O BNG agradece a "contribución económica" da súa militancia: "outros fináncianse con sobres"

Reunión dun Consello Nacional do BNG © BNG

O BNG agradece o "compromiso" da súa militancia. Despois de que transcendese aos medios de comunicación que o Consello Nacional do Bloque decidira pedirlles ás súas bases unha achega económica "extraordinaria" para facerlles fronte ás dificultades económicas, a secretaria de comunicación da formación frontista, Carme Adán, expresou este venres ante os medios de comunicación esa "contribución económica da militancia. Esas achegas, din, prodúcense "mentres outros partidos son financiados con sobres".

"O BNG séntese orgulloso do esforzo de toda a militancia" nun momento "de profunda crise económica" no que, explica, a dirección nacionalista tivo que artellar os mecanismos necesarios para "garantir a viabilidade" da organización, que se enfronta á caída de fondos derivada da mingua da súa representación institucional e tamén aos "recortes do PP nos fondos públicos para os partidos políticos e todo o relacionado coa democracia". Outras forzas, di Adán, obteñen cartos "de maneira opaca". Mentres, afirma, o BNG pide e "agradece o grande esforzo da súa militancia para continuar defendendo os intereses de Galiza".

Carme Adán subliña que "outros se financian de maneira opaca e con sobres"

Neste contexto, Adán subliña que esta "contribución económica voluntaria da militancia" foi establecida polo Consello Nacional como "forma lexítima de autofinanciamento", na que a contribución se "adapta ás diferentes posibilidades persoais". Esta medida forma parte dun paquete máis amplo que tamén implicou un axuste no cadro de persoal e nos salarios, así como un incremento das parte do salario que os deputados e deputadas lle achegan á organización.

O acordo do Consello Nacional foi transmitido á militancia polo propio portavoz nacional, Guillerme Vázquez, a través dunha carta na que lle explica que poderán optar por diversos tipos de cota, dende achegas puntuais de 1.000 ou 500 euros ata outras mensuais de 100, 50 ou 10 euros. En calquera caso, a dirección nacionalista pediulle á súa militancia que, no caso de verse na "imposibilidade de asumir ningunha" destas cotas, o comunique para que non se lle cobre.

 

Reunión dun Consello Nacional do BNG © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.