"No Novo Proxecto Común, cando menos haberá catro grupos, non queda outra"

Asemblea constituínte do Espazo Ecosocialista © Praza Pública

Coa súa asemblea constituínte do último sábado, o Espazo Ecosocialista rematou, en palabras dos seus coordinadores, “un traballo de reagrupamento da esquerda social” e de moita xente “desafectada dos proxectos que existían”. Logo dun labor duns seis meses, este novo “e novidoso” partido acabou por “xuntar xente con ganas” para sustentarse “na radicalidade democrática e en novas formas de facer política”.

Segundo Xoán Hermida, coordinador dos Ecosocialistas, este novo partido pon “ a súa achega a un proxecto común que hai que construír con outros ectores da esquerda e do galeguismo e ideas para o século XXI”. Tras chegar a un acordo programático con Acción Galega (AGA) e Máis Galiza (+G), pola cabeza da nova formación non pasa outra cousa que xuntar tamén o Encontro Irmandiño (EI), “e posteriarmente máis grupos e persoas”, ao que se vén denomnando Novo Proxecto Común (NPC). O primeiro obxectivo: concorrer en colectivo ás vindeiras eleccións autonómicas.

"Non temos outra idea que non sexa que polo menos os catro grupos se unan ao Novo Proxecto Común"

“Xa temos un principio de acordo con AGA e +G que creo que é moi bo; sabemos que o EI terá que encontrarse nalgún momento con nós, porque non queda outra”, insiste Hermida, que asegura que no seu esquema “non entra outra idea que non sexa que polo menos estes catro grupos se unan no NPC”. “Sería unha desgraza para o país que despois de todo o que pasou non logremos poñernos de acordo, pero desde o noso punto de vista, está descartado que iso non se produza”.

Tamén parece descartado desde o EI que, malia asumir ritmos distintos, xa deixou ben claro que a idea de converxencia é esencial. Na asemblea constituínte dos Ecosocialistas, a propia intervención do representante irmandiño deixou ben ás claras que o NPC terá, cando menos, catro patas. O manifesto conxunto de concelleiros achegados a EI ou +G, incide no mesmo optimismo.

"Estamos obrigados a acelerar os procesos porque as datas electorais non as fixamos nós"

“Estamos obrigados a acelerar os procesos porque as datas electorais non as fixamos nós, senón o presidente da Xunta; sabemos que haberá unha convocatoria pronto e que estes grupos deberán ir xuntos”, insiste Hermida, que non pecha a porta a outros grupos ou persoas individuais. Tampouco Chus Boo, unha das voceiras do Espazo Ecosocialista: “Estamos ben os catro grupos que estamos en conversas; o EI mantense en paralelo, pero está participando en moitas das xuntanzas; os catro grupos representamos bastante ben as distintas vías existentes, pero gustaríanos que unha vez que haxa unha estrutura básica se incorporasen tamén todos aqueles que entren neste campo de visión da esquerda galega”.

“Queremos que se incorporen outros grupos, pero sobre todo queremos que se incorpore xente que non está en ningún grupo, desencantados da política que ven en nós un partido raro, diferente e ao que poden achegar ideas e traballo neste compromiso por Galicia”, insiste Boo, que coincide con Hermida  “no interese por incorporar a este novo proxecto a moitas persoas”.

Ambos os dous lembran tamén que malia as “présas” que algúns reclaman para acabar de conformar o NPC, os procesos “son lentos”, algo que consideran “normal”. “Os procesos son complexos, non só porque moitos veñamos de mundos culturais diferentres, senón porque hai un proceso de feridas abertas, de xente que vén do BNG... Precisamos tempo para madurar o que queremos”, engade Hermida, que, no entanto, é moi optimista respecto ao resultado final e que ve moi pronto o acordo a catro mans. 

Asemblea constituínte do Espazo Ecosocialista © Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.