"Pido desculpas aos militantes que poidan crer que non estiven á altura das circunstancias". Francisco Jorquera, candidato do BNG á presidencia da Xunta, recoñeceu que a fronte nacionalista sufriu un "revés electoral", logo duns pobres resultados dos que o número un pola Coruña acusou á "fragmentación" do nacionalismo pola irrupción doutras forzas, así como á "estratexia" do PP e do poder -non só representado nos populares, aclarou- que segundo o candidato consistiu en prexudicar o Bloque "retroalimentando" outras forzas como Alternativa Galega de Esquerda.
"Os mellores resultados de Beiras sempre coincidiron cos mellores resultados do PP"
"Durante boa parte deste periodo o BNG proxectou continuas diferenzas", engadiu Jorquera, que insistiu en criticar a "estratexia" do PP de "desmobilizar" os seus votantes, incluíndo a promoción doutras forzas como Alternativa Galega de Esquerdas. "Esta estratexia deulle resultado", asegurou, logo de "felicitar" o PP pola súa vitoria e tamén á formación de Beiras, á que aludiu en numerosas ocasións. Segundo o candidato nacionalista, a estratexia popular consistiu en "retroalimentar" a AGE. "Mirade que os mellores resultados de Beiras sempre coincidiron cos mellores resultados do PP", advertiu.
Ademais, alertou que Galicia está a sufrir un proceso de "desgaleguización" e afirma que contra ese proceso "o BNG é imprescindibel". De cara ao futuro indica que "tan importante será o traballo no Parlamento coma na rúa".