O avogado do maquinista de Angrois reclama que Adif aclare quen decidiu non avaliar o risco da curva

Cortabitarte, ex-director de Seguridade de Adif, abandona os xulgados de Santiago en presenza de vítimas do accidente o 27 de xullo de 2017 CC-BY-SA Praza Pública

A curva de Angrois na que o 24 de xullo de 2013 descarrilou o tren Alvia provocando 80 mortes non foi avaliada por unha entidade independente antes da posta en servizo da liña de AVE Ourense-Santiago en decembro de 2011. Adif di que non era preciso, pero as vítimas do sinistro veñen de evidenciar que a empresa pública si que o consideraba necesario tanto en documentos como en reunións de seguimento da obra. Agora, o avogado do maquinista do Alvia, Francisco José Garzón, imputado desde o sinistro, vén de solicitar ao xuíz instrutor que cite a declarar a un cargo de Adif para que aclare quen e por que se decidiu non facer esa avaliación independente da curva. O letrado, nun escrito presentado este luns no xulgado, tamén pide ao instrutor que poña o foco igualmente en Renfe por non achegar á causa varios documentos que se lle reclamaron sobre como deitou toda a responsabilidade no condutor.

O letrado pide ao xuíz que cite a declarar a un cargo de Adif e que poña o foco tamén en Renfe por non achegar á causa varios documentos que se lle reclamaron sobre como deitou toda a responsabilidade no condutor

A investigación xudicial sobre o sinistro está a centrarse en se Adif avaliou como debía os riscos existentes na liña Ourense-Santiago e en particular na curva de Angrois, onde o maquinista non freou a tempo e descarrilou sen que houbese activo ningún sistema de seguridade que evitase ou paliase o seu previsible erro humano. En novembro tres técnicos de Ineco, a empresa pública encargada de avaliar de xeito independente os riscos das obras de Adif, declararon no xulgado que esta só lles encargara analizar o AVE Ourense-Santiago ata uns metros antes da curva de Angrois, pero non ese punto, segundo Adif porque non era necesario xa que ao seu ver ese treito final se atopa xa fóra da liña de alta velocidade e é considerado unha liña convencional para a que non hai esa esixencia.

Porén, hai dúas semanas a Plataforma de Vítimas de Angrois fixo público un documento de Adif no que a propia empresa pública consideraba necesaria esa avaliación independente tamén na curva de Angrois. Do mesmo xeito, actas internas de reunións entre varios responsables da posta en servizo da liña revelaron discrepancias sobre se debía realizarse ou non esa avaliación, encontros que culminaron coa decisión de non realizala.

Agora, o avogado do maquinista reclama ao xuíz instrutor que cite a declarar, como testemuña ou como imputado, ao “responsable máximo da Dirección de Instalacións e Control do Tráfico, que adoptou esa decisión”, que pide que sexa identificado por Adif. A empresa pública tamén ten xa imputado ao seu daquela director de Seguridade na Circulación, Andrés Cortabitarte, responsable último en Adif de autorizar a posta en servizo da liña.

Non é a primeira vez que Adif ou Renfe ocultan ou demoran a entrega de documentos reclamados polo xuíz

O avogado do maquinista tamén pide ao xuíz que poña o foco en Renfe por non achegar á causa documentos que o maxistrado lle reclamou en outubro -non é a primeira vez que Adif ou Renfe ocultan ou demoran a entrega de papeis-, en particular os que recollan o procedemento polo que a operadora ferroviaria aceptou a “exportación de riscos” cara ao seu condutor realizada por Adif. Unha “exportación de riscos” que supuxo facer responsable en exclusiva ao maquinista de frear a tempo antes da curva de Angrois de 200 a 80 quilómetros por hora sen que houbese ningún sistema automático que o avisase ou paliase o seu posible erro. O avogado salienta, para ratificar a súa tese de que non existe esa aceptación de riscos por parte de Renfe, como ao seu ver esixe a normativa europea, que o director de Seguridade de Renfe, Antonio Lanchares, tamén imputado, declarou en novembro na súa comparecencia no xulgado que Adif non llo comunicou.

O maquinista do Alvia sinistrado non recibira formación adicional sobre o risco existente en Angrois, como asegurou Renfe

Pero o avogado tamén pon en dúbida o funcionamento interno de Renfe nesa área ao non facer nada para mellorar a seguridade cando un ano e medio antes do sinistro un maquinista xefe avisou por escrito dese risco de despiste e exceso de velocidade existente na curva de Angoris. Renfe escudouse no seu momento en que, tras esa advertencia, a decisión que se tomara fora a de reforzar a formación aos maquinistas para que prestasen máis atención a esas freadas bruscas. Porén, o avogado do maquinista pon en evidencia que no expediente formativo do seu defendido non figura que recibira esa formación a maiores, como xa desvelara El País hai catro anos.

Para aclarar esas cuestións o avogado piden que declaren na causa dous peritos de parte propostos por el mesmo expertos en condución ferroviaria e riscos por factor humano.

Acta na que Adif admite a necesidade dunha avaliación independente de riscos para o treito de Santiago no que está a curva de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.