Marea Atlántica presenta o seu programa coa Área Metropolitana como clave para a mellora global da vida na Coruña

Xulio Ferreiro na presentación do programa de Marea Atlántica Dominio Público Marea Atlántica

Xulio Ferreiro apela a superar dez retos e resolver desde o municipalismo “os problemas que outras administracións non son capaces de ver ou non queren atender”

O Paraninfo da universidade acolleu este venres a presentación do programa electoral de Marea Atlántica para revalidar a alcaldía de Xulio Ferreiro no Concello da Coruña. Un documento e un discurso que presentan a constitución dunha Área Metropolitana como clave para a mellora global da calidade de vida na Coruña e que apelan a superar dez retos para que os e as coruñesas teñan “dereito á cidade”, nunha campaña na que Marea Atlántica aspira a centrar o debate no municipal.

"Foron catro anos de cambio, cheos de primeiras veces e nos que puxemos as bases dun novo modelo de cidade que o 26 de maio afronta a súa consolidación. É o momento de decidir se queremos avanzar cun proxecto de cidade próxima, inclusiva, sostible e innovadora, ou retroceder”, dixo Ferreiro nunha presentación na que salientou que “agora toca asumir novas metas e o noso futuro está atravesado por grandes retos comúns a outras cidades globais”. “A Coruña é unha cidade pequena capaz de cousas extraordinarias”, dixo, para engadir que a urbe ten desafíos por diante e o primeiro é o de “dar un salto na súa gobernanza” e “constituír unha Área Metropolitana plena, para actuar mais alá dos límites administrativos municipais”.

Acto de presentación do programa de Marea Atlántica no paraninfo da universidade Dominio Público Marea Atlántica

O candidato á reelección quere que A Coruña dea “un salto na súa gobernanza” para “constituír unha Área Metropolitana plena, para actuar mais alá dos límites administrativos municipais”

Esa “vocación de liderado” da Coruña que facilite políticas que redunden na calidade de vida da cidadanía é presentada por Marea Atlántica como o primeiro dos dez retos en que resume a súa proposta de goberno para o próximo mandato: mobilidade sostible, cambio climático, igualdade de xénero, xustiza social, innovación, coidados, proximidade, cooperación e dereito á cidade.

Nesas áreas afonda o programa electoral con propostas como un novo mapa de liñas de autobús e a redución do billete para menores de 26 anos e maiores de 65 que nese eido da mobilidade se suman a medidas xa implantadas como baixadas previas ou a duplicación da rede de carril bici. Tamén propón a creación dunha empresa eléctrica pública e municipal, unha casa das Mulleres 'Marcela e Elisa', unha tarxeta Millennium específica para persoas con diversidade funcional, a mellora da accesibilidade a diversos espazos da cidade ou novos equipamentos deportivos no Ofimático e nos peiraos de Batería e Calvo Sotelo. O programa electoral tamén contempla a ampliación nun 20% do parque municipal de vivenda.

Son medidas que Marea Atlántica resume no reto de “resolver os problemas que outras administracións non son capaces de ver ou non queren atender”. “Con todas as mans, a iso é ao que paga a pena chamar municipalismo”, resumiu Ferreiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.