pasado 6 de febreiro, catro días despois de que Crespo estivese citado a declarar ante a xuíza por primeira vez, cando a consultoría iniciou os trámites para renunciar formalmente á inscrición neste rexistro e, polo tanto á autorización para impartir estes cursos. O proceso iniciouse "por solicitude da interesada", Azetanet, que pediu que a baixa se executase "o antes posible".

Azetanet pediu a baixa no rexistro que permite impartir cursos de Traballo, mentres que á Academia Zeta lle foi revogado o permiso pola Xunta

Como fixa a normativa vixente, a directora xeral de Emprego, Ana María Díaz, unha das altos cargos sinaladas por Crespo nas súas declaracións públicas, foi a encargada de abordar a petición de Azetanet. Así, o 31 de marzo acordou iniciar o procedemento de baixa, que inclúe a apertura dun prazo de dez días para a presentación de alegacións dende o momento en que a entidade reciba a notificación correspondente. Dado que Azetanet xa non opera nas súas instalacións do polígono coruñés da Grela esa notificación non se lle puido entregar, polo que o prazo comeza agora, coa publicación no DOG.

Este trámite prodúcese apenas catro meses despois de que a matriz das entidades de Crespo, a Academia Zeta, deixase tamén de estar autorizada para impartir estes cursos, co matiz esencial de que aquela baixa se produciu por iniciativa da Consellería e non da empresa. No caso da academia foron revogadas as autorizacións para impartir accións formativas de administración e comercialización de seguros, así como de persoal técnico en materia de consumo. Segundo a Xunta, aquela baixa produciuse porque a academia de Crespo non reunía os requisitos establecidos para optar á organización dos cursos.

Acusacións contra o PP

Estes trámites administrativos prodúcense paralelamente á investigación xudicial e non gardan, cando menos formalmente, relación directa coa mesma. Neste sentido, o propio Crespo acusou en numerosas ocasións á conselleira de Traballo, Beatriz Mato -coa que noutrora gardou unha aberta afinidade política e persoal-, e ao propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de "mentir" e provocar a quebra dos seus negocios para ocultaren as súas responsabilidades políticas e cuestións como as achegas de cartos ao partido que detectou a Policía.

O empresario acusa a Feijóo e a Mato de "mentir" para ocultaren responsabilidades políticas

"Síntoo moito, pero teño que defenderme; demostrarei que a conselleira e Feijóo menten", afirmou o empresario e militante do PP o pasado marzo, antes de acudir a un dos trámites previos á querela por supostas inxurias e calumnias contra Mato. "A conselleira -acusa- calumniou cando dixo frases como que en nove comunidades enganamos", porque "para empezar, non traballamos en nove comunidades". Do mesmo xeito, asegura, Feijóo "mente" ao afirmar que foi o propio Goberno galego quen iniciou a investigación, e insiste en que contratou o presunto 'conseguidor' da trama, o empresario Pachi de Lucas, por ser amigo "íntimo" do presidente e ser "protexido de Mariano Rajoy".

Gerardo Crespo © CAYPE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.