O 2015 é ano electoral. Xa sabes como votar dende o estranxeiro?

Papeletas dunhas eleccións galegas CC-BY-SA Merixo

O 24 de maio celebraranse eleccións municipais (e tamén autonómicas nos territorios sen consideración de nacionalidade histórica) e no outono está prevista a celebración de eleccións xerais. Será un ano marcado por estas importantes citas políticas, procesos nos que os galegos e galegas que residen fóra de España teñen dereito a participar. Porén, o exercicio deste dereito non é automático, e require levar a cabo unha serie de trámites, sobre todo para aquelas persoas que acaban de chegar ao estranxeiro.

Moitos e moitas, abofé, á vista das estatísticas, que nos din que non deixa de crecer o número de mozos e mozas galegas obrigadas a marchar a outros países na procura de traballo ou do desenvolvemento das súas carreiras profesionais. Tan só en 2013 12.300 galegos e galegas marcharon ao estranxeiro (máis outras 14 mil que se dirixiron a outras comunidades autónomas). Unha boa parte desta emigración é, ademais, de persoas moi novas: só no primeiro semestre de 2014 2.151 galegas e galegos de entre 16 e 35 anos marcharon vivir fóra de España.

Para todos aqueles e aquelas que queiran formar parte do Censo de Residentes Ausentes (CERA), os prazos son moi curtos, pois deben formalizar a súa inscrición nos consulados antes do 31 de decembro. Aquelas persoas que xa estean inscritas como residentes e mudaran o seu domicilio tamén deben notificar o seu nova enderezo no consulado español antes desa data. Porén, cómpre ter en conta que as persoas inscritas no CERA non poden votar nas eleccións municipais que se celebren en España, aínda que si nas xerais e autonómicas. Os e as inscritas no CERA poden soliciatar o seu voto de forma non presencial e poden, igualmente, exercer o seu voto por correo (remitíndoo ao consulado) ou de forma presencial nas urnas instaladas en embaixadas e consulados.

Este censo de residentes ausentes non deixa de crecer. Os últimos datos publicados, correspondentes a novembro deste ano, amosan que hai 429.793 galegos e galegas inscritas no CERA. un trinta por cento máis que, por exemplo, en 2008 (334.134). Porén, de igual xeito cómpre ter en conta que a cifra final de votantes procedentes deste grupo é moi baixa, sobre todo despois das reformas introducidas nos últimos anos: nas últimas eleccións europeas, das 418.730 persoas inscritas, só votaron 5.874 (o 1,4%) e nas xerais de 2011 a porcentaxe foi superior (4,21%) pero igualmente baixa. Os 16 mil votos cera destas xerais pouco tiñan que ver cos máis de 90 mil das xerais de 2004.

Non é o CERA a única forma de votar dende o estranxeiro. Existe un censo de residentes temporais (ERTA), cuxo rexistro se abrirá unhas semanas antes das eleccións de maio, probablemente xa en marzo, e permanecerá aberto ata finais de abril

Porén, non é o CERA a única forma de votar dende o estranxeiro. Existe un censo de residentes temporais (ERTA), cuxo rexistro se abrirá unhas semanas antes das eleccións de maio, probablemente xa en marzo, e permanecerá aberto ata finais de abril. Esta inscrición debe facerse de forma presencial nos consulados e ten unha validez dun ano. Neste caso, non se causa baixa no padrón municipal en Galicia e a persoa que o faga si pode votar en todas as eleccións, tamén nas municipais.

Nesta modalidade, o rogo do voto debe facerse de forma presencial. Polo tanto, recoméndase (sobre todo ás persoas que non teñan un consulado preto) realizar de forma conxunta a inscripción consular e o rogo de voto ao mesmo tempo, ao longo do mes de abril, para aforrar unha viaxe. O voto realízase por correo, remitíndoo á Oficina do Censo Electoral, en Galicia, como un voto por correo tradicional.

A Marea Granate ten publicado información útil para as persoas interesadas, e tamén mapas coa localización dos consulados en Europa e noutros continentes. Entre as recomendacións prácticas que ofrecen está a de buscar información sobre a existencia de consulados honorarios máis próximos, no caso daqueles lugares que non contan cun consulado ou embaixada. Hai consulados que ofrecen a posibilidade de realizar certos trámites a distancia, pero tamén nestes casos cómpre informarse previamente. Tamén se pode atopar información na páxina do Ministerio de Asuntos Exteriores cos requisitos esixidos nos diferentes trámites.

Papeletas dunhas eleccións galegas CC-BY-SA Merixo
Escrutinio do voto do CERA © España Exterior

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.