Manu Chao únese á loita contra o proxecto das Percebeiras no barrio coruñés de Labañou

Manu Chao, durante o vídeo de apoio á asociación de veciños de Labañou CC-BY-SA AVV Francisco Rodríguez Otero

Manu Chao envía un vídeo de apoio á loita veciñal de Labañou contra o proxecto urbanístico das Percebeiras

O músico e compositor francés de orixe galega Manu Chao quíxose unir ao rexeitamento do proxecto urbanístico impulsado na agra das Percebeiras, no barrio coruñés de Labañou. O artista, fillo do escritor e xornalista Ramón Chao, enviou un vídeo de apoio á asociación de veciños, que loita contra un plan avalado xa polo Concello da Coruña e pola Xunta de Galicia e que prevé a construción de dez edificios de entre tres e 14 alturas ao pé do mar nunha das escasas amplas zonas verdes que quedan na cidade. 

Nun comunicado, Manu Chao expresa o seu rexeitamento a un proxecto "no último anaco de terreo libre e aberto ao océano atlántico do barrio obreiro de Labañou" e acusa as administracións de "priorizar a especulación fronte aos intereses das veciñas" e de "levarse por diante un espazo aberto e verde que é unha enorme oportunidade para unha cidade como Coruña, con moi poucos parques". 

O músico e compositor de orixe galega interpreta o retrouso da canción composta pola Percebeiras Band contra o plan urbanístico

Manu Chao gravou un vídeo interpretando o retrouso da peza composta pola Percebeiras Band, un grupo formado por Miguel Ladrón (voz e guitarra), Tito Ritman (baixo e voz), Pablo Añón (saxo) e Arthur B. Kress (batería). 

A canción serve como himno reivindicativo da veciñanza, que se opón á construción destes edificios polo impacto social, paisaxístico e medioambiental que tería no barrio, e que reclama un parque no lugar onde hai previstas 371 vivendas que ocuparían case 56.000 metros cadrados. 

"Sonche das Percebeiras, sonche de Labañou, veño erguer o canto, en contra da especulación. Non queremos pelouros, queremos sentir o sol. Fóra das Percebeiras, fóra de Labañou", di parte da letra. 

O proxecto, malia as moreas de alegacións presentadas, conta xa co visto e prace inicial do Concello da Coruña e tamén co aval da Xunta, que aprobou o informe de impacto ambiental. 

Agra das Percebeiras, en Labañou, coa Torre de Hércules ao fondo CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

A asociación veciñal estudará acudir á vía xudicial no caso de que o proxecto sexa definitivamente apoiado polo pleno municipal da Coruña

Na avaliación ambiental publicada xa, a Xunta considera "aceptable" a integración paisaxística malia recoñecer o "apantallamento" do mar e da Torre de Hércules e suxire solucións de tipo estético pola "alta visibilidade que terán os edificios" na bahía do Orzán. Tamén expresa dúbidas sobre como influirán  na contorna tres dos dez edificios, o máis alto e os dous máis achegados á costa. E pide "estudar en detalle" a forma de resolver a envolvente conxunto dos dous bloques ao "non resultar clara a incidencia de tal solución na marxe final desta área". 

Na asociación de veciños do barrio, ao igual que fan Marea Atlántica ou BNG, censuran ademais que o Concello blinde o litoral nas Xubias cun cambio no plan xeral,  paralizando un ano a concesión de licenzas urbanísticas e revisando o planeamento urbanístico para rebaixar a edificabilidade mentres mantén o plan previsto para As Percebeiras. 

O colectivo --que conta co apoio do movemento veciñal corués e de ducias de colectivos-- entende tamén que o plan das Percebeiras non se adapta ás repetidas políticas pola sustentabilidade, de loita contra o cambio climático ou prioridade ao espazo peonil e ao transporte alternativo plasmados en documentos estratéxicos concretos. Moito menos ás reivindicacións aos espazos verdes e abertos que xurdiron coa chegada da pandemia e as dúbidas sobre os modelos de habitabilidade, máis nunha cidade con elevada densidade de poboación e carencia de parques. 

A asociación veciñal prevé presentar alegacións no trámite de información pública e, no suposto de que o proxecto sexa definitivamente aprobado polo pleno municipal, estudará a vía xudicial. Será, advirten, un proceso longo no barrio de Labañou, que agora conta co apoio dun músico con relacións de amizade na zona. "Estamos xuntos, Coruña", di ao final do vídeo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.