Medio Rural trabúcase ao mercar a roupa do persoal contra incendios e ten que cancelar o proceso

Brigadistas de Medio Rural, coas súas fundas de traballo © Xunta

O pasado 29 de novembro a Consellería do Medio Rural iniciaba os trámites para mercar parte da roupa que empregará o persoal do servizo de prevención e defensa contra incendios durante 2014 e 2015. O departamento que dirixe Rosa Quintana dispúñase a adquirir por case un millón de euros arredor de 2.100 conxuntos de anorak, forro polar e cubrepantalón aproveitando unha achega de fondos europeos. Os pregos de condicións do contrato foron informados favorablemente o 17 de decembro, o gasto foi aprobado e a comezos de xaneiro remitíronse os anuncios correspondentes aos diarios oficiais. Pero as empresas interesadas comezaron a detectar erros que veñen de provocar a cancelación do proceso.

Segundo un informe asinado polo subdirector xeral de Prevención e Defensa contra incendios forestais, Miguel Ángel Cela, varias das empresas comezaron a dirixirse á Consellería a mediados de xaneiro para realizar alegacións "a respecto do curto prazo dispoñible entre a publicación da licitación [23 de decembro] e a data límite da presentación de ofertas [31 de xaneiro], tendo en conta os requirimentos previstos para a mostra e os ensaios necesarios", solicitando "con carácter xeral, unha ampliación do prazo de 60 días". Ademais, advertían "dalgúns erros detectados nas especificacións" que a Xunta esixía para os produtos solicitados.

A Consellería errou nas características da roupa e nos prazos para a presentación de mostras e entrega das prendas

Atendendo ao propio informe Medio Rural trabucouse ao especificar os parámetros de resistencia á rotura ou ao rachado, de "resistencia contra deslaminación" ou das características de lavado das prendas. "Efectivamente, os erros detectados non son todos subsanables neste momento, por afectar tamén a contido do prego de cláusulas administrativas e estar en relación directa con dous dos criterios de valoración establecidos", admite o subdirector xeral, que tamén recoñece que os prazos fixados, ao "coincidir coas datas festivas do Nadal", supuxeron, "na práctica, dificultades para obter os materiais principais que os licitadores necesitan". Adicionalmente, os prazos establecidos "para realizar as primeiras entregas poderían supoñer dificultades na execución do subministro".

Neste escenario, conclúe o informe, "a necesidade de corrixir" tanto as condicións administrativas como as técnicas "implicaría reiniciar as actuacións de preparación do contrato xa que impiden continuar o procedemento sen alterar as condicións para a adxudicación do mesmo". Cómpre ter en conta ademais, di, que "as prendas obxecto desta contrartación teñen relación cos niveis de protección de seguridade e saúde no traballo", polo que, tras "realizar os oportunos cambios, sería conveniente realizar consultas aos representantes sindicais na próxima xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral" do servizo contra incendios. Con este informe sobre a mesa, datado no pasado día 23, o día 24 o secretario xeral técnico da Consellería decidía "desistir" do procedemento e "reinicialo", seguindo a recomendación do subdirector, unha vez que se subsanen os erros cometidos.

Brigadistas de Medio Rural, coas súas fundas de traballo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.