O alcalde de Antas funcionarízase de urxencia a si mesmo e á súa dona

Casa do Concello de Antas de Ulla © Concello de Antas

O Concello de Antas de Ulla, no límite das provincias de Lugo e Pontevedra, celebraba pleno municipal este martes. Á oposición municipal, formada por tres edís do PSdeG e dous do BNG, sorprendeuna que o equipo de goberno, sustentado por seis concelleiros do PP, incluíse como asunto de urxencia a funcionarización de catro prazas de persoal laboral, un procedemento no que só sería rechamante a súa premura se tres delas non "beneficiasen" directamente "ao propio alcalde, á dona deste e á conxuxe dun edil do PP", sinala a voceira socialista no municipio, Pilar García Porto.

Trátase, nomeadamente, dunha praza de auxiliar administrativo, doutra de administrativo e dunha terceira de asistente social. A primeira corresponderíalle ao rexedor, Javier Varela, a segunda á súa dona e á terceira á dun membro do propio PP. "Preguntámonos porque houbo tanta présa por meter" estas prazas "como asunto urxente e a que vén tanta improvisación, a nós isto non nos cheira ben", di García Porto, quen matiza "nós non estamos en contra" de transformar prazas de persoal laboral en funcionario, "senón de que se faga con persoas afíns e que ocupan cargos políticos; estamos a falar de claro nepotismo dentro do Concello, que non conta cunha Relación de Postos de Traballo (RPT) malia estar obrigado a facela".

Outra das beneficiadas é a muller dun edil do PP, destaca o PSdeG

Mentres, segundo recolle La Voz de Galicia, o alcalde defende que non existe "ningunha sombra de sospeita" sobre a operación xa que tanto el como a súa muller traballan no consistorio dende 1993, antes de ser alcalde, o PSdeG local ve "oportunismo e indecencia", ademais dunha nova mostra da "política caciquil do PP, de sálvase quen poida", segundo a cal "se afunde o barco, eu vou diante; eles son sempre os primeiros" e por iso "empregan o concello como unha empresa propia para lucro dunha persoa que é, nin máis nin menos, que o señor Varela e a súa esposa"

O actual alcalde é fillo do anterior rexedor

Tras a aprobación en solitario destas catro prazas, que segundo os socialistas supoñen máis de 90.000 euros ao ano, García Porto valora impugnar os postos do alcalde, da súa dona e da cónxuxe do seu concelliero mentres esixe que "a cúpula do PP e o seu presidente en Lugo", José Manuel Barreiro, "dea explicacións" e "tome medidas ao respecto" porque "ademais de incorrer" no que sería "un grave delito, o único que conseguirá é enturbiar o traballo diario" nun Concello no que "este non é un feito illado", senón "unha práctica habitual desta familia, pois toda a veciñanza sabe que quen colocou ao señor alcalde e á súa dona foi o seu antecesor no cargo, que foi nin máis nin menos que o seu propio pai".

"En Antas de Ulla -asegura- o PP fixo o mesmo que Baltar na Deputación de Ourense: antes de marchar do cargo deixou ben amparado ao fillo". Por este motivo, di, a cúpula do PP debe "dicir se apoia ou non este comportamento" ou, pola contra, fan o propio "coa transparencia e a igualdade de oportunidades". Se non desautorizan a actuación de Javier Varela para a socialista quedaría "demostrado que ao PP lle dá igual que moitos veciños de Antas estean no paro" mentres "asegure a súa saga e o seu futuro" con este caso, "inaudito na provincia de Lugo e en Galicia", asegura.

Javier Varela, alcalde de Antas © Concello de Antas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.