Marea Galeguista presenta a súa candidatura reclamando unha nova normalidade "máis xusta e sostible"

Pancho Casal, candidato da Marea Galeguista © Marea Galeguista

Marea Galeguista presentou este domingo en Compostela a súa candidatura para as eleccións ao Parlamento galego do vindeiro 12 de xullo. A coalición formada por En Marea, Compromiso por Galicia e Partido Galeguista ten a Pancho Casal como candidato á presidencia da Xunta e número 1 pola provincia da Coruña. Peque González é a número 1 por Pontevedra, Iván R. Lombardero encabeza a lista por Lugo e Milagros Corral lidera a lista por Ourense.

A coalición ten a Pancho Casal como número 1 pola provincia da Coruña. Peque González é a número 1 por Pontevedra, Iván R. Lombardero encabeza a lista por Lugo e Milagros Corral lidera a lista por Ourense

Na súa presentación, que tivo lugar no Parque de Galeras, a candidatura chamou a"construír comunidade na nova normalidade, sen deixar a ninguén atrás". No acto, Pancho Casal destacou que a Marea Galeguista é unha candidatura “transversal e aberta” para interpelar “a todas as galegas e galegos” na “reconstrución” do país. Casal amosouse convencido de que a Marea Galeguista vai ser “decisiva para un goberno de transición a una nova normalidade máis xusta e sostible”.

Peque González, nº 1 da Marea Galeguista por Pontevedra © Marea Galeguista

Casal amosouse convencido de que a Marea Galeguista vai ser “decisiva para un goberno de transición a una nova normalidade máis xusta e sostible”

María Chao, número dous pola Coruña, introduciu a acto afirmando que "as forzas políticas, as mareas locais e todas e cada unha das persoas” que presentan o proxecto da Marea Galeguista amosan a súa “vontade de unir forzas nun proxecto nacional galego, aberto e inclusivo que poida canalizar politicamente a vontade cidadá de empregar as institucións para mellorar as condicións de vida da xente deste país”.

A cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, Peque González, reivindicou a loita das feministas galegas. “Si, nós tamén saímos á rúa o 8 de marzo”, afirmou, lembrando que “os coidados, nesta pandemia, recaeron de novo nas mulleres deste país”. No seu discurso defendeu tamén “a blindaxe e garantía dunha sanidade e educación públicas, universais e de proximidade”.

O candidato pola provincia de Lugo, Iván R. Lombardero, sinalou a “imperiosa necesidade” de traballar por un “horizonte verde” para o país no que haxa “xustiza ambiental” e no que a sustentabilidade do medio se convirta “nun obxectivo político co que construírmos o futuro”. 

Finalmente, Milagros Corral, lembrou os galegos e galegas que tiveron que deixar o país “por non atoparen as condicións de posibilidade en Galicia que lles permitisen vivir dignamente”. Corral sinalou que un dos obxectivos da Marea Galeguista é “poner en marcha una acción política decidida a invertir o devalo demográfico creando oportunidades e garantindo os servizos públicos de proximidade”.

Pancho Casal, candidato da Marea Galeguista pola provincia da Coruña © Marea Galeguista

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.