Máis da metade do Goberno compostelán serán edís non electos

Currás e Hernández, nunha imaxe de arquivo © Concello de Santiago

Sete dos 13 membros do grupo de goberno do Concello de Santiago de Compostela serán edís que non figuraban na lista electoral do PP nas últimas eleccións municipais e que, polo tanto, non foron escollidos pola cidadanía. Agustín Hernández, que tomará posesión ao redor do 1 de xullo, anunciou este sábado a composición da nova corporación, presidida por el e na que se mantén o aínda rexedor Ángel Currás, "para facilitar o traspaso de poderes".

Hai sete concelleiros e concelleiras non elixidos pola cidadanía, entre eles a senadora María Jesús Sainz ou a actual directora do IGVS, Teresa Gutiérrez

No equipo, ademais de Hernández (número 25 na lista electoral popular), figura a deputada no Congreso Marta González (número 24), e mantéñense ademais de Currás os edís Reyes Leis, Luis Meijide e José Manuel Rosende. Ademais, incorpóranse sete concelleiros non elixidos nos comicios: a senadora María Jesús Sainz, dirixente popular na cidade nos anos oitenta e noventa; Alejandro Sánchez Brunete, concelleiro tamén nos anos noventa; Teresa Guitiérrez, actual directora do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS); Ramón Quiroga Limia, subdirector xeral de Promoción da Igualdade; María José Corral López, colaboradora do gabinete de Agustín Hernández; Manuel Martínez Varela, secretario do Concello de Boiro; e María Antón, xerente do Consorcio de Santiago.

Na presentación do seu novo equipo, Hernández afirmou que elaborou o grupo "con total liberdade" e que procurou "o que considerei máis axeitado en defensa dos intereses de Santiago". Hernández non desvelou en que momento abandonará a Consellaría de Medio Ambiente ou quen pode ser o seu substituto ou substituta.

Nos últimos días as forzas da oposición censuraron a "esperpéntica" e "disparatada" situación que o PP provocou en Santiago e destacaron que o PP busca "defender intereses electoralistas" no canto de primar os "intereses xerais".

Currás e Hernández, nunha imaxe de arquivo © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.