Rueda defende o uso no seu vídeo electoral da expresión que agocha un insulto a Pedro Sánchez

Imaxe do vídeo de Nadal do PPdeG CC-BY-SA PPdeG

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, considera que o uso da expresión "me gusta la fruta" no vídeo electoral e de Nadal do PPdeG, con el como protagonista, "non pretendía insultar". A frase remite á expresada pola presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, un eufemismo que agocha un grave insulto a Pedro Sánchez e que é usado en forma de broma e entre brincadeiras por numerosos dirixentes populares. 

Preguntado na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta sobre se non lle parecía unha contradición que tanto el como o PPdeG pidan un "Nadal en paz" e unha campaña construtiva e ao tempo usen esa expresión, Rueda asegurou que ambas cousas lle parecen "perfectamente compatibles". 

Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta CC-BY-SA Xunta

Rueda cre "perfectamente compatible" usar o eufemismo 'me gusta la fruta' e pedir á vez unha campaña construtiva e en paz

O xefe do Executivo galego restou así relevancia ao uso desta polémica expresión. No vídeo de Nadal —e de precampaña— lanzado polo PPdeG esta pasada semana, Alfonso Rueda, conduce un autobús e unha muller saúda ao seu paso. Faino desde un posto de froita e legumes con dous carteis nos que se le, precisamente, ese eufemismo que substitúe ao insulto que Isabel Díaz Ayuso verteu contra Sánchez ("hijo de puta") no Congreso: "Me gusta la fruta". 

"Non se pretendía insultar e se alguén se sentiu insultado, pido desculpas. Nin era a intención nin creo que sexa o sentimento xeral", dixo Rueda, que defende un vídeo que ten "varias chiscadelas de Nadal" e que tivo, lembrou, "un éxito esmagador, inesperado e incrible". "Fixémolo con moito cariño", insistiu. 

Así, Rueda chamou a "rebaixar un pouco a tensión". "Vimos nos primeiros días deste Nadal un intento de crear un clima de crispación", acusou o presidente da Xunta, que cre que "dicir que o vídeo é unha declaración guerra" responde a "esaxeracións" e a "intentos de elevar a tensión" sobre algo "desenfadado". 

Mesmo o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, criticou o pasado xoves o uso da polémica expresión por parte de dirixentes político da dereita. "Desde o punto de vista social e mediático debera ser absolutamente reprochable, cando non condenable, que cun líder doutro partido político se fagan bromas dicindo 'me gusta la fruta'. É absolutamente desprezable e demostra o baixo nivel ao que chegou a política por parte da oposición", reflexionou. 

Alfonso Rueda, no autobús, nunha imaxe do vídeo do PPdeG CC-BY-SA PPdeG

"Hai que condenalo sempre ata que se retracten os que o fan, pero iso nin se ve nin se exixe por parte de moitos medios de comunicación. Nin tampouco se asumen desculpas ou perdón por parte de quen profire ese tipo de insultos", lamentou Sánchez, que cre que "o proxecto da dereita e da ultradereita é desmobilizar e crear desafección da cidadanía cara á política". "Para que cando veñas as contendas electorais, nun territorio ou a nivel xeral, haxa desmobilización ou descontento", denunciou.

Ademais, e tras pedir tamén Rueda que a campaña se centrase en Galicia, na rolda de prensa posterior ao Consello asegurou que o candidato "de todas as candidaturas que se presentan na esquerda" para o 18F "é Pedro Sánchez". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.