Tras anos de gasto récord no sector, a maioría de partidos segue a poñer o foco no ferrocarril como a infraestrutura máis importante nas contas estatais, sexa por presenzas ou ausencias de partidas concretas
Os máis de 1.070 millóns de euros territorializados para Galicia que prevén os orzamentos xerais do Estado de 2023, presentados este xoves, suporán para o PPdeG “nulos investimentos”. Fronte a esa visión catastrofista, no outro extremo Galicia en Común considera que as contas públicas son “de xustiza social”. En puntos intermedios de crítica ou eloxio sitúanse o BNG, que considera os orzamentos “insuficientes”, ou os alcaldes e alcaldesas socialistas das principais cidades, que coinciden en valoralos como “satisfactorios”.
Son críticas ou eloxios que poñen o foco principalmente na ausencia ou presenza de partidas para infraestruturas ferroviarias tras anos de investimentos récord nese sector coa construción das liñas de alta velocidade do Eixo Atlántico e coa Meseta.
O PPdeG considera que os máis de mil millóns consignados para Galicia suporán que 2023 sexa un ano “de nulos investimentos”
Desde o PPdeG foi a súa número 2, Paula Prado, a encargada este venres de valorar as contas estatais asegurando que 2023 será un ano “de nulos investimentos en Galicia” malia os máis de mil millóns consignados. A popular valorou este venres que os orzamentos só teñen “cifras infladas e fume para Galicia” e puxo o foco en diversas infraestruturas ferroviarias que segundo ela non aparecen como a saída sur de Vigo, o AVE por Cerdedo ou a modernización do tren Ferrol-A Coruña, malia que son todas infraestruturas que aínda están en estudo, como o estiveron durante os anos de goberno popular, e si contan con partidas para esas fases preliminares. Ademais, para Prado os orzamentos “non teñen en conta a Galicia” senón que só valen para “quedar ben con independentistas e separatistas”.
O BNG cualifica de “insuficientes” as contas e pon o foco no “déficit histórico que sofre Galiza en infraestruturas ferroviarias”
Porén, desde o nacionalismo galego a visión tamén é crítica, aínda que máis moderada. O representante do BNG no Congreso, Néstor Rego, considera que o Goberno de España “non cumpre coa Galiza” e os seus orzamentos para o próximo ano son “insuficientes”. Tamén o nacionalista pon o foco, como primeira reclamación, no “déficit histórico que sofre Galiza en materias como a mobilidade, sobre todo en infraestruturas ferroviarias” e reclama tamén “solucionar a crise industrial”.
Desde o PSdeG os gobernos das cidades ven “satisfactorios” os orzamentos
Desde o PSdeG non houbo grandes valoracións a nivel autonómico senón que este venres as principais reaccións chegaron por parte dos gobernos locais que encabezan os socialistas na maioría das principais cidades e que coincidiron en considerar os orzamentos como “satisfactorios” para as respectivas urbes. Así o fixo o rexedor vigués, Abel Caballero, quen tamén puxo o foco nos “temas ferroviarios” como os máis beneficiados polas contas estatais. Ou o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, que salientou o empurrón final á autovía a Lugo ou os compromisos para a nova estación de tren.
O deputado de Galicia en Común e secretario de Podemos Galicia, Gómez-Reino, di que as contas son de “xustiza social” e tamén salienta as partidas para melloras ferroviarias
Máis efusivo cos orzamentos para o próximo ano foi este venres o deputado de Galicia en Común e secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, quen dixo que as contas son de “xustiza social” e “un éxito nun momento difícil para a economía das familias”. E tamén por áreas sectoriais Gómez-Reino puxo o foco na importancia das partidas destinadas a melloras ferroviarias no país.