Interior Galego Vivo propón dez medidas para que as persoas do rural "non teñamos menos dereitos por vivir onde vivimos"

Acto de Interior Galego Vivo en Santa Cruz de Viana o pasado sábado 15 de abril © IGV

Representantes dunha ducia de candidaturas municipais aprobaron un decálogo de "medidas urxentes para garantir un futuro digno nas comarcas interiores", co obxectivo de que "as persoas que habitamos o interior galego non teñamos menos dereitos por vivir onde vivimos"

De cara ás eleccións locais do vindeiro 28 de maio Interior Galego Vivo configúrase como unha rede de candidaturas municipais en concellos da Galicia rural, principalmente das provincias de Lugo e Ourense. O pasado 15 de abril representantes da maior parte das agrupacións que compoñen a entidade reuníronse en Santa Cruz de Viana para debater un decálogo de "medidas urxentes para garantir un futuro digno cas comarcas interiores", dando lugar a un conxunto de propostas que Interior Galego Vigo considera "fundamentais para un rural galego habitado e habitable".

As candidaturas que forman parte de Interior Galego Vivo sitúan como obxectivo que "as persoas que habitamos o interior galego non teñamos menos dereitos por vivir onde vivimos". As propostas fan fincapé na proximidade dos servizos básicos, destacando que non debe haber máis de media hora de desprazamento ata estes ou unha "fiscalidade rural" que axude a dinamizar os territorios con alto grao de avellentamento, con bonificacións na Seguridade Social das pequenas empresas.

Acto de Interior Galego Vivo en Santa Cruz de Viana o pasado sábado 15 de abril © IGV

O Decálogo sinala que dende os concellos "se debe asumir un rol protagonista a prol de compatibilizar as instalacións de enerxía renovable coa xeración de emprego e o respeto a paisaxe"

Tamén se incide no apoio á produción agraria e gandeira de proximidade e dos mercados locais, destacando que o contexto actual de cambio climático fai máis importante ca nunca a soberanía alimentaria e as producións na contorna de consumo. 

Ademais, destácase que dende os concellos "se debe asumir un rol protagonista a prol de compatibilizar as instalacións de enerxía renovable coa xeración de emprego e o respeto a paisaxe así como evitar macroproxectos empresariais depredadores do medio". Interior Galego Vivo aposta por un canon enerxético para concellos e persoas propietarias e por un modelo de xeración distribuída "que afonde nun modelo descentralizado e máis sustentable".

Interior Galego Vivo fai un chamamento a acadar un cambio do modelo e atención ás persoas maiores e dependentes

Así mesmo, Interior Galego Vivo fai un chamamento a acadar un cambio do modelo e atención ás persoas maiores e dependentes, apostando por un aumento das horas do Servizo de Axuda no Fogar, "que ten que ser público e con boas condicións laborais", e por servizos de proximidade, así como por un modelo residencial micro no medio rural e baseado nunha atención centrada na persoa.

Finalmente, destacan que os concellos rurais deben ter "rol protagonista" na dotación de vivenda pública e na defensa dunha sanidade pública e gratuíta, e propoñen que se extendan servizos como a Fisioterapia ou a Saúde bucodental, defendendo "unha cobertura digna de pediatría no interior galego".

As candidaturas que redactaron e aprobaron este decálogo de medidas para o rural galego de cara ao 28M foron Alternativa Veciñal de Antas de Ulla, Por Chantada, Xuntos por Laza, Terras de Portomarín, Agroma Sober, Vilardevós-IGV, C@urel Vivo, Xuntos por Chandrexa, Esperta Monforte, Manzaneda IGV e San Sadurniño IGV.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.