Ás portas das xerais, e a dous meses das locais, os grupos municipais atribuíran ás súas propias xestións o desbloqueo dunhas obras que teñen un prazo de execución de 33 meses
O venres 12 de abril do pasado ano, no primeiro día da campaña das eleccións xerais do 28 de abril, o Consello de Ministros autorizaba -e o PSdeG publicitaba- que Fomento encargase as obras de construción do denominado enlace orbital de Santiago, un nó de estradas ao norte da capital longamente reclamado. Porén, esa licitación non se produciu ata agora, nove meses despois, coa publicación no Diario Oficial da UE do anuncio do concurso público por parte do ministerio. A obra ten un orzamento de 20,8 millóns de euros e un prazo de execución de 33 meses.
O enlace orbital configurará unha cuarta saída e entrada na AP-9 en Santiago, ao norte da Cidade, facilitando non só todos os movementos posibles entre esa autoestrada e a autovía a Lugo (A-54) senón tamén a conexión desas dúas vías de alta capacidade cos polígonos industriais desa zona. Porén, a actuación non inclúe a conexión desa infraestrutura máis alá dos polígonos ata conectar á súa vez coa N-550, cun trazado aínda máis septentrional.
O enlace orbital configurará unha cuarta saída e entrada na AP-9 en Santiago, ao norte da Cidade, facilitando todos os movementos posibles entre esa autoestrada, a autovía a Lugo (A-54) e os polígonos da zona
Cando o pasado abril o Goberno central anunciara a autorización do concurso, o enlace orbital viña de ser polémico porque non aparecía nos orzamentos do Estado para 2019 que finalmente non lograron ser aprobados. O delegado do Goberno central en Galicia xustificara que demoras previas do anterior executivo do PP impedían empezar a obra en 2019 e polo tanto era apresurado consignala nos orzamentos. Cando se autorizou a súa licitación, na primeira xornada da campaña das eleccións xerais e a menos de dous meses das eleccións municipais do 26 de maio, o daquela alcalde, Martiño Noriega, de Compostela Aberta, consideraba unha "boa nova" a luz verde á licitación dunha obra que "levamos anos traballando para desbloquear", con independencia de que chegue en época electoral.
Os primeiros traballos non poderán verse ata finais deste ano e despois aínda haberá que agardar preto de tres anos para que estea en servizo
Pola contra, o daquela candidato do PSdeG e agora novamente alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, atribuía aquel anuncio tras anos de atrasos ás súas propias "xestións" mediante xuntanzas "co secretario de Estado de infraestruturas, o inspector da AP-9 e o xefe de demarcación de estradas". "Nunca vin o alcalde nestas reunións", botáballe en cara Bugallo a Noriega, que lle respondía lembrando que o socialista non tiña ningún cargo institucional e ofrecíase a contar “o número de viaxes a Madrid polo orbital" ou as negociacións do seu goberno local con "tres equipos" diferentes no Ministerio para avanzar no proxecto. "Se el chega ao final da festa e quere dicir que a organizou e a pagou, alá cadaquén", dicía Noriega sobre Bugallo, ao tempo que o candidato do PP, Agustín Hernández, atribuía a obra aos fondos comprometidos nos derradeiros Orzamentos de Rajoy prorrogados durante 2019 e agora novamente para 2020.
A realidade é que a obra aínda sae a concurso agora, nove meses despois daquela polémica electoral, polo que os primeiros traballos non poderán verse ata finais deste ano. Despois, aínda haberá que agardar preto de tres anos para que estea en servizo.