Inhabilitado o ex-alcalde de Muras por contratar persoal do Concello sen máis proceso selectivo que "o seu libérrimo criterio"

Issam Alnagm, nunha reunión con Rueda como conselleiro en 2010 para abordar un proxecto financiado con fondos da Xunta no Concello CC-BY-SA Xunta

Dende principio dos anos 90 e ata 2015 o pequeno concello lucense de Muras (actualmente con pouco máis de 600 habitantes) estivo gobernado polo PP con Issam Alnagm á fronte da alcaldía. Médico de profesión, a figura de Alnagm transcendeu as lindes do concello pola peculiaridade da súa orixe siria e por desmarcarse da liña oficial do seu partido en asuntos como o apoio á causa do pobo palestino.

Na provincia de Lugo, non obstante, tamén viraran relativamente habituais os ruxerruxes sobre a política de persoal do rexedor, que perdeu a alcaldía en 2015, cando a logrou o BNG con Manuel Requeijo, que a revalidou en 2019. Eses rumores foron moi alén en forma de denuncias e veñen de ficar plasmados nunha sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial lucense, que vén de inhabilitar o ex-rexedor por nove anos e medio "para todo cargo público con facultades de contratación" por un delito continuado de prevaricación administrativa.

Casa do Concello de Muras © Concello de Muras

Segundo o tribunal presidido pola maxistrada Maria Luisa Sandar, durante o proceso xudicial -no que exerceron como acusación a Fiscalía e o Concello- quedou probado que Alnagm "subscribiu con diversas persoas contratos laborais de carácter temporal" para traballar no Concello "prescindindo total e absolutamente de calquera tipo de procedemento que garantise os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade". Non existía "publicidade das bases" ou "convocatoria", di a sentenza, entre outras razóns porque non existía proceso selectivo alén do "libérrimo criterio" do propio alcalde.

"Queres traballar, si ou non?", respondeu Issam Alnagm ao ser preguntado no xuízo sobre "como se elixia as persoas para traballar no Concello. A condena ao ex-rexedor do PP, que perdeu a alcaldía fronte ao BNG en 2015, ten un carácter máis simbólico ou político ca efectivo, dado que aos seus 74 anos está retirado da política activa

"Malia ás advertencias" da secretaria-interventora do Concello, "que as realizou verbalmente e por escrito" e que Alnagm negou, a Audiencia ve acreditado que no ano 2012 o daquela alcalde contratou 9 persoas por esta vía, en 2013 ás mesmas nove e unha máis, en 2014 a sete delas e en 2015, ás sete "ademais doutras persoas". A "selección " de todas elas baseábase "nunha entrevista persoal" co alcalde. Segundo o seu sucesor na alcaldía, que declarou como testemuña no xuízo, "a maioría dos contratados eran xente afín ao alcalde ou ao PP" mediante un sistema que rematou, por "caciquil", coa chegada do Bloque ao goberno. Agora, agregou, os postos elíxense mediante tribunais regulados pola lei.

Sempre atendendo á sentenza, o xuízo oral por este caso non fixo máis que probar o sucedido. Ao ser cuestionado a respecto de "como se elixía as persoas para traballar no Concello", recolle, Issam Alnagm respondeu que lles preguntaba "queres traballar, si ou non?". Entre as súas xustificacións para manter este xeito de proceder, aludiu razóns como que "nunca houbo máis de dúas persoas do Concello para traballar no mesmo posto" e que un antigo acordo do pleno municipal -do que segundo a Audiencia non existe constancia- decidira priorizar neste tipo de contratacións á veciñanza de Muras.

Dada a "contundencia" das probas das "ilegalidades" cometidas polo ex-rexedor, que segundo a sentenza as cometeu con "total coñecemento", a Audiencia resolveu impoñer a devandita condena de inhabilitación, en liña co estipulado na lei vixente no momento dos feitos. Trátase dunha condena con máis significado político, simbólico ou mesmo moral ca efectivo, toda vez que Alnagm, de 74 anos de idade, está retirado da política activa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.