"Levamos seis anos de recortes en Galicia, dunha política contra a maioría. Iso é o que hai que cambiar"

Presentación da candidatura de 'Claro que Podemos Galicia', este domingo en Compostela © Claro Que Podemos Galicia

Breogán Riobóo Lois (Narón, 1986) encabeza Claro que Podemos Galicia, unhas das tres candidaturas que dende este luns competirán por integrar o Consello Cidadán galego de Podemos e por ocupar a Secretaría Xeral, posto para o que tamén se presenta un candidato non incorporado a ningunha candidatura. As votacións terán lugar do 9 ao 13 de febreiro. Na presentación da candidatura, este domingo en Compostela, os seus impulsores defenderon unha política feita "dende aquí e para aquí" sen "renunciar ao ADN" de Podemos, e apostaron por "colocar Galicia nun lugar protagonista" no proceso de "cambio democrático" e no actual proceso constituínte.

Por que decidides lanzar a candidatura? Que obxectivos a definen?

Chega un momento en que é preciso construír Podemos a nivel territorial e achegar xente de distintos sectores da sociedade que se comprometa para poder vertebrar a organización a nivel galego. Pretendemos tecer fíos e ter unha comunicación estable coas distintas entidades sociais e movementos que operan na sociedade, para que as políticas alternativas que levan tempo defendendo se poidan trasladar ás institucións. Queremos que se comprometa co proxecto xente que non necesariamente estea participando activamente nos círculos, xente que se identifica con Podemos pero que ata o de agora se cadra non dera ese paso adiante para colaborar máis activamente.

Que criterio primou á hora de escoller as persoas que conforman candidatura?

O criterio fundamental para nós era o dos ámbitos sectoriais. Na lista está, por exemplo, José García Buitrón, ex director do CHUAC da Coruña, e unha persoa moi comprometida coa defensa da Sanidade. Outro ámbito que para nós é fundamental é o da investigación e por iso contamos cun investigador en Xenética do campus de Lugo. Tamén hai xente con moita experiencia previa nos movementos sociais.

"Cremos que a xente que participa acotío nos círculos é moi importante, pero tamén cremos que para estender socialmente Podemos é necesario seguir achegando xente"

Que diferenzas cres que hai, a primeira vista, coas outras dúas candidaturas?

A diferenza pode estar nesa apertura de portas que fixemos, de cara a conectar coa sociedade en xeral, para que se puidese achegar xente que non era tan activa nos círculos. Cremos que a xente que participa acotío nos círculos é moi importante, pero tamén cremos que para estender socialmente Podemos é necesario seguir achegando xente. Ademais, nunha das outras candidaturas prímase máis a representación territorial, de xeito que a metade dos postos no consello correspondan a persoas que representen unha comarca determinada. Nós, en cambio, cremos que debe primar a representación de distintos sectores.

"Pretendemos tecer fíos e ter unha comunicación estable coas distintas entidades sociais e movementos que operan na sociedade, para que as políticas alternativas que levan tempo defendendo se poidan trasladar ás institucións"

Vai participar na vosa campaña algunha das caras máis coñecidas de Podemos a nivel estatal?

Aínda non está confirmada a presenza de ninguén, aínda estamos traballando no deseño da campaña.

Que posición ides manter con respecto á confluencia de Podemos e as candidaturas cidadás que se están conformando nas distintas cidades e vilas galegas? Cales van ser as liñas vermellas para acadar un acordo?

É unha cuestión que se irá vendo vila a vila e cidade a cidade. Ademais, as candidaturas cidadás son distintas nun lugar ou noutro. A día de hoxe teño clara a cuestión na Coruña, onde a Marea Atlántica está bastante definida e a xente de Podemos estámonos informando para ver se a Marea cumpre con eses canons ou liñas vermellas que comentabas. Tamén Ourense en Común ten bastante avanzada a súa proposta. En cambio noutros lugares, como Vigo, hai varias plataformas. Finalmente cada asemblea de Podemos decidirá a súa participación en cada lugar. As liñas vermellas están claras: o código ético de Podemos, as primarias abertas, a presenza cidadá..., son cuestións fundamentais que no caso de estar ausentes, Podemos non vai participar.

"Nos sitios nos que non haxa plataformas ou candidaturas cidadás, Podemos podería potenciar candidaturas"

Se nunha vila non hai ningunha plataforma deste tipo ou se a que hai non é aceptada pola asemblea de Podemos, apostaríades por impulsar unha nova plataforma dende Podemos?

Esa é outra posibilidade: nos sitios nos que non haxa plataformas ou candidaturas cidadás, Podemos podería potenciar candidaturas. Haberá que velo en cada vila, non é algo que se poida decidir a nivel de toda Galicia. Outra posibilidade tamén sería non participar nas eleccións municipais. Terá que decidilo a xente en cada lugar.

Como valoras o sucedido en Ferrol coas irregularidades detectadas e a solución ditada pola Comisión de Garantías, a de adiar seis meses unha nova votación?

Se se detecta unha irregularidade, como fixo a Comisión de Garantías, que para iso está, é lóxico que se paralice o proceso, repetindo as votacións nun prazo determinado. O positivo disto é a constatación de que os sistemas funcionan, que o sistema de voto electrónico que propón Podemos é un sistema fiable. É normal que a xente de Ferrol estea desgustada, pero a decisión do Comité evitou unha fraude electoral. A xente de Ferrol debe seguir traballando, organizándose, para dentro de seis, sete ou oito meses escoller o Consello Cidadán e a Secretaría Xeral, e cunha garantía plena de que non haberá irregularidades.

Como valoras a xestión realizada á fronte da Xunta polo PP e por Alberto Núñez Feijoo?

A situación en Galicia é dramática, sobre todo no que respecta ao exilio económico que sofren milleiros de mozos e mozas galegas que non poden traballar na súa terra. Ademais, hai moitísimas persoas que viven na pobreza ou en risco de exclusión social. É dramática tamén pola desmesura que houbo historicamente por certas cuestións localistas: tres universidades, tres aeroportos..., cartos que se poderían ter destinado a outras cuestións. Levamos seis anos de recortes en Galicia, dunha política en contra da maioría. Iso é o que hai que cambiar. O país non pode seguir así.

"A xente que en Galicia estamos en Podemos somos galegos e galegas, levamos aquí toda a nosa vida e entendemos cales son as necesidades da sociedade para poder mudar as cousas de xeito radical"

Que pensas das críticas que recibe Podemos por parte dalgúns sectores do nacionalismo, que o acusan de importar dinámicas políticas alleas?

Levamos tempo escoitando críticas que nos acusan de introducir dinámicas políticas externas, ou de que as nosas decisións se toman en Madrid. Pero a realidade é que o nacionalismo en Galicia non deu nas claves para poder ser hexemónico. Podemos defende un novo proceso constituínte, plurinacional. Non se trata de posicionarse no nacionalismo, como tampouco se trata de posicionarse na esquerda ou na dereita, senón de facer políticas dende a cidadanía e para a cidadanía, que é o que necesita Galicia. A xente que en Galicia estamos en Podemos somos galegos e galegas, levamos aquí toda a nosa vida e entendemos cales son as necesidades da sociedade para poder mudar as cousas de xeito radical. Non é unha cuestión de nacionalismo si ou nacionalismo non. A política non virá de Madrid, senón que nacerá aquí porque para iso estamos a constituír un Consello Cidadán galego e realizando un traballo importante de análise social e política da realidade galega.

Como valoras a política lingüística levada a cabo pola Xunta nos últimos seis anos?

Está claro que a política lingüística en Galicia foi errada. Só hai que ver os datos do INE, que amosan que segue a descender o número de galegofalantes, e sobre todo na mocidade. Hai que chegar a acordos, hai que chegar a consensos para todas e todos defender o galego, para que perdure e non se perda e para que ocupe o lugar que ten que ocupar. A lingua promociónase na escola e tamén con produción cultural en galego, coa produción literaria ou con filmes coma A Esmorga.

Que expectativas tedes con respecto á mobilización do día 31?

Queremos que a do 31 sexa unha gran mobilización, que se vexa nas rúas o sentir da xente, que se vexan as ganas de cambio. É unha manifestación que chega ademais nun momento moi importante, despois da aprobación da Lei Mordaza, e no comezo dun ano que debe ser o ano do cambio, tanto a nivel municipal coma estatal. E un cambio que comezará esta fin de semana en Grecia.

"É unha manifestación que chega no comezo dun ano que debe ser o ano do cambio, tanto a nivel municipal coma estatal. E un cambio que comezará esta fin de semana en Grecia"

Que efecto tería unha vitoria de Syriza nas eleccións deste domingo?

Para nós o proceso é o mesmo. O cambio comeza a xerarse no sur de Europa. A unión dos países do sur é fundamental para quitarnos de enriba a presión dos poderes políticos e económicos. Entendemos que o proceso que se inicia este domingo coa vitoria de Syriza, seguirá na manifestación do día 31 e irá consumándose ao longo do ano nas distintas citas electorais.

Como valoras o cambio de estratexia que semella estar producíndose no PSOE con respecto a Podemos, incrementando as críticas contra a formación e contra os seus líderes?

Hai un cambio evidente na actitude do PSOE, e entendemos que é un cambio normal, xa que o bipartidismo saído do 78 está vendo que se lle acaba o xogo. Vemos o que sucedeu, precisamente en Grecia, onde o PASOK pasou de gobernar a ter un 5% de intención de voto. O PSOE estalle vendo as orellas ao lobo, pero o seu descrédito é tan grande que as súas críticas a Podemos non teñen impacto.

Presentación da candidatura de 'Claro que Podemos Galicia', este domingo en Compostela © Claro Que Podemos Galicia
Xuntanza dos integrantes da candidatura © Claro Que Podemos Galicia
Breogán Riobóo, candidato por Claro que Podemos © podemos.info

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.