Investigan se a xuíza de Vixilancia Penitenciaria de Lugo ten unha consulta de tarot

Edificio dos Xulgados de Lugo © Google

A xuíza de Vixilancia Penitenciaria de Lugo, María Jesús García, está a ser investigada sobre a posibilidade de que conte cunha consulta de tarot e videncia. Segundo publica El Progreso este xoves, é ela mesma a que bota as cartas nun piso da Avenida Ramón Ferreiro, cobrando entre 15 e 20 euros por sesión. Ademais, ela encargaríase de repartir polos parabrisas dos vehículos aparcados na zona os pasquíns nos que se anuncian os seus servizos: "Tarotista y vidente con gran experiencia echa las cartas del tarot en persona".

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e o Consello Xeral do Poder Xudicial abriron xa un expediente informativo, un proceso que se iniciou a comezos de mes, cun informe remitido dende Lugo ao TSXG, que ademais de comezar a súa investigación, trasladou o asunto ao Consello Xeral do Poder Xudicial

María Jesús García é a encargada de xestionar os permisos de liberdade de más de mil presos e presas de tres cárceres de Lugo e Ourense. Nos últimos anos fora xa moi comentado o feito de que se fixese acompañar por un gato nas súas visitas, destaca La Voz de Galicia, e recibira queixas igualmente por fumar nos xuízos.

É a encargada de xestionar os permisos de liberdade de más de mil presos e presas de tres cárceres de Lugo e Ourense

Un xornalista de El Progreso fíxose pasar nas últimas horas por un cliente do tarot, asistindo a unha sesión de videncia con ela. Escribe que, preguntada polo futuro dos problemas xudiciais do falso usuario ela lle recomendou acender unha vela cun misto de madeira, outra dentro de 15 días e outra máis o día do xuízo, engadindo que "a Xustiza tampouco acerta moito".

 

Edificio dos Xulgados de Lugo © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.