O alcalde do Porriño deféndese con fondos públicos das imputacións por corrupción

Recortes do decreto que autoriza o pagamento CC-BY-SA Praza Pública

Prevaricación continuada, suborno, malversación de fondos e tráfico de influencias. Son os delitos que se lle imputan ao alcalde do Porriño, Nelson Santos (PP), quen segundo a Fiscalía asinou durante anos contratos con empresas afíns de maneira "indiscriminada" e obviando a lei "de maneira absoluta", mesmo chegando a non constar "por escrito ningún dos contratos relativos a centos de prestacións". Todo isto sucedía nun panorama salferido de obras pagadas pero non realizadas, beneficios a militantes e achegados e enchufes admitidos polo propio rexedor. Este é o pano de fondo no que Santos decidiu financiar a súa defensa xurídica nestes casos con fondos do propio Concello.

Nun contexto no que mesmo o presidente do PP local admite que o alcalde falsificou facturas e no que as denuncias de enchufismo chegaron da propia oficina de emprego da localidade -a súa directora, segundo informou El País, foi destituída tras denuncialo- o grupo municipal do BNG vén de atopar ese pagamento. Foi, concretamente, "na revisión da conta xeral de 2013", que vai ser aprobada no pleno. O voceiro porriñés da formación frontista, Pedro Pereira, explica en conversa con Praza que, ao comprobaren "tanto informes de intervención como facturación", atoparon "un decreto asinado polo alcalde o 13 de marzo de 2013" no que nomea "o despacho de avogados Lealtadis de Vigo" para que o defenda nas causas nas que está imputado, a coñecida como operación Multiusos, e para que o Concello "se faga cargo da defensa".

O gasto pode chegar aos 18.000 euros, dos que xa foron abonados case 5.000

Nese decreto Santos designa o devandito bufete para que "indistintamente", o "asistan, representen e defendan" e para iso autoriza o gasto de 4.840 euros "en concepto de provisión de fondos" para pagar as minutas. Posteriormente, o 20 de maio, produciuse unha corrección do decreto no que se reservan novos importes. Nomeadamente, para a causa xudicial 168/2013 o goberno local prevé gastar 7.260 euros, "correspondendo 4.840 á fase de instrución e 2.420 para a fase de xuízo oral e/ou apelación para o suposto de que non se arquive o asunto". Para as dilixencias 36/2014 o consistorio prevé gastar 10.890 euros. En total, máis de 18.000. Segundo a documentación atopada polo Bloque o Concello xa realizou en abril de 2013 a primeira transferencia de cartos aos avogados, a dos 4.840 euros.

A xurisprudencia avala o pagamento en caso de absolución

Mentres aínda ecoa a condena de sete edís en Compostela por decidir pagarlle o avogado a un compañeiro de gabinete imputado na Pokémon sen atender aos requisitos legais o BNG porriñés evita "facer comparacións con outros concellos" pero, en calquera caso, reclama que o alcalde "anule o decreto e devolva os cartos abonados até o momento polo Concello para a súa defensa". Os informes "da Fiscalía e da policía xudicial", lembra Pereira, impútanlle ao alcalde "varios delitos de prevariación continuada en contratos públicos, de malversación, de tráfico de influencias, contra os dereitos dos traballadores". En definitiva, "non estamos ante un caso" derivado "das súas funcións como cargo público", senón "dun abuso do seu cargo, dunha desviación de poder" que "non debe ser costeada por fondos públicos".

O BNG local cre que se os edís non imputados apoian o alcalde tornarán en "cómplices" da corrupción

Nelson Santos, sinala o voceiro nacionalista, "só estaría lexitimado" para realizar esta operación "se existise unha sentenza absolutoria", pero nunca antes. Non en van, lembra, "hai xurisprudencia" que indica que este tipo de pagamentos só se poden realizar en asuntos derivados do exercicio do cargo e en caso de absolución. Se así fose "entenderíamolo e defenderíamolo" pero neste caso "non é de recibo", xa que hai unha "converxencia con intereses particulares" que nada ten que ver co desempeño ordinario da alcaldía.

Este é o marco no que se desenvolverá a vindeira sesión plenaria no Porriño, prevista para o vindeiro luns e na que o Bloque, a través dunha moción, volverá solicitar a dimisión de Santos e dos dous concelleiros imputados na mesma operación, José Manuel Jacobo e Manuel Alejandro. "A moción -salientan- inclúe a esixencia de que os concelleiros e concelleiras do goberno do PP que non están imputados se posicionen sobre esta insostible situación" xa que, "de non o facer así, estarán amparando e sendo cómplices das mesmas prácticas corruptas". Asemade, o BNG convoca a veciñanza a unha concentración contra a corrupción antes do pleno para "esixir responsabilidades" e "expresar a súa repulsa ante esta situación".

Nelson Santos, alcalde do Porriño © Concello do Porriño
Pedro Pereira e Aurora Rivas, do BNG do Porriño CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.