Néstor Rego, Iago Tabarés, Maite Ferreiro e Carme da Silva, cabezas de lista do BNG ao Congreso

Ana Pontón, durante o Consello Nacional do BNG © BNG

O BNG xa ten candidatos para as eleccións xerais do vindeiro 28 de abril. Dúas mulleres e dous homes para encabezar as listas de cada provincia. Na Coruña, será o portavoz dos 19 de Meirás --activistas denunciados pola familia Franco por ocupar simbolicamente o Pazo de Meirás-- e secretario xeral da UPG, Néstor Rego, será o cabeza de cartel. Ademais, o avogado e ex-deputado no Parlamento galego Iago Tabarés, serao por Ourense; e dúas concelleiras por Lugo e Pontevedra: Maite Ferreiro e Carme da Silva, respectivamente.

Néstor Rego, secretario xeral da UPG e un dos '19 de Meirás', será o cabeza de lista pola Coruña

O Consello Nacional do BNG aprobou este sábado as candidaturas coas que aspira a recuperar a súa presenza no Congreso dos Deputados, que perderon en decembro de 2015 por primeira vez en dúas décadas. As listaxes inclúen persoas de importante traxectoria como Tereixa Novo para o Senado ou o ex-portavoz nacional Guillerme Vázquez pecha a lista por Pontevedra.

As candidaturas inclúen, ademais persoeiros relevantes do mundo da cultura, como o ilustrador Kiko da Silva na de Pontevedra ou o escritor Suso de Toro pola Coruña. 

"Un, dous, tres deputados do BNG son máis útiles para os galegos, que 23 ao servizo de Sánchez, Casado ou Iglesias", di Pontón

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, falou de "candidatura de país" e "representativa da pluralidade que existe en Galicia" e advertiu de que, nun escenario que se prevé "sen maiorías absolutas", "un, dous, tres deputados do BNG son máis útiles para os galegos, que 23 ao servizo de Sánchez, Casado ou Iglesias".

Ademais, Pontón aclarou con contundencia que o BNG nunca facilitaría o goberno dos partidos da dereita e deixou no aire apoios explícitos a Podemos ou PSOE en función de se respectan unha "axenda galega". Respecto das previsións, a voceira nacionalista non quixo prognosticar pero si avisou da importancia de que Galicia conte con "voz propia". 

Candidaturas "de país"

Unha vez aprobadas, as persoas que encabezan as listas do BNG ao Congreso foron presentadas publicamente este luns por Ana Pontón. Trátase, afirmou a líder do Bloque, de candidaturas "de país" para unha campaña na que a formación soberanista subliñara que non é momento de "política do medo" nin de "voto á contra", senón de votar a prol dos intereses nacionais e sociais galegos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.