"O 26X pode haber menor participación pero en cambio unha maior mobilización da xente nova"

As enquisas prevén un pequeno descenso da participación, pero as solicitudes de voto por correo disparáronse Dominio Público Praza Pública

Hai 35 anos a campaña institucional do referendo de aprobación do Estatuto de Autonomía pedíalles aos galegos e galegas "anque chova, vota", en previsión de mal tempo (votouse un 21 de decembro) e dunha participación moi baixa (por certo, ao final non choveu, pero a abstención superou o 70%). De cara aos comicios deste 26 de xuño unha das preocupacións non é a chuvia, senón máis ben o sol, o tempo de praia (así o indican as previsións meteorolóxicas) e o feito de estarmos xa nun período vacacional. E, unido a isto, unha posible "fatiga" nalgúns sectores da poboación motivada pola repetición electoral e a falta de acordo para a formación de Goberno.

"É posible que haxa unha menor tensión xeral, o que pode levar a que o nivel de participación sexa menor. Pero, en cambio, nalgúns ámbitos, coma o voto xuvenil ou o voto urbano, creo que vai haber máis mobilización"

En efecto, as enquisas publicadas nas últimas semanas presaxian un pequeno descenso da participación, dun par de puntos como moito (no 20D votou o 61,53% do censo en Galicia e o 69,7% en España). Porén, outros indicadores, coma o gran crecemento das solicitudes de voto por correo, poderían estar indicando unha maior mobilización, cando menos dalgún sector do electorado, aínda que certos analistas reducen a explicación deste fenómeno á data (finais de xuño, fin de semana posterior a San Xoán) no que se celebrarán as eleccións. Os politólogos Aina Gallego e José Fernández-Albertos dialogan este luns sobre este tema en El Diario.

"O que en xeral din as enquisas é que baixaría un pouco a participación, un punto ou dous" -comenta o analista Carlos Neira- "Porén, hai outro dato, o do incremento do voto por correo, que non creo que se explique unicamente por unha cuestión estacional. O voto por correo é un dos indicadores que aventura o nivel de mobilización, polo que estaría a indicar un crecemento da participación". "Estas dúas cousas semellan contraditorias entre si, pero non o son, estamos falando de públicos diferentes. É posible que haxa unha menor tensión xeral, o que efectivamente pode levar a que o nivel de participación sexa menor. Pero, en cambio, nalgúns ámbitos, coma o voto xuvenil ou o voto urbano, creo que vai haber máis mobilización", destaca. "O feito de que en Galicia o voto por correo se incrementase menos que no resto do Estado, ten que ver cunha cuestión demográfica, pola menor porcentaxe de poboación nova", engade.

"Os electores de Unidos Podemos e En Marea votan máis por correo, en parte porque a realidade sociolóxica e laboral das xeracións máis novas é que moitos tiveron que marchar fóra traballar. E este incremento indicaría que este grupo está máis activado que hai seis meses. É certo que en perspectiva histórica o voto por correo vén medrando de forma continuada en cada elección, aínda que despois non se incrementase a participación, e isto é así porque cada vez hai máis xente desprazada. Pero a forte suba que se produciu agora implica un fortalecemento dese voto de cambio fronte ao establishment, contra o bipartidismo ampliado", explica.

"Ese electorado de centro polo que compiten o PSOE e Ciudadanos vai ser o sector menos mobilizado. É ese sector o que, cando se activa, produce os resultados sorpresa que desmenten as enquisas, coma en 1993 e 2004"

Carlos Neira cre igualmente que "o PP vai mellorar o seu resultado" e que "ese crecemento do PP, aínda que sexa en porcentaxe e non en votos, vai chegar polo desinchado de Ciudadanos". "Ese electorado de centro polo que compiten o PSOE e Ciudadanos vai ser o sector menos mobilizado. É ese sector desideoloxizado o que, cando se activa, determina os niveis máximos de participación e produce os resultados sorpresa que desmenten as enquisas, coma en 1993 e 2004, en favor do PSOE en ambos os dous casos", subliña. "Hai que ver o electorado por compartimentos. Creo que en Galicia si vai haber descenso da participación, pero a xente nova pode mobilizarse máis agora, animados polo resultado de decembro ou pola posibilidade de sorpasso, mentres que ese sector de centro, desideoloxizado, pode desmobilizarse máis", resume.

 

A quen beneficia e a quen prexudica a abstención

"Durante moito tempo a abstención prexudicaba o PSOE. Pero en Galicia os maiores resultados electorais das forzas alternativas ao bipartidismo sempre se deron en eleccións con baixa participación"

Adoitaba dicirse que a abstención prexudicaba á esquerda. "Depende do que chamemos esquerda e de se aí metemos o PSOE", responde Carlos Neira. "Efectivamente, durante moito tempo a abstención prexudicaba o PSOE. Pero en Galicia temos a lectura histórica, avalada polos números, de que os maiores resultados electorais do nacionalismo ou das forzas alternativas ao bipartidismo sempre se deron en eleccións con baixa participación. Eses momentos case sempre coincidiron con malos resultados do PSOE, momentos en que houbo unha desmobilización do voto do PSOE e nos que ademais unha parte do voto se transferiu a esa terceira forza, que si é quen de mobilizar o seu electorado, independentemente das subidas de baixadas de participación", explica. "Nos últimos anos, a dualidade do voto do PSOE fixo que unha parte fose cara as mareas e outra cara a Ciudadanos. Asistimos a un esfarelamento do espazo da socialdemocracia, o que lle daba ao PSOE as súa vitorias electorais", comenta.

Nas eleccións do 20 de decembro a participación en Galicia descendeu lixeiramente con respecto aos comicios de 2011 (pasou do 62.21% ao 61.53%). Pola contra, no conxunto do Estado si se produciu un pequeno incremento. O descenso experimentado en Galicia ten que ver, en parte, polo gran peso do censo de residentes ausentes (CERA), entre o que apenas o 4% exerceu o seu dereito ao voto. De feito, contando unicamente o censo de residentes en Galicia si se produciu unha suba da participación (do 70.48% ao 73%).

Contando unicamente o censo de residentes en Galicia si se produciu unha suba da participación (do 70.48% ao 73%)

Analizando a evolución da participación en eleccións nos últimos anos obsérvase claramente o impacto que tivo a aprobación en 2011 de maiores controis no voto exterior, que levou a porcentaxe de votos emitido do 30 ou 35 por cento a tan só o 2,5% dun censo CERA sempre crecente. Cómpre salientar, igualmente, que mentres que entre 1993 e 2008 a participación nas eleccións xerais en Galicia era superior á que se rexistraba noutro tipo de convocatorias, nas últimas dúas lexislaturas é nos comicios municipais onde atopamos a maior mobilización.

Cartaz do referendo autonómico Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.