O BNG 'admite' que Ana Miranda "non existe", tras pedir UPyD que a CRTVG non informe sobre ela

Ana Miranda, en Estrasburgo CC-BY-NC-SA BNG

UPyD remitiulle unha solicitude á Xunta Electoral da Coruña para que suprima a cobertura informativa que a CRTVG realiza do BNG, e que en principio se axusta de forma proporcional aos votos obtidos na anterior convocatoria electoral. A formación liderada por Rosa Díez quere que a Xunta Electoral cumpra tamén aquí o criterio seguido para a asignación dos espazos electorais gratuítos, segundo o que o Bloque debe ter un tempo mínimo, ao entender que non se presentou aos anteriores comicios europeos. Na actualidade, a CRTVG dedica 27 segundos diarios a informar sobre a candidatura de Ana Miranda (fronte aos 150 segundos do PP, os 105 do PSdeG e os 14 de AGE), e UPyD quere que se reduzan a cero. No seu recurso, esta formación solicita que se elabore un novo plan de cobertura informativa "con exclusión do BNG, en tanto non ten neste proceso a consideración de forza parlamentaria".

UPyD solicita que se elabore un novo plan de cobertura informativa "con exclusión do BNG, en tanto non ten neste proceso a consideración de forza parlamentaria"

Obviamente o Bloque si participou neses comicios, formando coalición con ERC, Aralar ou Eusko Alkartasuna e obtendo en Galicia 103.000 votos, un 9,08% dos sufraxios galegos. A diferenza de Galicia, o criterio seguido polas xuntas electorais de Euskadi ou Catalunya foi o de computarlles a estas formacións o número de votos obtidos en 2009 no seu territorio, calculando en función deses votos o tempo correspondente nos medios públicos.

"O BNG admite publicamente que Ana Miranda non existe, que non é máis que unha invención da formación nacionalista coa intención de rendibilizar esta ficción con fins electoralistas e coarse nos informativos dos medios públicos galegos"

O BNG xa presentou unha alegación a este recurso de UPyD, sobre o que a Xunta Electoral deberá pronunciarse nas vindeiras horas. Porén, ademais, respondeu a esta petición con retranca, admitindo a través dunha nota de prensa que "Ana Miranda non existe": "O BNG admite publicamente que Ana Miranda non existe, que non é máis que unha invención da formación nacionalista coa intención de rendibilizar esta ficción con fins electoralistas e coarse nos informativos dos medios públicos galegos", din e engaden que "o Bloque vese forzado a admitir este “engano á cidadanía” despois de que UPyD presentase este 9 de maio un recurso contra o plan de Cobertura da CRTVG aprobado esta semana polo Consello de Administración do ente público".

A nota engade que Miranda "é unha creación ficticia desta organización, un produto de mercado na procura dun rostro en que poder simbolizar as aspiracións do nacionalismo galego" e que "Ana Miranda nunca estivo no Parlamento europeo en representación do BNG. Os centos de documentos, fotografías, vídeos, escritos que mostran a súa presenza na Eurocámara entre xaneiro de 2012 e xuño de 2013 son un o resultado dunha manipulación masiva, posible grazas ás novas tecnoloxías".

 

Na manifestación de preferentistas e os emigrantes retornados

Miranda subliñou que “foi o BNG o que denunciou en Bruxelas o roubo e a estafa á que están sendo sometidos os preferentistas e os emigrantes retornados”

Ana Miranda participou este sábado xunto ao portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, na manifestación convocada en Pontevedra por colectivos de afectados polas preferentes e plataformas de emigrantes retornados. Na marcha, Miranda criticou “este modelo de Unión Europea de casino” que prima “aos bancos fronte ás persoas” e subliñou que “foi o BNG o que denunciou en Bruxelas o roubo e a estafa á que están sendo sometidos os preferentistas e os emigrantes retornados”, aos que animou a “saír á rúa a defender os seus dereitos”. "O BNG está coas persoas que sofren as consecuencias desta Unión Europea que afoga á xente mentras o PP os deixa tirados", dixo.

Miranda reclamou a devolución do 100% do aforro dos afectados por preferentes e subordinadas e afirmou que en Galicia 35.000 estafados non recuperaron aínda todos ou parte dos seus aforros. O BNG tamén considera “un roubo” as multas que o Ministerio de Hacienda está a mandar aos emigrantes retornados galegos. A candidata do Bloque advirte de que esta é “unha decisión recadatoria, que ningún outro Estado membro da Unión Europea adoptou”, polo que está convencida de que “Bruxelas terá algo que dicir”. Por iso, vén de presentar unha denuncia en Bruxelas en defensa das pensións destes emigrantes.

Ana Miranda, en Estrasburgo CC-BY-NC-SA BNG
Ana Miranda, nunha manifestación de preferentistas e os emigrantes retornados © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.