A Axencia Galega de Emerxencias emprega a imaxe viral para advertir dos riscos de incendios domésticos e os socialistas preguntarán no Parlamento pola "cosificación das mulleres"
O 112 Galicia publicou este mércores a primeira hora da tarde cando menos en X, a antiga Twitter, unha mensaxe para previr posibles incendios domésticos. Fíxoo empregando o coñecido meme do "mozo distraído", o que levou este venres ao PSdeG a criticar o uso dun "cliché machista" e a anunciar que pedirá explicacións á Xunta no Parlamento pola "cosificación das mulleres". Tras a denuncia pública do PSdeG a publicación foi borrada.
A publicación realizada pola Axencia Galega de Emerxencias a través da conta do 112 Galicia advertía dos riscos de incendios domésticos: "Nunca seques roupa sobre calefactores ou estufas. Pode parecer unha boa idea, pero o risco de incendio é alto", dicía o texto, que engadía unha apelación "por un fogar cálido e seguro". E na imaxe esa idea dun "fogar cálido e seguro" era representada por unha moza enfadada cuxo acompañante, identificado como "secar a roupa sobre a estufa", mira cara a outra moza que pasa pola rúa e que supón un "risco de incendio".
Para a portavoz de Igualdade do grupo socialista, Paloma Castro, é "absolutamente intolerable” que un ente autonómico empregue as súas redes para “cosificar ás mulleres”. Lamentou que “malia que compartimos a necesidade da mensaxe preventiva, a execución da mesma empregando un meme sexista resulta francamente desafortunada”. A responsable socialista reclama “medidas urxentes para garantir que as redes sociais vencelladas á Xunta non se convertan nun altofalante de contidos machistas”. Subliña que “a loita pola igualdade require de feitos, non de complicidades silenciosas”.