O BNG aborda o "franquismo sen Franco" nunha conferencia en Bruxelas

Ana Miranda, Ana Pontón e Jon Juaristi CC-BY-SA BNG

Franquismo despois de Franco. Baixo este título, o BNG organiza en Bruxelas unha conferencia o vindeiro 20 de novembro, xusto 42 anos despois da morte do ditador. Neste luns, a voceira do Bloque na capital comunitaria, Ana Miranda, xunto a voceira nacional, Ana Pontón, e ao eurodeputado de EH Bildu, Jon Juaristi, presentaron o relatorio que pretenden denunciar tamén o "momento de involución democrática" que ao seu ver vive o Estado español e que "dá alas á extrema dereita".

O Bloque critica o "momento de involución democrática" que vive o Estado español e que "dá alas á extrema dereita"

Pontón lembra que hai “unha xustiza que encadea políticos por defender as súas ideas mentres continúan impunes os crimes da ditadura e non ve delito cando a Fundación Franco fai apoloxía do réxime, unha xustiza convertida na ala dura da dereita máis extrema como é o caso da Audiencia Nacional”.

Nesta conxuntura, o BNG organiza no Parlamento Europeo esta conferencia na que participarán académicos, historiadores, politólogos, responsables políticos, expertos e asociacións que traballan pola recuperación da memoria histórica, incluída a Xunta pro devolución do Pazo de Meirás, apoiada pola Deputación da Coruña e os Concellos da Coruña e de Sada.

O BNG denunciará o "amparo do espolio" e a "apoloxía da ditadura" por parte da familia Franco

Con este acto en Bruxelas, o Bloque denunciará tamén unha lexislación estatal "que ampara o espolio", en alusión á permanencia nas mans da familia Franco o Pazo de Meirás, as esculturas do Pórtico da Gloria ou o Pazo de Cornide en Galicia. "Por iso temos a obriga de actuar traballando desde o Parlamento, desde a Deputación da Coruña e agora tamén queremos levar o debate á Eurocámara”, insistiu Pontón.

Precisamente, Ana Miranda anunciou que o BNG vai presentar unha denuncia ante a Comisión de Peticións da Eurocámara contra a Fundación Franco, que se suma á interpelación por escrito presentada xa ante a Comisión Europea. “Resulta chocante na UE que exista unha entidade á que se lle permite facer apoloxía da ditadura e mesmo reciba subvención públicas, como os 50.000 euros outorgados polo Goberno de Feijóo para xestionar as visitas ao Pazo de Meirás”, indicou a portavoz en Bruxelas.

A conferencia do vindeiro 20 de novembro conta co apoio de dous dos grandes grupos presentes no Parlamento Europeo: GUE/NGLE e Os Verdes-ALE, e contará coa participación tamén de responsables da Comisión Europea “como executivo comunitario”, explicou Miranda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.