O 2012 en 12 gráficos

12. Grao de satisfacción dos cidadáns co funcionamento da democracia. CIS (Nov.1983-Nov.2012) Dominio Público Praza Pública

Remata o 2012. Un ano intenso no político, económico e social. O blog Piedras de papel recompila algúns dos principais temas deste ano en forma de gráficos

 

1. Paro de longa duración

Sen dúbida 2012 foi un ano dramático unha vez máis para o emprego en España. Un dos problemas que recibe demasiada pouca atención é o da cronificación do desemprego que supón que unha parte cada vez maior da forza de traballo pase longos períodos de tempo sen traballar. Os traballadores que pasan longos perdidos desempregados son moito máis difíciles de reincorporar ao emprego, polo que as altas taxas conxunturais de desemprego actuais probablemente anuncien altas taxas estruturais de desemprego no futuro. 2012 foi un ano no que España bateu unhas marcas particularmente preocupantes a este respecto. A EPA do terceiro trimestre certificou que hai máis de 3 millóns de parados de longa duración, máis dun 13% da poboación activa. E como mostra a parte dereita do gráfico, este colectivo foi por primeira vez en 2012 maioritario no conxunto dos desempregados. Na actualidade máis da metade dos parados levan buscando traballo máis dun ano, e case un terzo máis de dous anos.

 

2. A prima de risco

A prima de risco foi un dos nosos acompañantes ao longo de 2012. O ano empezou cunha prima de risco algo relaxada, tras a inmediata caída coa vitoria de Rajoy a final de 2011. A tranquilidade non durou moito. Desde mediados de marzo, as dúbidas sobre o futuro do euro e a recuperación española xeraron unha escalada progresiva da prima de risco. O 24 de xullo a diferenza co bono alemán alcanzou un máximo de 639 puntos básicos. Irlanda e Portugal foran rescatadas cunha prima en niveis inferiores. Foi entón cando Draghi declarou que faría “o que sexa necesario para salvar o euro, e será suficiente". E a prima baixou apartando a España do bordo do precipicio. En setembro fixéronse públicos os plans do BCE para comprar débeda e intervir nos mercados. A prima precipitouse desde 548 puntos o 3 de setembro a 397 puntos o 12 de setembro. Desde entón mantívose máis ou menos estable, pero nuns niveis que non serán sustentables a longo prazo. De momento, as accións do BCE han ir máis encamiñadas a xerar expectativas de que actuará para evitar a ruptura do euro que en realizar accións efectivas para solucionar o problema. Por iso, todo parece indicar que en 2013 seguiremos tendo prima de risco para longo.

 

3. Contracción do crédito

A contracción do crédito en España converteuse nun dos obstáculos máis importantes para saír da crise. De acordo aos datos do Banco de España no 2012 o crecemento do crédito volveu ser negativo (éo desde o 2010) e marcou un novo récord: a taxa de evolución do crédito a familias e empresas foi de -3.7%, case o dobre que a contracción do ano anterior (-1.4%) e estratosfericamente lonxe de niveis pre-crises (26% no 2006, 21% no 2007, 10% no 2008). O credit crunch responde o proceso de desapalancamento financeiro da nosa economía despois da explosión da burbulla inmobiliaria e á propia desconfianza dos bancos á hora de prestar (os créditos dubidosos aumentaron un 330% do 2008 ao 2012).

 

4. Récord en desafiuzamentos

Os desafiuzamentos e a mobilización para detelos foron un dos acontecementos sociais de 2012. Desde a picada da burbulla inmobiliaria e o espectacular aumento do paro, os desafiuzamentos foron poñendo a cara máis amarga do sufrimento que a crise está a xerar. Tras os 3 primeiros trimestres do ano, os desafiuzamentos aumentaran un 15.9 % respecto ao mesmo período de 2011. Esta é unha tendencia crecente desde hai varios anos e, se os poderes públicos non reforman en profundidade a actual Lei Hipotecaria, seguirán sendo unha catástrofe social en 2013.

 

5. Sanidade: diñeiro privado, diñeiro público

O debate sobre a privatización da sanidade foi un dos temas máis debatidos no 2012. Así, cremos que é saudable botar unha ollada xeral ao que ocorre noutros países cando a sanidade queda en mans públicas ou privadas. O gráfico que presentamos mostra como o diñeiro privado investido en sanidade -como porcentaxe do PIB- non ten un efecto positivo sobre a esperanza de vida dos cidadáns dun país. Os países que invisten inxentes cantidades de diñeiro privado en sanidade non teñen máis esperanza de vida. Con todo, o diñeiro público si que ten un efecto positivo e notable. Canto máis diñeiro público investimos en sanidade, máis anos vivimos (todos).

 

6. Fuga de cerebros

Entre os europeos con estudos superiores de 30 a 35 anos, os españois son os que teñen maior disposición a trasladarse a outro país para traballar por un período longo de tempo. O noso Ministro de Educación sostén que isto nunca pode considerarse un fenómeno negativo, e a nosa Secretaria Xeral de Inmigración e Emigración afirma que se debe non só á crise económica senón tamén ao impulso aventureiro da mocidade. E dicindo estas cousas só conseguen que moitos máis queiramos marchar, mesmo sen ser novas.

 

7. O xiro centralista polariza á esquerda

Un dos cambios máis importantes na opinión pública durante os últimos anos, e que se intensificou no 2012, é o aumento significativo das preferencias por un modelo territorial máis centralizado. O debate autonómico polarizou á esquerda internamente (aumentando as diferenzas entre a extrema esquerda e a moderada) e, como se ve no gráfico, tamén aumentou as diferenzas entre territorios. Todo un reto para os partidos de esquerda nacionais que queiran elaborar un discurso territorial cohesionado co que poidan sumar votos en todas as Comunidades Autónomas.

 

8. Afundimento na intención de voto ao PP e auxe do non aliñados

A comezos de 2012, case un de cada tres cidadáns entrevistados afirmaba que votaría o PP se as eleccións se celebrasen ao día seguinte. A finais de 2012 o PP perdeu case a metade dese apoio potencial. Isto non se traduce nun maior crecemento da intención de voto ao PSOE, cuxo apoio nas enquisas segue deprimido, senón nun modesto crecemento das minorías e, sobre todo, das posicións que indican afastamento de todas as opcións partidistas. Por primeira vez na historia, desde xullo de 2012 a intención directa de absterse supera á de votar a calquera partido. E en outubro, tamén por primeira vez, as persoas que non saben ou non queren responder á  pregunta son o grupo máis numeroso. Nunca houbo un espazo electoral tan aberto para novas mensaxes.


9. Os mozos abandonan o Goberno

Ningunha vitoria electoral en España se entende sen os mozos. Até a data, o partido que gañou unhas eleccións xerais sempre tivo o respaldo maioritario dos menores de 30 anos. En novembro de 2011 volveu ocorrer. Ademais, foi o grupo de idade onde o PP sacou máis vantaxe ao PSOE. No entanto, como se observa no gráfico, os mozos xa abandonaron ao Partido Popular. En só 5 meses o PP perdeu toda a superioridade electoral que tiña sobre o Partido Socialista. Nunca antes un goberno se deteriorou tanto en tan pouco tempo neste grupo de idade. Pero a perda de apoio entre os menores de 30 anos non é importante por cuestións numéricas, senón polo que representan. Os mozos adoitan estar máis abertos a ideas novas, innovadoras e audaces. Cando a mocidade aposta de forma decidida por unha formación política, é un sinal de que este partido é visto como unha forza transformadora.

 

10. A popularidade do Presidente en mínimos históricos

O 2012 tamén foi o ano en que Mariano Rajoy dilapidou practicamente todo o seu crédito político. A súa andaina como Presidente do Goberno iniciábase a finais do ano pasado con valoracións lixeiramente inferiores ao aprobado (4,8). A pesar de que poida parecer unha nota mediocre, esta representaba un notable aumento en comparación ás pésimas valoracións cultivadas polo seu predecesor no cargo. Durante os seus últimos anos do mandato, Rodríguez Zapatero tivo a dubidosa honra de alcanzar cotas de impopularidade até entón descoñecidas (3,1 sobre 10).  Con todo, o novo Presidente do Goberno pecha o seu primeiro ano cunha nota de 2,8 sobre 10, batendo unha nova marca de impopularidade. Estamos ante un solo imposible de superar ou seguiremos coñecendo novos fondos? O 2013 dirao.

 

11. Os políticos como problema

O desgaste dos políticos, os partidos políticos e a política é evidente. Como se ve na serie do CIS, e que mostramos desde xaneiro de 2008, os políticos son un problema para cada vez máis españois. Pero no último ano o desgaste foi lacerante: en xaneiro de 2012, un 17,8% dos cidadáns considerábao como un dos principais problemas que tiña España. Hoxe é un 30,2%. Os motivos, os sospeitosos habituais: a desconexión das elites dos partidos coa sociedade; a falta de transparencia; a corrupción; a impunidade; etc.

 

12. Ano negro para a democracia

2012 será lembrado como un ano no que se bateron moitas marcas negativas no ámbito económico, político e social. Entre esas marcas está a da insatisfacción da cidadanía co funcionamento do sistema democrático. De acordo cos datos do CIS, en novembro de 2012 un 67,5% dos cidadáns mostrábase pouco ou nada satisfeito coa forma en que funciona a democracia en España, fronte a un 29,6% que se sentía moi ou bastante satisfeito. Desde que hai rexistros, a cifra de insatisfacción democrática nunca fora tan elevada e a de satisfacción nunca fora tan baixa.

1. Paro de longa duración Dominio Público Praza Pública
2. Evolución da prima de risco en 2012 Dominio Público Praza Pública
Tasa de crecemento (%) do crédito a familias e empresas Dominio Público Praza Pública
4. Desafiuzamentos en España Dominio Público Praza Pública
5. Análise comparada: o efecto do gasto público e privado en sanidade sobre a esperanza de vida Dominio Público Praza Pública
6. Porcentaxe de mozos con estudos superiores dispostos a trasladarse a outro país para traballar, por grupo de idade e orixe Dominio Público Praza Pública
7. Preferencia territorial entre los españoles de izquierda Dominio Público Praza Pública
8. Evolución intención de voto Dominio Público Praza Pública
9. Evolución intención de voto dos mozos e mozas Dominio Público Praza Pública
10. Nota do Presidente do Goberno de febreiro do 1983 até outubro de 2012 Dominio Público Praza Pública
11. Os políticos como problema en España Dominio Público Praza Pública
12. Grao de satisfacción dos cidadáns co funcionamento da democracia. CIS (Nov.1983-Nov.2012) Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.