A poucas horas do remate da campaña, Abel Caballero fai un acto electoral na renovada Praza de América de Vigo o mesmo día en que o Concello a abriu tras as súas obras e Fomento pon en servizo un novo treito da Autovía Santiago-Lugo
As últimas horas da campaña electoral das municipais e europeas deste domingo veñen de deixar dúas inauguracións de novas e significativas infraestruturas e espazos públicos que os seus protagonistas, nos dous casos do PSOE, intentan facer pasar por simples postas en servizo ao rematarse as respectivas obras mentres que o resto de formacións critican como actos electoralistas. Desde este venres os vehículos xa poden circular polo treito Lavacolla-Arzúa da Autovía Santiago-Lugo mentres que unhas horas antes eran os peóns os comezaron a pisar espazo que antes ocupaban os coches na renovada Praza de América de Vigo.
A conselleira de Infraestruturas asegura que a autovía puido ser aberta hai semanas
A posta en servizo do novo treito da autovía, unha inauguración encuberta pola ausencia nela de ningún membro do Goberno, foi avanzada a comezos desta semana, pero iso non impediu que este venres o Ministerio de Fomento publicitase nas súas redes a apertura e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, a criticase como electoralista e asegurase que a actuación puido ser aberta hai semanas. A Xunta tamén aproveitou para volver criticar que o resto de treitos pendentes entre Arzúa e Palas de Rei non van estar rematados para o Xacobeo 2021, atribuíndo un suposto atraso ao Goberno socialista malia que foi o Executivo de Rajoy o que adxudicou as obras cuns prazos que xa impedían que estivesen a tempo para ese ano.
"No acto electoral que fixemos na Praza de América desfrutamos da marabillosa nova praza que construímos", salientou da inauguración encuberta Carmela Silva
Fronte á inauguración sen Goberno do treito da autovía, o vivido o xoves no caso de Vigo foi un despregamento na remodelada Praza de América de Abel Caballero e o seu equipo de goberno presentado como acto electoral, non do Concello, e polo tanto formalmente non unha inauguración. Pero foi un acto electoral que coincidiu xusto co día en que a praza, onde o Celta celebra os seus triunfos e salvacións, foi aberta á cidadanía tras rematarse as obras que supuxeron unha notable redución do espazo para vehículos en beneficio dos peóns. “No acto electoral que fixemos na Praza de America disfrutamos[sic] da maravillosa[sic] nova praza que construimos[sic]”, foi a visión que ofreceu desta inauguración encuberta a man dereita de Caballero e presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva.