NÓS preséntase como "única garantía" de "compromiso de esquerda con Galiza presente"

Olalla Rodil, Noa Presas, Carlos Callón e Carme Adán CC-BY-NC-SA NÓS

As axendas das e do cabeza de lista de NÓS-Candidatura Galega botan fume. Ao atoparen un anaco para realizaren a enésima entrevista a respecto das súas propostas, tanto Carlos Callón (A Coruña) como Carme Adán (Pontevedra), Olalla Rodil (Lugo) e Noa Presas (Ourense) admiten que teñen por diante un reto que é calquera cousa menos doado. Enfróntanse, afirman, a unha campaña con menos recursos materiais que outras forzas e, ademais, a un "apagón mediático" que, aseguran, suplen con "ilusión" e "traballo". As listas da plataforma que auspicia o BNG xunto a outras forzas soberanistas, din, son a "única garantía" neste 20-D para un cambio en clave "de esquerda", pero tamén en clave de país.

"O fundamental é que Galiza estea presente e, se NÓS non está, Galiza non vai estar", asegura Callón, que tras moitos anos de activismo coida que chegou a hora de presentar "directamente" nas institucións as propostas que ata agora formulaba como membro de diferentes colectivos sociais. El, afirman algunhas análises, está a ser unha das revelacións da campaña con imaxes como o vídeo co que a candidatura quixo facer visible a súa aposta pola diversidade afectivo-sexual. O rebumbio causado por esa gravación é a mellor mostra, afirma, de que reivindicacións coma esa seguen as ser "necesarias" ao carón do resto de propostas programáticas.

"Imos negociar medidas de esquerda e de defensa do país tendo moi claro que é fundamental o desafiuzamento de Mariano Rajoy da Moncloa"

Esas propostas, asegura o candidato, serán as que estean sobre a mesa se chega ao Congreso e ten a oportunidade de decidir se lle dá o seu voto ou non á persoa candidata para presidir o Goberno de España. "Imos negociar en base a medidas de esquerda e de defensa do país, pero tendo unha cousa moi clara: para nós é fundamental que o derradeiro desafiuzamento sexa o de Mariano Rajoy na Moncloa", resume.

Que NÓS é tamén sinónimo de aposta polo cambio de Goberno do Estado saliéntao tamén Carme Adán. "Presentámonos para que as decisións se tomen coa sede en Galiza", pero "ninguén dubida de que o imos facer dende unha óptica de esquerda", resalta. Se chega ás Cortes defenderá "as cuestións claves para o país: emprego, servizos públicos e infraestruturas", o que non implica que na súa axenda pasen a segundo plano as cuestións de xénero. Nesta liña, di, unha das súas prioridades no Congreso sería ter a posibilidade de rexistrar e pular polo trámite dun estatuto de vítima do feminicidio.

Presas e Rodil apostan por rachar o "monopolio" de PP e PSOE, que tradicionalmente se repartiron os escanos nas circunscricións do interior do país

En clave de xénero fala tamén Noa Presas, número un por Ourense, circunscrición na que o caso Baltar está a condicionar parte da campaña do 20-D. Nos seus actos públicos, subliña, NÓS está a destacar que a "responsabilidade" de que José  Manuel Baltar siga a liderar o PP na provincia non é só responsabilidade de si mesmo, senón tamén das direccións galega e estatal do partido. "As feministas -advirte- continuaremos denunciando isto nas institucións e tamén na rúa" nunha circunscrición na que, afirma, o "monopolio" de PP e PSOE nos escanos "non deu resposta aos nosos problemas".

Rachar o esquema a dous é, do mesmo xeito, un dos retos de NÓS en Lugo. Olalla Rodil di albergar a esperanza de poder rachar cun "bipartidismo enquistado" na que a demografía, asegura, ten que ser a primeira das preocupacións. Para facelo, reitera, só unha "voz propia nas institucións" pode centrar as súas iniciativas nun tema que non pasa só polo fomento da natalidade, senón tamén pola promoción de sectores produtivos como o agro ou pola reformulación da estrutura agropecuaria. O mellor aval para testemuñar que o fará, asegura, son as "dúas décadas de traballo" do BNG no Congreso.

Adán, Callón e outros membros de NÓS, este sábado no Culturgal CC-BY-NC-SA NÓS

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.