Listas de espera e críticas do Consello de Contas: o que se coñecerá xusto despois do 12X

O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, recibindo en 2018 os informes do conselleiro maior do Consello de Contas, José Antonio Redondo, o mesmo venres de xullo en que a Xunta fixo públicas as listas de espera sanitarias Dominio Público Parlamento de Galicia

Informes de contido negativo para a Xunta veñen facéndose públicos en venres de verán, o que reduce a súa repercusión, e desta volta chegarán tras as eleccións

A celebración das eleccións galegas este domingo 12 de xullo suporá que non se coñezan antes, por moi poucos días, datos que adoitan ser negativos para o Goberno galego. Será presumiblemente unha semana máis tarde cando a propia Xunta faga públicos, como todos os anos, os datos das listas de espera sanitarias, que desta volta prevese que aumenten notablemente pola interrupción da actividade ordinaria durante as peores semanas do coronavirus. Dúas semanas despois chegaría o informe anual do Consello de Contas, a auditoría independente que todos os anos reflicte as eivas na xestión da administración autonómica. E, ao tempo, o sétimo aniversario do accidente de Angrois, traxedia na que está en cuestión o papel posterior da Xunta e o PP.

En 2009 Feijóo esixiu ao bipartito que fixese públicos os datos do paro antes do habitual argumentando que a cidadanía tiña dereito a coñecelos antes de ir votar

Fosen cando fosen os comicios, estes produciríanse sempre un par de semanas antes ou despois de datos mellores ou peores para uns ou outros gobernos. A comezos de cada mes coñécense datos como o paro rexistrado, e trimestralmente a Enquisa de Poboación Activa (EPA), cuxa próxima entrega sairá a finais deste mes de xullo. Tamén trimestralmente fanse públicos os datos do PIB. Eses e outros indicadores non están centrados en Galicia e a súa publicación depende de entidades estatais, o que non impediu que en 2009 o daquela candidato Feijóo esixise ao bipartito que divulgase antes das eleccións galegas daquel 1 de marzo o dato de paro de xeito adiantado argumentando que a cidadanía tiña dereito a coñecelo antes de ir votar. Pero fronte a eses e outros, os datos da espera sanitaria e o informe de Contas si deixan en evidencia directamente a xestión dos populares na Xunta e a súa divulgación depende deles dun ou doutro xeito.

En 2015 a Xunta deixou de ofrecer información sobre a espera sanitaria catro veces ao ano pasando a só dúas, unha das cales é sempre un venres de xullo, o que reduce a súa repercusión mediática

Ata 2015 a Xunta ofrecía información sobre as listas de espera sanitarias de xeito trimestral, pero naquel ano decidiu pasar a facelo semestralmente, divulgando en xaneiro e xullo os datos a respecto do semestre anterior co que desapareceron os dous informes trimestrais con peores resultados. Os informes correspondentes aos primeiros semestres de cada ano foron divulgados nos últimos anos sempre en venres, o que reduce a súa repercusión mediática na fin de semana, e nas seguintes datas: 22 de xullo de 2016, 21 de xullo de 2017, 20 de xullo de 2018 e 19 de xullo de 2019.

Á espera da data que elixa a Xunta para divulgar os datos do primeiro semestre deste ano, o parón de máis de dous meses que o coronavirus provocou na actividade sanitaria ordinaria ameaza con facer que as cifras de espera se disparen en todas as especialidades e tanto na cirurxía como nas consultas.

Hai dous anos o presidente do Parlamento recibiu o informe do Consello de Contas o mesmo venres que a Xunta divulgaba os datos sanitarios, e o pasado ano fíxoo en metade dunha ponte

Tamén en venres de verán adoita recibir o presidente do Parlamento de Galicia, o popular Miguel Santalices, o informe anual do Consello de Contas. A súa auditoría sobre a denominada Conta Xeral da administración autonómica, e con ela outros informes sectoriais que adoitan acompañala, é a crítica máis fundamentada e independente que ten que asumir unha vez ao ano cada Goberno autonómico. Pero nos últimos anos a repercusión pública desas críticas adoita verse limitada polas datas elixidas para a súa divulgación.

Fronte a outros informes temáticos puntuais ou sobre outras administracións que tamén se fan públicos noutras épocas do ano, as críticas máis estruturais do Consello de Contas a cada Goberno galego adoitan realizarse en venres da metade do verán xeralmente xusto antes do festivo do 25 de xullo, o que facilita que boa parte dos medios de comunicación non lle dean tanta cobertura. O ano pasado ese informe fíxose público o venres 26 de xullo, na metade dunha ponte polo Día de Galicia, e o ano anterior o 20 de xullo de 2018, coincidindo coa divulgación o mesmo día das listas de espera sanitarias. Venres similares de verán foron as datas elixidas para a recepción do informe de Contas por parte do presidente do Parlamento, como ocorreu en 2017, 2016, 2013, 2012, 2011 e 2007. Tamén en xullo ou agosto, aínda que noutros días da semana, fixéronse públicos informes similares en 2008 e 2009.

Vítimas de Angrois ante o Parlamento de Galicia no sexto aniversario do accidente CC-BY-SA Praza Pública

Dúas semanas despois das eleccións, o 24 de xullo, vítimas de Angrois volverán criticar os obstáculos do PP e a Xunta á investigación e o trato que lles vén dando o propio Feijóo

Tamén dúas semanas despois das eleccións deste domingo, o 24 de xullo, celebrarase un novo aniversario, o sétimo, do accidente de Angrois, no que malia non ter ningunha responsabilidade directa os gobernos de Feijóo, ademais do propio PP, veñen recibindo críticas da Plataforma de Vítimas polos obstáculos e polo trato que lles vén dando. A manifestación dos afectados polas rúas de Santiago reclamando responsabilidades políticas tamén resulta outro momento incómodo para a Xunta que non se producirá ata despois dos comicios, nunha data, o 24 de xullo, á que a Xunta adianta desde hai seis anos a entrega das Medallas de Galicia malia o rexeitamento dos afectados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.