Nueva Economía Fórum é unha "organización de debate" con base empresarial que, dende comezos da pasada década, organiza relatorios protagonizados por personaxes políticos, sociais e empresariais de todo signo. Dende a posta en marcha da súa Tribuna Galicia, na anterior lexislatura autonómica, pasaron polo seu atril representantes de practicamente todas as forzas políticas e este xoves foi a quenda de Martiño Noriega, na súa calidade de candidato á alcaldía de Santiago por Compostela Aberta. Como adoito, o escenario do evento foi o Hostal dos Reis Católicos e o auditorio, variado dende o punto de vista político e económico. Cun decorado inusual para esta plataforma o seu candidato debullou algunhas das liñas do que pretende facer no caso de acadar a alcaldía da capital, pero tamén do que pretende non facer, caso por exemplo de pedir intercesión divina para acadar obxectivos terreais. Faino nun contexto no que, mantén, "a xente xa percibe a Compostela Aberta como unha alternativa real de goberno".
Despois de que, durante moitos anos, alcaldes e concelleiros composteláns exercesen periodicamente como "delegados" da Casa Real nas ofrendas ao Apóstolo Santiago e pedisen nestes actos relixiosos cuestións como a "sostibilidade do Estado do Benestar" ou a fin da crise, Noriega subliña que Compostela Aberta inclúe no seu programa unha aposta por "redefinir as relacións" do consistorio coa Igrexa e tamén coa Universidade e a Xunta. Tamén no caso da institución eclesiástica esa relación, asegura, será de "man tendida" e "porosidade", pero tamén de "independencia". "Cadaquén ao seu", ilustra, e por iso "non lle toca ao Concello pedirlle ao Apóstolo que diminúa a corrupción ou o paro", senón "poñer en marcha políticas de transparencia e emprego".
"Non lle toca ao Concello pedirlle ao Apóstolo que diminúa a corrupción ou o paro"
No ámbito do emprego, precisamente, Noriega sinala que o goberno municipal debera pasar a ser un "dinamizador" que preste especial atención á realidade empresarial da cidade, na que máis de 9.000 das 9.400 empresas coas que conta teñen menos de 20 persoas empregadas, subliña. Estes pequenos negocios, explicou a unha audiencia na que sentaban varios representantes do mundo económico local, son os sustentados pola "maioría social" que "foi emprecarizada" nos anos da crise económica e aos que, ao seu xuízo, o goberno que dirixiron Gerardo Conde Roa, Ángel Currás e Agustín Hernández non lles prestaron atención, tampouco cunha política económica de "endebedamento maquillado" que converte a realidade municipal compostelá nunha "herdanza que nón é fácil".
Noriega advirte do "endebedamento maquillado" practicado polo PP no consistorio
A recuperación da política de vivenda pública, a "interlocución con Aena" para, entre outras cousas, valorar que a antiga terminal de Lavacolla poida centrarse na actividade das empresas da contorna, unha política cultural "de vangarda" ou poñer o foco nunha "Compostela social" que sirva de "trincheira para quen o está pasando mal" son outras das propostas do cabeza de cartel dunha plataforma que, lembra, pechará definitivamente o seu programa o 21 de abril. Sobre esta base programática, afirma, desenvolverán unha campaña ante a que "percibimos un retorno ilusionante" e que fai que Compostela Aberta "agarde" poder ser a "lista máis votada". "A ilusión é moi grande", reitera, nun contexto no que, en calquera caso, a plataforma "non vai facilitar, nin por activa nin por pasiva", un goberno do PP.
Este é o contexto no que Noriega foi cuestionado pola posibilidade de pactos postelectorais. Estes acordos, de seren necesarios, sinala, serán "definidos" no seo da asemblea de Compostela Aberta e partindo da base de que poden ser "flexibles", indo alén das coalicións tradicionais. Nesta liña, en referencia ao candidato socialista, Noriega lamenta a "equidistancia" a respecto da posibilidade de permitir que Agustín Hernández poida gobernar en minoría. Cuestión distinta son as sensacións que, di, ten a respecto do BNG local, co que non cre difícil "poñerse de acordo no espazo local". "Pódese vivir en diferentes casas e transformar a sociedade xuntos", conclúe.