O 20-D lanza a precampaña das eleccións galegas, aínda sen candidatos

Mitin do PP durante a campaña CC-BY-SA PPdeG

"Ese centralismo arrogante español hace que se mire con desdén o directamente que no se mire, lo que ocurre en otros lugares de España. Yo no me cansaré de repetir que lo que había ocurrido en Galicia era señal de que las cosas eran posibles". No ano 2014 o actual secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, resumía así, tal e como recolle o xornalista Anxo Lugilde no seu libro De Beiras a Podemos (Praza Pública, 2014) a súa experiencia como asesor de Alternativa Galega de Esquerda na campaña galega de 2012. Tres anos despois daqueles comicios o partido que lidera Iglesias vén de colleitar un notable éxito electoral en Galicia como membro de En Marea, da que fan parte tamén os socios principais daquela AGE. A súa emerxencia como segunda forza impulsada dende as municipais de maio, por unha banda, e a abrupta caída do PP, pola outra, dispararon definitivamente a precampaña das eleccións galegas de 2016 que, paradoxalmente, aínda non teñen candidatas ou candidatos definidos por ningunha forza política.

Xa durante a campaña, á calor dos actos electorais, dende a banda esquerda do espectro político se formulaba o 20-D como unha caste de primeira volta dos comicios galegos que están por vir. Así, por exemplo, no multitudinario acto de En Marea con Pablo Iglesias na Coruña, o alcalde da cidade, Xulio Ferreiro, apostaba pola estender o resultado das municipais "ao Estado e a Galicia no 2016". Asemade, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, atribuíu en varias ocasións as críticas lanzadas por Mariano Rajoy lanzadas contra el mesmo durante a campaña a que os populares eran conscientes de que ían "perder" tanto o Goberno de España como o de Galicia.

"Algo se está movendo no país e, se en maio cambiaron os gobernos de moitas cidades, cambiará o Goberno de Galiza"

Tras estas consideracións durante a campaña, o día despois dos comicios nos que o PP perdeu máis de 250.000 votos e ficou con 10 escanos -cinco menos que en 2011 e dous menos dos fixados por Feijóo como obxectivo-, as lecturas en clave galega non se fixeron esperar. Nesta liña, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, consideraba ás poucas horas do peche dos colexios que o devalo conservador e os 6 escanos de En Marea constataban a "consolidación dun relato de cambio político" en Galicia. "Algo se está movendo no país e, se en maio cambiaron os gobernos de moitas cidades do país, en menos dun ano, seguramente, cambiará o Goberno de Galiza", afirmou.

Petición de eleccións a un Feijóo "derrotado"

Aínda máis contundente se amosaba o propio luns a aínda vicevoceira de AGE no Parlamento e futura deputada de En Marea pola Coruña. Para Yolanda Díaz a "lectura" do 20-D en Galicia é "evidente e clara", unha lectura de "cambio" fronte a un Feijóo "derrotado" ao que só compre pedirlle unha cousa: que "faga as maletas, convoque eleccións, disolva o Parlamento e nos deixe respirar". Esa mesma esixencia lanzoulla a propia Díaz ao presidente este mércores, na que previsiblemente será a derradeira sesión de control da parlamentaria no Pazo do Hórreo.

En Marea e PSdeG coincidiron en ler o resultado do 20-D como un augurio de cambio en Galicia

O "cambio" para Galicia foi lido de igual xeito nos resultados das xerais por Besteiro. Entre o alivio de manter os 6 escanos do PSdeG malia ser superado en votos por En Marea, o líder socialista amosouse convencido de que, se alguén "sae danado" do proceso electoral ese "é Feijóo". O titular da Xunta, resalta, levou o PP galego aos seus "peores resultados en democracia", e "a xente saberá ver" que, en menos dun ano, "o cambio é posible" no país.

O PP procura desligar o devalo de Rajoy do PPdeG, afirmando mesmo que en Galicia non hai corrupción que atinxa ao partido nin "un presidente que non compareza ante os medios"

Ante a coincidencia da oposición o partido que sustenta ao Goberno estendeu o argumentario que o propio Feijóo desplegara na noite electoral, centrado esencialmente en sacar peito ante o resto do partido e mesmo ante o propio Rajoy, lembrando que se agora resta algún goberno "estable" no Estado, ese é o da Xunta. Así, por exemplo, o voceiro dos populares na Cámara galega, Pedro Puy, ubica o seu partido nun proceso de "remontada" que ilustra asegurando que no país o Estado do Benestar "aguantou moi ben" durante a vaga de recortes e, ao contrario do que aconteceu no PP a nivel estatal, aquí "non hai nada de corrupción" atribuíble aos conservadores "por moito que se tentase vencellar". E aínda por riba, vén dicir, Feijóo non é como Rajoy, toda vez que en Galicia non hai "un presidente que non compareza ante os medios".

Sexa como for, mentres En Marea administra o seu bo resultado e tanto PP e PSdeG como, en maior medida, o BNG fan exame de conciencia tras as súas respectivas caídas, a sesión parlamentaria deste mércores constatou, por se ficaba algunha dúbida, que a carreira electoral galega está lanzada e que o estará aínda máis comezo do ano. Comeza así a compoñerse un panorama electoral para o que faltan pezas esenciais. O congreso do PPdeG, as primarias do PSdeG e a evolución xudicial de Besteiro, o proceso asemblear do Bloque e o traballo interno e externo das mareas -a Marea Atlántica, por exemplo xa chama á construción dun "proceso de confluencia para as autonómicas"- marcarán liñas políticas, alianzas e caras cara uns comicios que tocarían en outubro pero para os que xa pouca xente se atreve a prognosticar nin sequera a data.

Acto electoral de En Marea en Vigo CC-BY-SA En Marea
Mitin do PSdeG durante a campaña CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.