Remate ou non a investigación do caso Pokémon coa dimisión de Ángel Currás, a rolda de prensa que o alcalde de Santiago ofreceu este xoves para dar explicacións sobre a súa imputación permitiu comprobar unha vez máis o conflito interno que o PP vive na cidade. O pasado mes de abril, cando Gerardo Conde Roa abandonou a alcaldía, foron moitas as voces populares que protestaron pola elección de Ángel Currás como substituto. Un grupo de cando menos catro concelleiros: Albino Vázquez (Mobilidade), Adrián Varela (Deportes), Amelia González (Persoal) e María Castelao (Obras) apostaban pola responsable de Benestar, Paula Prado. Ningún deles -tampouco Prado- acompañou a Currás este xoves.
Un grupo de cando menos catro concelleiros: Albino Vázquez (Mobilidade), Adrián Varela (Deportes), Amelia González (Persoal) e María Castelao (Obras) apostaban pola responsable de Benestar, Paula Prado
Dende entón o grupo municipal conservador está partido en dous e Ángel Curras só conta co apoio entusiasta de cinco concelleiros -que si o acompañaron este xoves na súa comparecencia- encabezados pola edil de Turismo Reyes Leis. Do lado de Currás tamén está Rebeca Domínguez, tamén imputada na operación Pokémon.
Este venres Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijoo participarán en Compostela no acto de entrega da Gran Cruz da Orde de Isabel La Católica ao ex presidente da Xunta Xerardo Fernández Albor. Ángel Curras, que tamén ia figurar entre as autoridades da cerimonia que se celebrará no salón de actos do Pazo de Fonseca, finalmente non acudirá. Rajoy e Feijoo evitarán deste xeito un encontro e unha foto incómodas co último rexedor imputado por este caso en Galicia. E xa van catro.
As forzas da oposición municipal, PSdeG-PSOE e BNG, ofreceron as súas primeiras reaccións á imputación do rexedor. Mentres os socialistas pediron "prudencia" e mesmo o alcalde de Lugo defendeu o dereito de Currás a permanecer á fronte do Concello, os nacionalistas esixiron a súa inmediata dimisión. O BNG pide que a preparación da defensa non dificulte a xestión municipal.